Skip to Content

Traballos por proxecto

A biblioteca, polo de creación para construír o noso invernadoiro

Este curso 2022-2023 a biblioteca foi novamente o eixe vertebrador dun novo proxecto de traballo colaborativo empregando a metodoloxía da aprendizaze baseada no pensamento e na reflexión.

A biblioteca dotou de recursos variados (guías, programas de deseño, tradutores, dicionarios etc.) os departamentos implicados na contrución dun invernadoiro xeodésico así como a instalación de sensores e captores  para o cultivo de plantas no seu interior.

A finalidade do proxecto interdisciplinar estaba na construción, a escala real, dunha cúpula xeodísica para o cultivo en bancais de plantas variadas.  Para iso houbo que investigar sobre as formas xeodésicas, comprender a súa resistencia e establecer un plan de traballo para a construción (recorte dos tubos, unións, superfice e lona). Este traballo foi liderado polo departamento de Tecnoloxía de 4º de ESO. Contouse tamén coa axuda do alumnado do 1º ciclo de Mecanizado para fabricar as piquetas de anclaxe do invernadoiro ao chan.

A función do invernadorio é o cultivo e por iso o depto. de Bioloxía implicouse co seu alumnado de 4º ESO  e FP Básica na selección de plantas e aprender sobre elas. Investigaron sobre a mellor época de plantación e de recolección, como coidalas (por exemplo o rego sostible) e algunhas propiedades delas a nivel culinario.

Era necesario facer unha cartelería para informar sobre cada planta e recollimos a información en 3 idiomas: galego, inglés e francés. Os departamentos de linguas estranxeiras traballaron moi rápidamente para ter as traducións operativas para logo deseñar a cartelería informativa.

O alumnado viu a necesidade de acondicionar o interior da cúpula para o coidado das plantas e monitorizar a cúpula con sensores de humidade e de temperatura. Unha vez máis o alumnado sabe resolver e propoñer solucións segundo as necesidades atopadas ao longo do proceso.

Contouse tamén cos coñecementos do profesorado do Ciclo Medio de Peiteado e Cosmética Capilar para a fabricación de xabón. O seu alumnado fabricou pastillas de xabón co esenciais naturais a partir das herbas aromáticas plantadas no noso horto escolar.

O dpto. de Matemáticas tamén estivo implicado no proxecto. A raíz da plantación de hortalizas fractais como a coliflor ou a col romanesco ou de plantas suculentas, fixeron un obradoiro para fabricar estructuras fractais en papel así como a documentación informativa. Durante os dous días da Feira TecnoCienciArte, o alumnado de 4º estivo realizando este taller a todo o alumnado do centro. Logo visitaban o invernadoiro e comprendían esta estructura fractal na natureza, a multiplicación repetida dunha forma.

Concienciados pola protección do medio ambiente, o alumnado fixo coa axuda do dpto. de Matemáticas uns modelos de caixas xeometrícas reutilizando papel de revista para empaquetar os xabóns e algunhas suculentas producidas no horto para agasallar ao alumnado de 6º de primaria durante a súa visita á feira TecnoCienciArte.

O departamento de Lingua Galega e o EDLG colaboraron na revisión lingüística dos textos informativos así como nas entradas que fixo o alumnado de 4º TIC no blog de Perdourando e no artigo da revista escolar Maruxía. Foron moitos días de traballo en equipo con reparto de tarefas e respectando os prazos para que finalmente todo saíra listo para a súa divulgación na I Feira Tecnocienciarte do IES Perdouro celebrada nos días 14 e 15 de xuño.

Este proxecto serviu a ensinar ao alumnado a utilizar destrezas de pensamento científico para convirtilos en bons pensadores. Esta práctica colaborativa onde o alumnado comparte ideas, razoa e onde o profesorado guía facendo preguntas abertas estimula a motivación na aprendizaxe. O alumnado tivo que tomar decisións e resolver problemas, informarse, compartir, comparar e contrastar as fontes de información. Con toda esta información acumulada e a práctica compartida, o alumnado chega a unha conclusión ben reflexionada e fundamentada.

Como se pode observar neste ilusionante proxecto, a biblioteca traspasa os seus muros para dar respostas as necesidades detectadas e transformase no polo da creatividade e da creación conxuntamente.

O invernadoiro do IES Perdouro

Durante os dous últimos trimestres do curso 2022-23 construímos un invernadorio no IES Perdouro. Empregamos a biblioteca do centro como nexo de unión, coa participación da materia de Tecnoloxía co alumnado de 4º da ESO e as materias de Lingua Galega e Literatura (4º ESO), Inglés (4º ESO), 2ª Lingua estranxeira: Francés (3º ESO), Bioloxía e Xeoloxía (4º ESO – FPBásica), Matemáticas (2º e 4º ESO), TIC (4º ESO), EPeV (1º ESO), 1º CM de Mecanizado, CM de Peiteado e Cosmética Capilar, o departamento de orientación e o EDLG. Participaron tamén as familias do alumnado, sobre todo avós e avoas, que aportaron coñecemento e compartiron información de xeito interxeracional, engadindo unha importante dose de educación emocional. 

A finalidade do proxecto foi a elaboración dun invernadoiro para o centro. Realizouse dun modo DIY (Do It Yourself – Faino ti mesmo), para que o proceso fora exportable e cadaquén puidese construílo na súa casa. Instalóuselle tamén a infraestrutura necesaria (sensores de temperatura, humidade etc) para realizar unha plantación de vexetais totalmente ecolóxica, aprendendo sobre os mesmos no relativo á data de plantación, coidados, recolección, usos e incluso análise da súa forma. 

Para todo isto empregouse un sistema de traballo que combina a busca e tratamento da información, o método científico e a aprendizaxe baseada en proxectos, de xeito que o alumnado, ao ir superando os distintos obxectivos do currículo, observaba unha finalidade no seu proceso de ensino-aprendizaxe, traballando distintos temas transversais e adquirindo as correspondentes competencias curriculares. 

Este proxecto, que comezou coa idea de construír un invernadoiro, foise desenvolvendo de xeito que se acadaron moitos outros fins, por iso recibiu o nome de: Construímos unha estrutura xeodésica e plantamos un fractal? – Construímos un invernadoiro e plantamos unha coliflor?

Podes acceder a máis fotos do invernadoiro AQUÍ

Percorrido pola IIª Feira Tecnocienciarte


O luns 19 e o martes 20 de xuño celebrouse a IIª feira Tecnocienciarte, onde tivo cabida a tecnoloxía, a ciencia, as artes e, por suposto, as linguas. 

O percorrido constaba de 17 postos nos que o alumnado mostraba os resultados do seu traballo durante o curso:  

  1. Bingo da francofonía: 1º Bacharelato
  2. Unha viaxe por Francia: 3º ESO
  3. Ciclo Medio de Instalación de telecomunicacións: froitas musicais, carreiras de leds, instalación eléctrica dunha vivenda etc.
  4. Ciclo Medio de Peiteados e Cosmética Capilar: peiteados pin-up, coloración capilar, creacións de uñas pin-up e peiteados masculinos dos anos 50.
  5. Barco solar e coche solar de Tecnoloxía e Enxeñería de 1º de Bacharelato e App's xeniais con App Inventor de Educación Dixital de 3º ESO.
  6. Rampa de bólas, xogo de operación, estruturas de papel e videoxogos de Scratch de Tecnoloxía de 1º ESO. 
  7. "Océano", escultura en suspensión de Tecnoloxía de 1º ESO. 
  8. Competición de cubos de Rubik
  9. Proxectos de Tecnoloxía de 2º ESO: estruturas con variñas de papel, ábacos etc. 
  10. Trituradora de tapóns e extrusadora de plástico do Ciclo Superior de Mecatrónica Industrial. 
  11. Maquetas sobre a Prehistoria de 1º ESO
  12. Audioguía multilingüe de Lisboa de Lingua castelá e Xeografía e Historia de 4º ESO B2
  13. Esculturas na contorna de Ed. Plástica de 4º ESO e instrumentos musicais elaborados con plásticos de Música de 3º ESO.
  14. Cristalización do bismuto de Bioloxía, Xeoloxía e Ciencias Ambientais de 1º de Bacharelato.
  15. Mesas de cultivo, composteiros e aproveitamento das augas pluviais de Ciclo Básico de Fabricación e Montaxe. 
  16. Invernadoiro construído cunha estrutura geodésica e obradoiro de fractais de Tecnoloxía e Matemáticas de 4º ESO. 
  17. Recital en hologramas de Tecnoloxías da Información e a Comunciación e Literatura galega do século XX e XXI de 2º de Bacharelato.
A feira estivo moi concorrida xa que foi visitada por todo o alumnado, profesorado e persoal non docente do centro, polo alumando de 6º de Ed. Primaria do CEIP Virxe do Carme e polas familias. 
 
Podedes acceder ao álbum de imaxes AQUÍ

 

IIª edición de Tecnocienciarte

O luns 19 e o martes 20 de xuño celebramos a segunda edición de Tecnocienciarte, a feira de tecnoloxía, ciencia e artes, na que están incluídas por suposto as linguas, como vehículo de comunicación e como materia prima das artes. 

Durante estes dous días o alumnado do IES Perdouro, as familias e o alumnado do CEIP  Virxe do Carme poden visitar 17 postos nos que se mostrarán traballos, proxectos, experimentos... de Lingua francesa, Electrónica, Tecnoloxía, Mecatrónica, Xeografía e Historia, Lingua castelá, Plástica, Música, Bioloxía e Xeoloxía, Matemáticas, Tecnoloxías da Información e a Comunicación, Lingua galega etc. 

Fixádevos ben para saber cando vos toca visitala e tamén cando vos tedes que dirixir á biblioteca para asistir ao recital. 

 

 

 

 

Premio ao Proxecto con metodoloxía científica concedido pola Asesoría de Bibliotecas Escolares

Acabamos de saber que o noso proxecto "Construbot_Comeza a partida" de 4º de ESO no curso 21-22 foi recoñecido co Premio aos Proxectos con metodoloxía científica no VIII CONCURSO DE TRABALLOS POR PROXECTOS baixo a coordinación (ou coa participación) da biblioteca escolar. Estamos moi ilusionados co premio!!!!

Proxecto interdisciplinar: Construbot_Comeza a partida!

O alumnado de 4º da ESO confeccionou uns taboleiros de xogo construíndo e programando un robot dende cero así como as estratexias do xogo. 
O alumnado de Tecnoloxía encargouse do deseño, impresión, programación, cableado dos robots. 
 
O alumnado de Francés ideou as estratexias dalgúns taboleiros retando o robot a desprazarse polo taboleiro, a parar diante dun obstáculo e mesmo a bailar cando o xogo llo requiría. As tarxetas dos xogos están redactadas en varios idiomas: galego, castelán e francés.
 
Seguindo co traballo interdisciplinar, en Matemáticas, en Bioloxía, en Xeografía e en TIC, axudaron na creación das misións dos taboleiros para avaliar os coñecementos nestes campos. O departamento de Lingua Galega colaborou na revisión lingüística.

Foron moitos días de traballo en equipo con reparto de tarefas e respectando os prazos para que finalmente todo saíra listo para a súa divulgación na I Feira Tecnocienciarte do IES Perdouro celebrada nos días 14 e 15 de xuño. Foi todo un éxito. Pasaron polas mesas de xogo o alumnado de ESO e de 6º de primaria e foron quenes - non sempre - de completar o xogo.

Se queres ver o proceso, accede aquí á reportaxe fotográfica. 

Artigo publicado na Revista escolar Maruxía 28.

I Feira de Tecnoloxía, Ciencia e Arte do IES Perdouro: Tecnocienciarte

O martes 14 e o mércores 15 de xuño terá lugar a I Feira de Tecnoloxía, Ciencia e Arte do IES Perdouro. 

Tecnocienciarte pretende visibilizar o moito traballo que o alumnado e o profesorado desenvolven ao longo dun curso. Ten como obxectivo mostrar o resultado de traballar de forma interdisciplinar e por proxectos. Ademais, a mesma exposición dos proxectos serve tamén de aprendizaxe. Queremos que a tecnoloxía, a ciencia, a arte (e, por suposto, a lingua) saian das aulas e que coñezades as distintas experiencias explicadas polos seus propios artífices. 

Este é o horario de visitas da I Feira Tecnocienciarte do IES Perdouro. 

Haberá 11 mesas expositoras nas que o alumnado mostrará máis de 25 traballos repartidos por departamentos: 

- Mesas 1, 2 e 3: Dpto. de Tecnoloxía e Dpto. de Francés
- Mesa 4: Dpto. de Electrónica  
- Mesa 5: Dpto. de Imaxe persoal 
- Mesa 6: Dpto. de Lingua e Lit. galega/PT 
- Mesa 7: Dpto. de Lingua e Lit. galega 
- Mesa 8: Dpto. de Plástica 
- Mesa 9: Dpto. de Administrativo 
- Mesa 10: Dpto. de Historia 
- Mesa 11: Dpto. de Bioloxía

Estratexia de ludificación na aula de Francés 4ºESO

En francés, a raíz do éxito televisivo e tirón da serie Lupín en Netflix, estivemos lendo unha versión adaptada das aventuras de Arsène Lupin e xogamos a un escape game da casa de edición francesa Marabout que nos serviu de inspiración para confeccionar as estratexias de 5 xogos bilingües de mesa articulados con robots preprogramados polo alumnado de tecnoloxía.

Tendo en conta os éxitos nas pantallas, o alumnado escolleu aventuras e persoeiros próximo ao seu recente mundo da infancia para elaborar os xogos de mesa.

Así pois a primeira elección foi as aventuras dun polo moi coñecido e algo desafortunado, Calimero. Máis para ir avanzando no xogo, había que resolver retos: compoñer quebracabezas, adiviñas, cálculo e unhas cantas preguntas sobre os tipos de mamíferos.

A segunda escolla, foi Xulio Vernes, autor de moitas das mellores aventuras. O libro escollido foi A volta ao mundo en 80 días para medir os coñecementos en xeografía e astucia dos xogadores. Houbo que lembrar o debuxo animado de Willy Fog e ler a versión adaptada do libro para idear as misións do xogo.

Outro xogo máis exótico inspirouse dun debuxo animado de Disney. O protagonista ía ser Stitch. Nos retos e enigmas para pasar de etapa había que saber idiomas, nomes de froitas e verduras, matemática e ter astucia e enxeño.

Un xogo polo que todos pasaron de novo é Super Mario. Neste taboleiro, Gomba, un fungo inimigo de Mario, está en busca da princesa. Gomba ten que ir levantando tarxetas para tratar de conseguir obxecos que lle permitirá seguir ou non o xogo.

Finalmente, o circo foi outro mundo que non podía faltar. O mono "patillo" tiña como misión atopar os plátanos agochados. Para iso tivo que seguir unhas pistas e descifrar enigmas: adiviñas, código morse, etc....

Como traballamos despois de acordar os equipos de traballo:

1º) Idear un mínimo de 5 retos / adiviñas / pistas / recompensas sobre o tema escollido: granxa, planisferio, illa deserta, circuíto, circo.
2º) Definir a situación de partida e o propósito/misión do xogo, e o premio final.
3º) Definir a puntuación: ganar puntos e/ou perder puntos.
4º) Crear as tarxetas do xogo: tarxetas narrativas, tarxetas pistas/falsas pistas, tarxetas recompensa, tarxeta retos/enigmas. O alumnado deseño as tarxetas en Canva cunhas medidas especiais que logo montaron nun documento odt para a súa impresión a dobre cara.
5º) Deseñar e fabricar o taboleiro nunha cartolina con elementos impresos en papel e plastificados. Algúns taboleiros teñen elementos 3D para que pare o robot e poñer a proba os seus sensores. O alumnado tivo que buscar por internet os debuxos que ía utilizar para ambientar o seu taboleiro. Tivo que escoller imaxes dunha certa calidade de resolución e redimensionalas á escala da súa impresión.

O alumnado ademais de ser competente en linguas (Francés, Galego e Castelán) tivo que empregar as TIC para a elaboración do material dos taboleiros e botar man dos seus coñecementos en cálculo, xeografía, bioloxía e cultura xeral para redactar as enigmas e adiviñas. Evidentemente demostraron moita creatividade tanto no deseño do taboleiro e tarxetas como na redacción das narracións de cada taboleiro.

Antes de último reto colectivo, estivemos xogando aos xogos dos compañeiros/as para probar que todo funcionarse e/ou corrixir algunha proba algo difícil de resolver.

Finalmente, chegará o gran día da Feira TecnoCienciArte onde divulgar estes proxectos interdisciplinares. O alumnado de 4ºESO será o mestre do xogo e poñerá a proba aos seus compañeiros de ESO.

Accede ás fotos do proceso AQUÍ.

Distribuir contido


by Dr. Radut