Skip to Content

Curso 2023-2024

Falan da Semana do Benestar e a Convivencia en Radio Cope

A raíz da primeira actividade da Semana do Benestar Emocional e a Convivencia, Ana Lestao (alumna de 4º ESO) e Yolanda Fernández (coordinadora de benestar e convivencia do IES Perdouro) foron entrevistadas en Radio Cope. 

 
AQUÍ tedes o enlace no que podedes escoitar a entrevista. Nela resumen a temática da charla de resiliencia da fisioterapeuta Raquel Marqués e informan sobre o resto de actividades preparadas para esta semana. 
 
Ben falado!

Aportamos o noso gran de area coa carreira contra a leucemia infantil

Hoxe celebramos a carreira "La vuelta al cole" contra a leucemia infantil promovida pola Fundación Unoentrecienmil.  

O noso alumnado de 1º e 2º ESO e algúns membros do profesorado percorreron o circuíto ata facer 448 voltas, co que conseguiron 448 €. O grupo que máis voltas conseguiu foi 1º ESO A con 91 voltas e, individualmente destacaron Sofía Ben, Óscar Fustes, Iago Maseda e Lucas  Basanta que deron 6 voltas ao circuíto. 
 
Á contía anterior súmase o resto da recadación reunida e a aportación económica da ANPA. En total son 860 € os que enviaremos á fundación para que a investigación sobre a leucemia infantil continúe avanzando.
 
Moitas grazas polas vosas ganas de colaborar e pola vosa xenerosidade.
 
Podedes acceder ás fotos AQUÍ

Participamos na carreira solidaria da Fundación Unoentrecienmil contra a leucemia infantil

Este venres 5 de abril de 10:00 a 11:00h celebrarase no IES Perdouro a carreira solidaria contra a leucemia infantil correspondente ao curso 2023-24. 

O alumnado de 1º e 2º ESO, profesorado e persoal non docente está convocado a participar na carreira que contará coa axuda do CM de Xestión Administrativa na súa organización. 

Pídese ás familias que actúen como patrocinadores e aporten os seus donativos. Cantas máis voltas se dean ao circuíto que se establecerá no camiño dos Colexios, maior será a doazón para a Fundación Unoentrecienmil. 

Esta fundación leva dez anos aportando fondos para a investigación contra a leucemia infantil, que é o tipo de cáncer máis frecuente durante a infancia. Avanzouse moito durante estes dez anos e queremos que o avance sexa o máis rápido posible. Fixéronse cambios no protocolo de tratamento da leucemia infantil en toda España e agora sabemos que o deporte axuda á curación, que a leucemia ten un compoñente xenético e que isto pode favorecer a prevención. 

Corremos por unha boa causa. Colabora con ela enviando o teu donativo ao centro a través da túa filla ou fillo ata o venres 5 de abril.

Charla formativa aberta para familias: "A comunicación cos adolescentes"

Contaremos coa psicóloga Nuria Revuelto Crespo para abordar a comunicación cos adolescentes. Esta actividade insírese no programa Lectura e Familias e tamén dentro da celebración da I Semana do Benestar Emocional e a Convivencia do IES Perdouro. 
 
A especialista en Educación Emocional impartirá un obradoiro destinado a nais e pais para a adquisición de habilidades e competencias persoais e emocionais no ámbito familiar dos adolescentes co obxectivo de reducir os conflitos e mellorar a convivencia xestionando de forma apropiada as emocións negativas e aprendendo a xerar emocións positivas.

Aberta a todas as familias de adolescentes ou preadolescentes. É preciso anotarse chamando ao 982 87 01 02.

Non faltedes á cita. Vémonos na biblioteca do IES Perdouro.

Mércores 10/04/2024 ás 18h30

 

I Semana do Benestar Emocional e a Convivencia no IES Perdouro

Despois dunha traxectoria de varios cursos atendendo á Educación Emocional do alumnado, organízase a Iª Semana do Benestar Emocional e da Convivencia.

O IES Perdouro participa ademais no programa Educación Responsable e esta semana de actividades comparte obxectivos co programa anterior: 

1. Promover o desenvolvemento saudable do alumnado, a partir do traballo co profesorado, co alumnado e coas familias.

2. Coñecer e comprender o que é a educación emocional, social e creativa. 

3. Utilizar a propia competencia emocional, social e creativa para acadar un maior benestar persoal, social e laboral. 

4. Incorporar na práctica educativa o desenvolvemento das competencias emocionais, sociais e creativas no alumnado. 

5. Contribuír á mellora do clima de convivencia no centro educativo e ao éxito escolar do seu alumnado.

 

Remata o prazo da recollida de pilas para o concurso Pilabot. Traede todas as que poidades!

Mañá venres 22 de marzo acaba o prazo para a recollida de pilas. Traede todas as pilas e baterías de litio que poidades e vádeas depositando na caixa da aula ou botádeas directamente no colector de diante de conserxería. 

O venres 22, titores ou delegados, como vós acordedes, debedes encargarvos de levar as pilas da aula á entrada do edificio 1, diante de conserxería. 

A organización do concurso pasará polos centros para pesalas como o curso pasado. 

Grazas pola vosa colaboración!

 

De novo 4º ESO B gaña o concurso mensual de Aulas Limpas

Por terceiro mes consecutivo 4º ESO B gañou o concurso mensual de Aulas Limpas. 

Neste mes de febreiro destacaron tamén a aula 101, de 4º PDC, e a 211, de 2º Bacharelato A. O grupo de 4º ESO PDC tivo o segundo posto durante estes tres meses e a súa aula é a que, polo momento, máis se achega á puntuación de 4º ESO B. 

As aulas que están en primeiro lugar destacan pola orde e a limpeza no chan, o taboleiro ordenado e a recollida de pilas e material escolar. Ademais, deixan sempre as luces, o ordenador e o proxector apagados. No único que terían que fixarse máis é en deixar as persianas e as ventás na colocación correcta: cunha ventá central aberta para ventilar e nos extremos as persianas baixadas e as ventás cerradas. 

Recordamos que non se poden pegar chicles debaixo das mesas porque iso tamén se revisa. 

Moitos parabéns ao grupo gañador e recomendamos constancia para o resto dos grupos. Quedan os resultados de catro meses de curso, de marzo a xuño. Aínda estades a tempo de gañar o concurso mensual Aulas Limpas e conseguir premio de cafetería no recreo para todo o grupo. 

Participamos no reparto de froita do Fondo Galego de Garantía Agraria

Este curso 2023-24 participamos no reparto de froita fresca do Fondo Galego de Garantía Agraria. Este reparto está financiado con Fondos Europeos. Con esta iniciativa foméntase o consumo de froita fresca e promóvense hábitos de alimentación saudable. 
 
Aproveitade para tomar froita fresca nos recreos!
 
Podedes ver máis imaxes do reparto de froita AQUÍ

 

 

Elaboración do mural 8M

Desde o Equipo de Biblioteca, propúxese que cada clase elaborara un mural en tamaño cartolina con imaxes de mulleres relevantes para elas e eles. Hai mulleres que foron ou son importantes a nivel histórico, cultural, deportivo... pero tamén moitas mamás. 

Nun día no que se reivindica o papel da muller e os seus dereitos, esta é a nosa contribución. 

 

Manifesto 8M 2024

Este é o noso manifesto para conmemorar o Día Internacional da Muller, lido polas compañeiras Nati Pedreira e Laura Alonso, de 1º de Bacharelato. 

O futuro será feminino ou non será!

 

Semana da muller: encontros literarios con Andrea Maceiras

O mércores 6 de marzo Andrea Maceiras conversará co alumnado de 3º e 4º de ESO e de 1º de Bacharelato sobre o proceso de creación das súas novelas e sobre a súa vocación como escritora. 

Profundará, concretamente, sobre Que me pare o corazón se te esquezo. Hai moitas razóns polas que o corazón está no título desta novela que trata temas como os retos nas redes sociais, a saúde mental, a amizade e o amor na adolescencia. Agardamos que nos vaia debullando os motivos que a levaron a tratar estas cuestións para así coñecer mellor o corazón da súa novela. 

Semana da Muller: obradoiro de escrita creativa e encontros literarios con Antía Yáñez

Este luns 4 e martes 5 de marzo Antía Yáñez estará no IES Perdouro para comezar cos actos da Semana da Muller con motivo de conmemorar o 8M. 

O alumnado de 1º ESO participará nun obradoiro de escrita creativa, o de 4º de ESO analizará a novela Non penses nun elefante rosa e o de 1º de Bacharelato, profundará no tratamento da muller en Senlleiras
 





Semana do 8M 2024

 

 

19 de febreiro: Día Internacional da LGTBIfobia no deporte

O 19 de febreiro é o Dia Internacional contra a LGTBIfobia no deporte. Elixiuse esta data para facer referencia ao día de nacemento de Justin Fashanu, o primeiro xogador de fútbol que falou da súa orientación sexual de maneira pública. Isto foi en 1990 e, naquel momento, foi vítima de acoso, tivo que acabar a súa carreira prematuramente e rematou coa súa vida oito anos despois. 
 
Para que sexamos conscientes de que está nas nosas mans acabar con estas inxustizas, o alumnado de 2º ESO A e de 1º ESO A e B elaboraron algúns traballos. Se pinchades AQUÍ, accederedes aos murais de 1º ESO e a continuación mostrámosvos a presentación de 2º ESO A. Se clicades no nome dos deportistas, coñeceredes a súa biografía. 
 

Curso AFD de Mecanizado por arranque de labra

Se es unha persoa desempregada e queres formarte, con este curso ampliarás as túas saídas profesionais podendo dedicarte ás construcións metálicas e a fabricación e reparación para o sector industrial, eólico e naval.
 
Contacta co centro para reservar a túa praza. 
Distribuir contido


by Dr. Radut