INFORMACIÓN RELATIVA AO INICIO DE CURSO 2020-2021

Importante stock de ilustración. Ilustración de grungy - 108957925

Estimados integrantes da nosa comunidade educativa:

Todo o equipo docente do IES Pino Manso comparte con vostedes as inquedanzas que senten ante o inminente comezo de curso.

Como seguramente coñecerán, o pasado xoves, día 27 de agosto, o Ministerio de Educación mantivo unha xuntanza con todos as Consellerías do ramo; nesa reunión acordáronse vinte e tres medidas, que son de obrigado cumprimento, e cinco recomendacións. Estamos á espera de que a Xunta de Galicia publique o novo Protocolo que dea resposta á Orde publicada polo Ministerio, a cal a nosa Consellería de Educación asinou.

Se non hai ningunha nova disposición no novo Protocolo que marcará a Xunta -a data que nos confirmaron dende Inspección Educativa é que esta se publicaría o próximo día 7 de setembro- as clases comezarán o día 16 de setembro.

O alumnado será convocado, segundo o nivel no que se encontre, a unha hora determinada. Nesa xornada só recibirán indicacións relativas ao horario, porta de acceso e de saída que deberán empregar, medidas de prevención que deben cumprir... etc.

Coincidimos con vostedes en que esta información que lles estamos ofrecendo lles resulte insuficiente; gustaríanos poder ampliala e tamén que esta fose máis concreta, pero os recentes acordos do Ministerio alteraron algunhas das indicacións do Protocolo que a Xunta publicou o pasado 22 de xullo. Esperamos instrucións máis concretas que, a día 31 de agosto, aínda non recibimos.

Solicitámoslles que estean pendentes da páxina web do noso centro. Esta será a canle para recibir a información; tamén empregaremos a aplicación Abalar Móbil para avisar, previamente, das publicacións que vaiamos realizando.

 

Atentamente,

Rosa María Fernández Calvo

Directora.