Lingua Galega

LUISA VILLALTA PERCORRENDO MONFORTE

22/05/2024 11:51
Europe/Madrid

O 16 de maio  de 2024, co gallo do Día das Letras Galegas, decidimos homenaxear a Luisa Villalta compartindo con todos os monfortinos e monfortinas os seus versos. 

Esta actividade, organizada polo EDLG en colaboración coa Biblioteca, o Dpto de Lingua Galega, e o Dpto. de Plástica pretende dar continuidade á iniciativa comezada o Día de Rosalía  cos poemas desta autora. 

Nos distintos carteis combínanse os poemas de Luisa Villalta cos códigos QR que dan acceso á música dalgunhas das súas cancións. 

Cómpre darlle ás grazas, polo seu  traballo,  ás profesoras Pilar López e Sara Porrit; así coma á alumna Nerea S. (1º BAC) polos retratos da autora. 

Exposición Luisa Villalta día das Letras Galegas 2024

22/05/2024 11:45
Europe/Madrid

Co gallo do Día das Letras Galegas, o 14 de maio de 2024, fixemos unha exposición na entrada do IES Río Cabe. Esta actividade está organizada polo EDLG, en colaboración coa Biblioteca, o Dpto. de Lingua Galega e o Dpto. de Plástica 

Os alumnos de Expresión Artística de 4º da ESO e a súa profesora Silvia fixeron varios trípticos alusivos á lingua e un retrato da autora homenaxeada este ano, Luísa Villalta. 

Tamén escollimos  unha pequena mostra da exposición de poemas “Luísa Villalta percorre Monforte de Lemos”. 

E, por último, expuxemos algúns dos poemas presentados ao Concurso de microrrelatos Letras Galegas 2024, que se fallará o día da Foliada Literaria. 

 

 

 

II Foliada Literaria Letras Galegas 2024

 

Este ano, o mércores 15 de maio do 2024, celebramos polo alto o Día das Letras Galegas Galegas  no IES Río Cabe. 

Como xa se vén facendo dende o curso pasado, festexámolo coa   II FOLIADA DAS LETRAS, na que se mesturan recitado de poesía, música, baile  e este ano, brindos…

 

 Comezamos coa actuación dun grupo de gaitas e pandeiretas de alumnos e alumnas de 1º de BAC, acompañados por algúns profesores. 

Seguimos coa biografía de Luísa Villalta, a homenaxeada este ano, a cargo de Demetrio e Ximena de 1º de BAC.

Despois, os alumnos de Música de 2º, 3º e 4º de ESO, dirixidos pola súa profesora Silvia bailaron dous pasodobres con muiñeira corrida. 

Deseguido, actuación do Dúo Periférico, cunha sorpresa: actuación do Grupo de brindos do IES Río Cabe. 

E, para rematar, a entrega de premios do Concurso de microrrelatos Letras Galegas 2024, con dous gañadores en cada categoría. Na categoría de 1º, 2º, e 3º de ESO os gañadores foron  Naira Mariño Serrai (2ºAESO) e África García Guitán (2º B ESO); e na categoría de 3º ESO, 1º e 2º BAC os gañadores foron Carmen López Fernández (1ºB BAC) e Manuel Augusto Alcántara Macías (1º A BAC).

Unha selección dalgúns momentos: 

 

Grupo de alumnos/as de 1º de BAC e algunhas profesoras…

 Os alumnos de Música de 2º, 3º e 4º ESO preparados para o obradoiro de baile…

Un dos grupos do centro -participaron todos- recitando poemas de Luísa Villalta. 

Actuación do Dúo Periférico cos alumnos do Grupo de brindos do IES Río Cabe acompañados da súa profesora do obradoiro de brindos, Sara  Porrit.

Actuación do Grupo de brindos do IES Río Cabe

O director do IES Río Cabe e a coordinadora de Dinamización fanlle entrega aos gañadores do Concurso de microrrelatos Letras Galegas 2024 dos diplomas e agasallos: entre outros, unha bolsa conmemorativa do Día das Letras cos versos de Luísa Villalta incluídos nos microrrelatos, deseñada pola profesora Sara Porrit. 

 

Este acto está organizado polo EDLG (Nuria Mariño, Pilar López e Sara Porrit) en colaboración con Bibliotecas Escolares, o Dpto. de Galego, Vicedirección,  Silvia do Dpto. de Música, Cristina Ouro do Dpto. de Plástica, e numerosos profesores do centro de distintos departamentos; así como de grande parte do alumnado do centro, da ESO e BAC.

 

 

 

 

 

Álbum: Escolares -> 2024_05_15_3ª AVA_FOLIADA

Xornal Mensual 2º ESO.

20/05/2024 18:05
Europe/Madrid

En 2º ESO seguen coas entrevistas para o seu xornal mensual!

 

Hoxe, 20 de maio de 2024, foi a quenda de Úrsula Nelson, xornalista e tradutora nada no Reino Unido e neofalante de galego. O alumnado fíxolle múltiples preguntas sobre o seu interese en aprender a nosa lingua, o seu día a día empregando o galego e mesmo sobre como cambiar de lingua sen perder a propia.

Grazas Úrsula por vir ata o Río Cabe a compartir con nós a túa experiencia!.

 

a.

1º ESO e 2º ESO. Maios en Monforte de Lemos

08.05.2024

 

Na tarde do 8 de maio de 2024 o alumnado de 1º ESO e 2º ESO acompañado da súa profesora de Lingua Galega e Literatura, Sara Porrit, participaron co seu Maio no Día dos Maios en Monforte de Lemos.

Álbum: Escolares -> 2024_05_08_3ª AVA_1º ESO_2º ESO_Maios_Monforte de Lemos

1º ESO e 2º ESO. Regueibertso. Igorre (País Vasco)

1,2,3 / 05 / 2024

 

Varios membros do IES Río Cabe dos cursos 1º ESO e 2º ESO que forman parte do Club de Brindos, acompañados da súa profesora de Lingua Galega e Literatura Sara Porrit, participan do 1 ao 3 de maio de 2024 no Regueibertso celebrado en Igorre (País Vasco). Trátase nun certame onde participa alumnado e profesorado involucrado na difusión, estudo e transmisión do canto improvisado.

Xunto ao alumnado do IES Río Cabe de Monforte de Lemos tamén participaron no encontro o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces e o CPI Afonso VII de Caldas de Reis. 

 

Pica AQUÍ abaixopara ver a galería de fotos da actividade:

Álbum: Escolares -> 2024_05_01_02_03_3ªAVA_1° ESO_2º ESO_Regueibertso - Igorre (País Vasco)

2º BACH. Relatorio de Olga Novo

11.04.2024

O xoves día 11 de abril de 2024 a escritora Olga Novo ofreceu un relatorio ao alumnado de 2º de Bacharelato. Un ano máis temos a sorte de recibir no noso centro educativo a unha gran poeta. Olga faloulle ao alumnado da súa experiencia como escritora, o nacemento do amor pola poesía e todo aquilo que a inspira para crear os seus poemas. Explicoulles os seus inicios no mundo literario e como a medida que pasa o tempo os roteiros temáticos van cambiando na súa obra. Olga acompañou o relatorio ensinándolle ao alumnado o seu caderno de poemas de cando era cativa así como obxetos que a inspiran para as súas composicións, por exemplo, un niño de paxaro. Foi unha actividade moi ilustrativa e que de seguro lles achegou moitos coñecementos no campo da literatura, especialmente de cara a ABAU.

O encontro coa poeta guímara foi organizado polo departamento de Lingua e Literatura Galega.


Moitas grazas, Olga! Sempre é unha honra contar contigo no noso instituto. Esperamos vover a verte en futuras ocasións.

Álbum: Escolares -> 2024_04_11_3ª AVA_2º BACH_Encontro con Olga Novo

2º ESO. Club de lectura

26.02.2024

 

O pasado 26 de febreiro o Club de lectura I de 2º da ESO tivo unha xuntanza para comentar O corazón de Xúpiter de Ledicia Costas, obra escollida como primeira lectura do curso. 

Houbo moitas opinións con respecto ao libro mais, en xeral, a sensación foi positiva e o alumnado quedou contento coa escolla aínda que ao final... se cadra é un pouco dramático de máis dixeron algúns. 

O emprego que facemos das redes sociais, o acoso escolar e a forma que temos de relacionarnos coas outras persoas, sexan familia, amigos ou parellas, foron algúns dos temas que suscitaron debate e que deron pé a ver como o noso día a día pode estar reflectido nunha obra literaria e que non todo é sempre o que aparenta.

Álbum: Escolares -> 2024_02_26_2ª AVA_2º ESO_Club de lectura

1º ESO e 2º ESO. IV Encontro Interescolar de Improvisación. A Pobra do Brollón

04 e 05. 4.2024

No IES Río Cabe sabemos moito de improvisación tradicional e ademais gústanos. Por iso dende o mes de xaneiro un grupo de trinta alumnas e alumnos vén participando nos recreos dos mércores no Club de Brindos, unha actividade na que aprendemos sobre a tradición de enfrontarnos verbalmente a través de coplas populares.

O pasado catro de abril este grupo de alumnado tivo a oportunidade de viaxar á Pobra do Brollón onde se levou a cabo o IV Encontro Interescolar de Improvisación con alumnado de Vila de Cruces, Caldas de Reis, Vilalba, o Courel e a propia Pobra do Brollón. 

Foron dous días de intensa convivencia con outros trinta e seis rapaces a rapazas onde ensinamos o que estamos facendo no noso instituto, fixemos unha xincana polo castro de San Lourenzo, participamos nun festival nunha Casa da Cultura Olga Novo completamente chea, durmimos nun pavillón e fixemos unha andaina polo Courel para chegar ata a casa de Uxío Novoneyra onde, para finalizar, cantamos brindos de homenaxe para o gran poeta da montaña. 

En breves, o Club de Brindos terá novas aventuras que contar mais, polo momento, quedámonos coa ledicia de ter compartido tempo, espazo e experiencia con rapazada que, coma nós, goza facendo e cantando coplas.

Entrevista en Onda Cero Monforte. Para escoitala, pica AQUÍ

 

 

 

Álbum: Escolares -> 2024_04_04_05_3ª AVA_1º_2º_ESO_IV Encontro Interescolar de Improvisación_A Pobra do Brollón

4º ESO e 2º Bacharelato: espectáculo A todo Risco

20.03.2024

O alumnado de 4º ESO e 2º Bacharelato acompañado das súas profesoras de Lingua Galega e Literatura, Pilar Martínez, Ana Otero e Sara Porrit, acudiron á Casa da Cultura Lois Pereiro para gozar do espectáculo teatral "A todo Risco" que Pepe Rodríguez da Fundación Vicente Risco trouxo a Monforte de Lemos. O monólogo literario estivo a cargo do actor Avelino González onde se mesturou humor, literatura da Xeración Nós, lingua e curiosidades da vila Monfortina.

 

Álbum: Escolares -> 2024_03_20_2ª AVA_4º ESO_2º Bach_Espectáculo A todo Risco_LGL
Distribuir contido