Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

Entrega premios Minerva 2023

 Para acceder a todas as fotos pinchar no enlace

O pasado mércores 12 de abril celebrouse no Colexio Peleteiro de Santiago de Compostela a cerimonia de entrega dos premios Minerva ao alumnado gañador. Do IES Eusebio da Guarda resultaron premiados co 3º premio de narración “A gran tormenta”, traballo de Marta Rodríguez González de 1º bach F; na mesma modalidade de narración foi galardoado co 1º accésit “Vivir morto”, o traballo de Samuel López García de 1º bach E.

Na compaña de familiares, membros do profesorado e a directora Isabel Ruso de Lago, Marta e Samuel recolleron cadanseu galardón ao remate dun acto onde todos os participantes, especialmente o escritor mentor Antonio García Teijeiro, premio nacional de poesía en 2017 polo seu libro Poemar o mar, animaron aos novos escritores e escritoras a perseverar no camiño da escrita. 

Desde a comunidade educativa do IES Eusebio da Guarda dámoslles os parabéns polo seu entusiasmo e implicación no camiño da creación literaria e o seu compromiso coa nosa lingua.

Departamento de Lingua e Literatura Galegas

Enlace a vídeos:

Visita a Lugo

Para acceder a todas as fotos da actividades pinchar no enlace

O día 19 de abril o alumnado de 1º Bacharelato da materia de Latín realizou unha saída didáctica á cidade de Lugo para tratar “in situ” o tema da romanización da Gallaecia acompañados polas profesoras Lisi Prado e Belén González.

A primeira parada foi a visita guiada sobre Romanización no Museo Provincial de Lugo onde puidemos contemplar pezas fundamentais da cultura castrexa e romana como o mosaico de Dédalo e Pasifae, o torques de Burela, a estela de Crecente, o bronce xurídico do Courel e apreciar o Museo en sí mesmo, antigo mosteiro franciscano.

Dirixímonos logo cara a Domus de Mitreo, excavación arqueolóxica dunha domus romana cun templo de Mitreo no seu interior onde tivemos a ocasión de ver os impresionantes cimentos da muralla de Lugo e a explicación por parte do guía do conxunto arqueolóxico. 

Finalizamos a visita a Lugo coa volta a pé da Muralla de Lugo (2.200 m) desde onde contemplamos todo o recinto da antiga Lucus Augusti e despeiunos da cidade o magnífico mural de  Iulius Caesar do xoven artista Diego As.

A  xornada resultou moi interesante e formativa  para o alumnado de Humanidades que, ademáis, desfrutou dun fermoso día de convivencia.

Departamento de Latín

O CLUB DE LECTURA CO ALUMNADO DO CEIP EUSEBIO DA GARDA

Para celebrar o 20 de marzo, Día Mundial da Narración Oral, o club de lectura de 1º da ESO preparou un contacontos para o alumnado do veciño CEIP Eusebio da Guarda. Organizaron seis sesión e convertéronse en contadoras de historias para os tres cursos de Infantil así como para 1º, 2º e 3º de Primaria. 

As obras elixidaS para Infantil foron Madrechillona, O peizoque Roque e A Cebra Camila. As nosas alumnas acompañaron as narracións con paneis moi vistosos, cancións e bailes. Os pequenos estaban tan entusiasmados que tiveron que improvisar e contarlles moitos contos máis dos que levaban preparados.

Para os primeiros cursos de Primaria, as obras elixidas foron O monstro de cores, conto para o que as narradoras prepararon materiais moi vistosos, unha canción e un baile, e varios relatos da obra Cuentos en verso para niños perversos, para os que as nosas contadoras se caracterizaron e representáronos de modo teatral. 

Esta actividade resultou moi bonita e satisfactoria tanto para as narradoras como para os atentos oíntes. Unha experiencia para lembrar!

Enlace ao blog

ROTEIRO CORUÑES DO REXURDIMENTO 1º BACH

Para acceder a todas as fotos da actividade pinchar no enlace

Nesta primavera o alumnado de 1º de Bacharelato participa nos roteiros didácticos organizados polo Departamento de Lingua e Literatura Galegas, destinados a coñecer mellor a nosa cidade e a súa importancia na época do Rexurdimento galego. Acompañado polo profesorado que guía a explicación dos diferentes lugares emblemáticos, o alumnado participa co recitado de poemas dos escritores e escritoras conmemorados no percurso do roteiro.

Primeiramente visitamos o edificio onde viviu Eduardo Pondal na rúa Xoana de Vega, a casa da escritora Francisca Herrera Garrido, veciña de Rosalía de Castro, que morou xunto a Manuel Murguía e familia nesa mesma rúa do Príncipe, o teatro que leva o nome da poeta na rúa Rego da Auga, e a Real Academia Galega que presidiu Manuel Murguía, situada no mesmo edificio que a Casa Museo de Emilia Pardo Bazán.

Tamén recorremos o fermoso Xardín de San Carlos para vermos o sepulcro de Sir John Moore e ler un anaco do poema que Rosalía creou na súa honra, e que tamén se pode ler esculpido no muro da terraza desde a cal podemos contemplar a espectacular vista sobre a dársena coruñesa.

Finalizamos o paseo nos Xardíns de Méndez Núñez, deténdonos primeiro fronte á monumental escultura de Asorey dedicada a Curros Enríquez, explicando o seu simbolismo e a finalidade funeraria coa cal foi construído este monumento.

Por último, despedimos o roteiro diante da estatua de Pondal, o autor da letra do himno galego, coas pernas cansas, a mente chea de novos coñecementos e unha nova perspectiva da nosa cidade.

Departamento de Lingua e Literatura Galegas

1º BACHARELATO TRAS AS PEGADAS DE ROSALÍA

Para acceder a todas as fotos da actividade pinchar no enlace

O Departamento de Lingua Galega e Literatura e o Equipo de Dinamización Lingüística organizaron o xoves 14 de abril o ROTEIRO DE ROSALÍA DE CASTRO para o alumnado de 1º de Bacharelato como unha actividade didáctica contemplada na Programación para o curso 2022-23.

Uns 140 alumnos e 8 profesores partimos cara Padrón para visitar na Matanza a Casa-Museo de Rosalía onde as guías deron boa conta da vida de Rosalía e a súa familia desde 1883 ata  1885, data do seu pasamento, nesa vivenda.

A continuación fomos andando ata Colexiata de Iria Flavia onde puidemos escoitar da profesora Beni Vidal a historia de Santa María . Alí na Adina estaban enterrados os avós e pai de Rosalía, e alí tamén o foi ela o 15 de xullo de 1885, e case seis anos despois trasladáronse os seus restos a Santiago, ao Panteón de Galegos Ilustres.

Reserváramos tamén unha visita na Fundación Camilo José Cela, situada enfronte de Iria, e alí os guías fixéronnos un percorrido pola vida e obra do Nobel de Literatura, para rematar coa Exposición adicada a Cela e a Picasso no 50 Cabodano do pintor. 

A continuación visitamos a Exposición adicada á chegada do ferrocarril a Galicia.

E chegado o mediodía puxemos rumbo a Compostela cara a Alameda a facer a nosa homenaxe a grande Rosalía. Alí o alumnado leu algúns dos poemas máis fermosos de Cantares Gallegos e Follas Novas.

Pola tarde reunímonos na praza do Obradoiro para contemplar a fermosura da catedral, o pazo dos RRCC, o pazo de Raxoi e o de San Clemente. Seguimos andando por San Martín Pinario ata chegar a San Domingos de Bonaval, a nosa última visita, esta vez para visitar o Panteón de Galegos Ilustres e renderlles homenaxe a Castelao, Brañas, Cabanillas, Fontán, Asorey e a Rosalía, obxectivo principal do noso camiño polas pegadas de Rosalía.

Esta saída co alumnado de 1º de Bacharelato esperamos que fose un complemento á formación de Lingua e Literatura á vez que unha xornada de convivencia entre profesorado e alumnado.

Damos as grazas aos profesores Mª Teresa Pastor, Dulce Fernández, Beatriz Gonzalez-Moro, Elena Miranda, Lisi Prado, Daniel Varela e Antonio Fondo que tan ben nos acompañaron e tanto nos axudaron.                                 

Beni Vidal, xefa do Departamento de Lingua Galega e Literatura.

Charla/obradoiro do youtubeiro Éric Dopazo

Para acceder a todas as fotos pinchar no enlace

O pasado venres 31 de marzo levouse a cabo unha actividade integrada no contrato-programa Inclúe, liña Iguála-T, organizado pola profesora coordinadora do grupo Iguais na Diversidade, Noemí Díaz, dentro do apartado “Obradoiros”, en en colaboración co Equipo de Dinamización de Lingua Galega. Tratouse dunha charla/obradoiro que tivo lugar no Salón de actos, dirixida ao alumnado de 3o ESO, do músico e youtuber Éric Dopazo, que escribe música e fai videos en lingua galega en Youtube, ademais de ser premiado como mellor youtubeiro en 2022 (no concurso Youtubeir@s). Rapaz trans (aínda que este non foi o tema principal do obradoiro, pero é importante para naturalizar e poñer en valor a diversidade das persoas) ofreceu un relatorio lúdico e distendido sobre aspectos autobiográficos e tamén sobre diferentes personaxes históricos, dende unha perspectiva provocadora, acaída para a idade do auditorio. Dende o EDLG, a coordinadora do mesmo, Teresa Pastor Novo, quixo agradecer de igual xeito o seu compromiso co uso da lingua galega, achegándoa aos tempos modernos e apta para ser empregada en todos os foros. Por tal motivo, recibiu un agasallo deste equipo, de mans da profesora e membro do EDLG, Noemí Díaz.

O Instituto Eusebio da Guarda elemento fundamental na formación de Picasso

 Para acceder a toda a información en Twitter pinchar no enlace

Intercambio con Fontenilles, Francia

Para acceder a todas as fotos pinchar no enlace

Un ano máis un grupo de 33 alumnos e alumnas de 3º de ESO pasou a súa semana de intercambio organizada polo departamento de francés  co colexio Irène Joliot-Curie, en Fontenilles, unha localidade próxima a Toulouse. Ao longo da semana viviron unha intensa inmersión lingüística nas súas familias de acollida, pero tamén visitaron as cidades de Toulouse, Auch e Carcassonne, foron recibidos polo alcalde de Fontenilles, que lles explicou os símbolos da República , acudiron a unha antiga fragua para descubrir un oficio tradicional, observaron os distintos postos do mercado “Victor Hugo” de Toulouse, mercaron produtos típicos, recibiron un curso de cociña dun chef francés e realizaron moitas outras actividades, deportivas e culturais, organizadas polo centro. O programa culminou coa festa de despedida que nos ofreceron as familias, na  que tivemos a ocasión de agradecer todas as mostras de hospitalidade. Os dous grupos interpretaron as cancións que tiñan preparadas en francés e español. Todos os asistentes coincidimos en valorar moi positivamente este encontro que cada ano intensifica os vínculos entre ambos os centros, pensando xa na  continuidade desta enriquecedora experiencia.

Enlaces a videos de diferentes actividades:

Vídeo 1
Vídeo 2
Vídeo 3

Joyeux Poisson d´avril !

 

 Para acceder a todas as fotos pinchar no enlace

Os alumnos de 1º de ESO de francés celebran esta simpática tradición cunha exposición chea de colorido.

En Francia, o primeiro de abril, os rapaces poñen peixes de papel nas costas da xente dicindo "Poisson d´avril". Ademáis hai bromas nos xornais, na televisión... e mesmo nos colexios. Coidado coas inocentadas! 

Visita de Fuco Paz Souto no centro

Toda a información da actividade pinchando nos seguintes enlaces:

 

Intercambio coa Escola Torunska de Varsovia, Polonia

Estes días está no noso instituto o alumnado da Escola Torunska de Varsovia, Polonia, cos seus profesores. Pasarán unha semana de intercambio cultural co programa Erasmus +

Proxecto Neo

Este curso desde o EDLG do IES Eusebio da Guarda, integrámonos no Proxecto Neo, unha iniciativa que naceu hai xa moitos anos en Burela da man do profesor Bernardo Penabade, e que busca potenciar e visibilizar os e as neofalantes de toda Galiza a través da radio escolar. 

Así, pescudando na nosa comunidade educativa demos con varios/as neofalantes de diversos tipos; profesores/as ou estudantes, todos/as teñen en común un uso consciente da lingua, a constancia no emprego do idioma, e mais un proceso de fonda reflexión sociocultural e histórica que impulsa ao compromiso lingüístico. Hai quen descubriu o galego coas escolas infantís da Galiña Azul, ou quen se namorou das variedades dialectais dos seus avós e avoas, quen abrazou o galego por amor e quen o fala por pura lóxica. 

Hai neofalantes para todos os gustos. Convidámosvos a coñecelos/as e, por que non? A deixarvos enfeitizar.

Para acceder a toda a información do proxecto Neo pinchar no enlace

 

                                         EDLG do IES Eusebio da Guarda

Tres premios Stephen Hopkings para o IES Eusebio da Guarda

 

Para acceder a máis imaxes pinchar no enlace. Todas as fotos do evento no seguinte enlace

O día​ 24 de Marzo deste ano 2023 todos os estudantes de STEMbach do bienio 2021-2023 do instituto presentaron os seus traballos en Santiago de Compostela na xornada de exposicións​ dos​ Premios Stephen Hawking, convocados polo IES P Rosalía de Castro​. Nesta convocatoria todos os traballos do noso centro foron seleccionados,  máis o de outra compañeira que realizou o seu proxecto na materia Cultura Científic​a o curso 2021-2022. 

Nesta ocasión, fomos o segundo centro máis galardoado, por detrás do Rosalía de Castro. Dous dos seis terceiros premios e un dos catro segundos foron para o noso instituto. O primeiro premio foi para unha estudante do IES P Rosalía de Castro, polo seu traballo Acelerador Magnético. ​Cítanse a continuación todos os nosos traballos pola orde de exposición, e se mencionan aos premiados. Para nós todos eles son gañadores, como demostran as notas de sobresaínte ​que acadaron nas súas defensas o 1 de Febreiro. Noraboa a tod@s!!!. Excelentes traballos!!!. 

Programación de un robobo para a conducción autónoma, de Hugo Herrador e titorizado por Beatriz Sixto e Minia Prego

Creando vida en el laboratorio: construyendo células artificiales funcionales, de Paula Alcalde e Sol Davó, titorizadas por Daniel Varela. ​

3º premio. Estudio in vitro de la citotoxicidad y de la genotoxicidad de las nanosferas de oro sobre las célula​s gliales, de Elisa M. Rodríguez, ​Antón Jopia e Iago Cabana, titorizados por Mª Jesús Mourazos.

3º premio. Competente, atractiva y mujer, la combinación imposible (de momento​), de Inés Vazquez Rey, titorizada por Mª Jesús Mourazos. 

2º premio. Efecto de la ansiedad sobre las vías moduladoras del dolor, de Bruno Bolaño, titorizado por Mª Jesús Mourazos​. 

Teoría de grafos aplicada á ensamblaxe do xenoma, de Carla Dopazo, titorizada por Beatriz Sixto e Minia Prego. 

A xornada completouse cunha actividade grupal, na que o grupo no que participaba o estudante Antón Jopia tam​én recibiu o premio do xurado. 

                                                                                                                Equipo STEMbach

Grao en Xestión Cultural

O pasado martes 21 de marzo visitounos o Decano da Facultade de Humanidades da USC, Gonzalo Fernández Suárez, para falarnos do novo Grao en Xestión Cultural (Campus de Lugo, USC) e das súas saídas profesionais. Unha opción especialmente interesante para os nosos titulados de Ciclos Superiores de Axencias e Guías xa que se desexan realizar estes estudos universitarios convalidan 30 créditos. Agradecemos a Gonzalo a súa amabilidade e disposición para resolver as dúbidas do noso alumnado.

Máis fotos da homenaxe a Rita Suárez Amado

 Para ver todas as fotos pinchar no enlace

Intercambio con Stamford y Francia

Stamford School 2023

Intercambio con Fontenilles 

DÍA DA POESÍA

Para acceder a todas as imaxes pinchar no enlace

Hoxe 21 de marzo de 2023 celebramos o día da Poesía. O protagonista da conmemoración deste día e o poeta Dario Xohán Cabana (1952-2021) ao que a Real Academia Galega réndelle homenaxe.

O IES P. Eusebio da Guarda súmase a esta celebración facendo unha exposición dedicada a Darío Xohán Cabana e a súa obra poética na que se analiza a contribución do escritor á literatura galega e o seu compromiso coa nosa lingua. Destacan as reproducións dalgúns dos seus poemas que se poden considerar xa "clásicos" da literatura galega. Ademáis plásmanse na exposición outros textos poéticos de autores da súa xeración posteriores, e non podía faltar o mestre Xosé Luis Méndez Ferrín.

Dita exposición complétase cos poemas compostos polo alumnado que por un día converteuse en poeta.

Finalmente o profesorado do departamento de Lingua Galega e Literatura recitou algúns dos poemas de Darío Xohán Cabana que gravou en audio  e podedes escoitar.

 

 

  

FELIZ DÍA DA POESÍA!!!!

                                                                    Departamento de Lingua Galega e Literatura 

Charlas informativas FP

Para acceder a todas as fotos pinchar o enlace

O pasado mércores 15 de marzo os dinamizadores de FP Dual Alfonso Pereira (IES Fernando Wirtz) e Ana Álvarez (IES A Sardiiñeira) foron convidados polo Departamento de Orientación para achegar ao alumnado de 4º de ESO e 1º e 2º de bacharelato as oportunidades que ofrecen os itinerarios dos Ciclos Medios e Superiores de Formación Profesional, en especial a modalidade dual. O alumnado interesado poderá completar a información recibida visitando os centros de formación profesional da cidade na semana do 27 ao 31 de marzo dentro das Xornadas de Orientación Universitaria e Profesional (XOUP 2023) organizadas polo concello de A Coruña.

Entrega premios Rita Suárez Amado

Acceso á información do artigo publicado en La Voz de Galicia. Pinchar no enlace

Inés Rey preside a entrega de premios. Máis información na web do concello. Pinchar no enlace

 

Visita de persoeiros: José Alfeirán Rodríguez

Para acceder a todas as imaxes pinchar no enlace

Onte, 14 de marzo, recibimos a visita do catedrático e historiador José Alfeirán Rodríguez, no marco dunha actividade coordinada polo profesor de Xeografía e Historia Abel Fernández Maroño, en colaboración co EDLG. Logo do recibimento e presentación realizados pola directora Isabel Ruso de Lago, deu comezo o seu relatorio nun Salón de Actos ateigado, destacando a presenza de varios profesores e profesoras e mais o alumnado dos 1ºs de Bacharelato de CC. Sociais e Humanidades xunto co de Letras. O profesor, erudito en Historia Contemporánea, explicoulle á mocidade o contexto sociopolítico no que se desenvolvería o nacemento e primeiros anos de vida na cidade herculina dunha das coruñesas con máis proxección internacional: María Casares.

Reputada actriz de teatro e cine, houbo de trasladar a súa residencia a Francia, con apenas oito anos, cara a un longo exilio, ao ser represaliado o seu pai, Santiago Casares Quiroga, quen fora ministro e xefe de Goberno da Segunda República Española, baixo a presidencia de Manuel Azaña.

Nunha lección maxistral, o profesor Alfeirán engaiolou un auditorio con diversas curiosidades explicadas a partir do álbum fotográfico familiar conservado. Así, entre outras, explicou o seu segundo nome, Victoria, cunha foto onde aparece unha pequecha María, vestida cun curioso vestidiño “pelele”, coas pernas espidas. Seica a gadaña da tuberculose deixara varias fendas familiares e por iso, os pais decidiron vestila deste xeito, mesmo no cru inverno, para que se fixese forte e aturase todos os embates das doenzas infantís, co fin de que saíse vitoriosa no duro camiño da vida.

Outra fotografía que deu pé a interesantes comentarios, foi a dunha María moza, xa na súa faceta artística, nunha estampa que daquela resultaba irreverente: abrazada a un rapaz e ataviada seguindo a moda das mulleres “flappers” americanas, unha adiantada aos seus tempos.

En definitiva, unha charla que suscitou o interese do alumnado e do profesorado alí presente. Tralo acto, o historiador foi agasallado cun prato de Sargadelos, entregado pola directora Isabel Ruso de Lago. Asemade, a coordinadora do EDLG, Teresa Pastor Novo, aproveitou para lembrarlle ao auditorio que aquí, na nosa cidade, foron creadas as Irmandades da Fala en 1916, sendo un dos seus principais obxectivos impulsar o uso do galego en todos os ámbitos sociais e culturais, polo que lle agradeceu dobremente o seu labor divulgativo empregando a nosa lingua e, en xeral, o seu compromiso coa cultura propia, ao mergullarnos nunha intensa viaxe  pola vida da grande actriz coruñesa, María Casares. Por todo isto, a coordinadora, en representación do EDLG, tamén lle fixo entrega dun agasallo de cerámica galega.

                                                                            Teresa Pastor Novo

                                                                            Coordinadora do EDLG 

Distribuir contido


by Dr. Radut