COMUNICADO DO DEPARTAMENTO DE LINGUA E LITERATURA GALEGA DO IES DE FENE

   
 O Departamento de Lingua Galega e Literatura do IES de Fene acordou por unanimidade manifestar o seu apoio ao documento feito público onte, luns día 18 de xaneiro de 2010, pola Real Academia Galega co título de  Análise das Bases para o Decreto de Plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia no que se rexeitan as Bases propostas polo Goberno Galego remitidas a esta Institución o pasado30 decembro de 2009.

  O Departamento desexa facer fincapé nalgunhas das ideas desenvolvidas pola RAG, argumentos que substentan o desbotamento das  citadas Bases.

1- As Bases propostas polo actual Gobeno galego NON se substentan na mellor organización do proceso pedagóxico, e poderían supoñer un marcado retroceso no proceso de normalización infrinxindo así a lexislación vixente.

2. A base legal de calquera política lingüística que vele pola convivencia pasa pola necesidade de corrixir positivamente unha situación histórica de desigualdade desfavorable ao galego. Son lícitas na actualidade as políticas que pretenden facer normal o uso da lingua desfavorecida para garantir o dereito constitucional de coñecela e usala.

3- Tamén se fai constar un principio básico da xurisprudencia, a denominada discriminación positiva para corrixir desigualdades históricas. En base a isto establécense procesos de normalización progresivos. O galego pode ser legalmente centro de gravidade no ensino sempre e cando se garanta a aprendizaxe e uso do castelán no sistema escolar; ese é o límite do marco legal vixente.

4- Critícase o tratamento neutro que as Bases propostas polo Goberno galego dan as linguas: Galego. castelán e inglés, ao 33,33%?,  dando por feito o equilibrio e a igualdade nun claro acto de desigualdade, mesmo incluindo unha língua que non é oficial que se iguala ás duas oficiais.
 
5. Denuncia que a enquisa vinculante dirixida aos pais polo Goberno galego a fins do curso anterior non é legal. O Tribunal Constitucional nega o dereito a que os pais elixan a lingua do ensino. Esta é unha tarefa dos poderes públicos obrigados a corrixir o desequilibrio e a desigualdade. Ademais, unha enquisa oficial e legal nunca  debe formular preguntas de resposta condicionada. Este requsito non se cumpriu tampouco en dita enquisa.

 

     Fene, 19 de xaneiro de 2010

     A Xefa do departamento

 


     Asdo. Mª Pilar Sanmartín Alonso