2018/19

MARATÓN DE LECTURA

O pasado xoves 16 de maio tivo lugar na biblioteca o xa tradicional maratón de lectura do IES Pedras Rubias.

Consistiu na lectura ininterrompida en voz alta do libro Romarías e santuarios de Galicia, obra de Antonio Fraguas Fraguas, autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas.

Coordinados polo noso mestre de cerimonias D. José Luis, ex-docente do centro, participaron tanto o alumnado, o profesorado, coma o persoal non docente, que foron agasallados con un diploma.

MARATÓN DE LECTURA

FALAR SEN CANCELAS

O trío de artistas formado por Isabel Risco, Fran Rei e Pedro Brandariz acudiu o mércores 15 de maio ao IES Pedras Rubias para representar Falar sen Cancelas.

Esta obra é un espectáculo de humor galego e está dirixida por Diego Rey e producida por Culturactiva SCG.

A comunidade educativa puido gozar da experiencia e compenetración artística destes tres cómicos, que foron intercalando sobre o escenario unha serie de diálogos, gags e xogos de improvisación.

Partindo da descuberta dun andazo que fai que non poidan falar galego en público e, incapaces de quedar cruzados de brazos perante semellante problema, os acontecementos foron desembocando nun aloucado espectáculo cheo de retranca, improvisación e reflexións cómicas sobre a galeguidade.

FALAR SEN CANCELAS

RECITAL DE POESÍA

O martes 14 de maio, dentro do Programa das Letras Galegas e en conexión co proxecto “En paradoiro descoñecido”, alumnado de todos os niveis do IES Pedras Rubias recitou unha ampla escolma de poemas e cartas, que tiñan en común un único fío condutor: a represión franquista. Todos eles aluden a situacións ou contextos da falta de liberdade, medo ou represión.

O recital iniciouse cunha peza musical, a banda sonora de Amelie, interpretada a piano por Sara Usera de 2º ESO. A continuación, as voces do alumnado estiveron acompañadas da proxección de diapositivas de fondo que incluían conceptos e imaxes referidos nos poemas. Finalmente, igual como se empezara, rematouse con música: Una mattina de Ludovico Einaudi, interpretada pola mesma alumna.

Noraboa a todos e todas e grazas pola vosa colaboración!

RECITAL DE POESÍA

Presenación do cadro: A derradeira leición do mestre

O pasado luns 13 de maio tivo lugar a presentación dun cadro elaborado polo alumnado de 4º de ESO na materia de Plástica.

Trátase dunha réplica do óleo pintado por Castelao en Bos Aires A derradeira leición do mestre en homenaxe ao seu amigo Alexandre Bóveda, fusilado o 17 de agosto de 1936.

A técnica empregada foi o fiorama (fíos de cores tensados e enrodelados arredor dun conxunto de cravos sobre unha base de madeira) e o resultado marabilloso.

Noraboa polo voso traballo!

Presenación do cadro: A derradeira leición do mestre

PROGRAMA DAS LETRAS GALEGAS

Moitas e diversas foron as actividades para conmemorar as Letras Galegas este curso no IES Pedras Rubias.

Ao longo de toda a semana na área de Lingua Galega e Literatura todo o alumnado estivo a afondar na figura do autor homenaxeado este ano, Antonio Fraguas Fraguas. Para iso utilizáronse diferentes recursos, tanto en papel (os cartaces enviados pola Xunta de Galicia, cuestionarios...) como telemáticos (vídeos, entrevistas, telexornais... da rede).

O luns 14, coa cerimonia de presentación do cadro A derradeira leición do mestre.

O martes tivo lugar o recital de poesía a cargo de alumnado voluntario de todos os niveis.

O mércores todo o alumnado acudiu ao salón de actos á representación da obra de teatro Falar sen cancelas.

O xoves realizamos o maratón de lectura da obra Romarías e santuarios do autor homenaxeado, Antonio Fraguas Fraguas.

E, por último, o luns 20 de maio rematou o prazo do concurso de marcapáxinas.

Agardamos que todas estas actividades fosen do voso agrado e gozásedes con elas e coas nosas letras.

Principal.png

FINALISTAS NO VII CERTAME DE RELATO CURTO

Este curso 4 alumnas e 2 alumnos de 4º de ESO presentaron os seus relatos e xusto todas as rapazas resultaron finalistas. Trátanse de Nerea Almeida, Ariadna Álvarez, Yashira Álvarez e Noelia González.

Se queredes deleitarvos coas lecturas dos mesmos, premede nos seguintes enlaces.

Nerea Almeida

Ariadna Álvarez

Yashira Álvarez

Noelia González

Noraboa e moita sorte para a final!

VISITA Á ILLA DE SAN SIMÓN

O pasado 6 de maio o alumnado de 4º de ESO viviu unha xornada memorable, na que houbo tempo para o recordo, a homenaxe, a convivencia e, como non, o lecer.

Acompañados unha vez máis do alcalde de Salceda de Caselas, D. Marcos Besada, do escritor e historiador D. Xosé Ramón Paz Antón e, por suposto, do profesorado integrante do proxecto En Paradoiro descoñecido, visitou a illa de San Simón. Alí atopáronse co alumnado e profesorado dos IES de Ames. Todos xuntos percorreron este paraíso da ría de Vigo e coas explicacións da guía coñeceron moitos máis detalles da súa historia.

Logo dun tempo lúdico realizando unha busca do tesouro e degustando o gorentoso botín, nun pequeno acto converteron este espazo de referencia na Illa da Memoria e renderon homenaxe ás vítimas da represión franquista.

Para comezar, os alumnos Ariadna, Yashira, Daniel e Mateo interpretaron unha breve peza musical coa que crearon o ambiente imprescindible de sensibilización para que Noelia Fernández, Guillermo, Andrés, Yashira e Ariadna relatasen de forma breve a historia de San Simón como cárcere dos combatentes republicanos e anarquistas durante a Guerra Civil, e represaliados antifranquistas trala contenda. Coa súa potente e, á vez, sentida voz, Alexandre recitou o poema de Claudio Rodríguez Fer “Contra o exterminio atroz”; e Carlota (alumna do IES de Ames) continuou a homenaxe recitando “Cunetas” de Luís Pimentel. Agoney clamou e conseguiu unificar unha petición unánime de liberdade e democracia. A continuación, o escritor e historiador Paz Antón falou dos salcedenses que estiveron presos na illa, e Yoel, Pacheco e Víctor leron os fragmentos do libro Salceda de Caselas republicana 1936 no que figuran os seus bisavós e recollen as súas experiencias. Para pechar este emotivo acto, a música volveu soar con Ariadna, Yashira, Daniel e Mateo.

A xornada de convivencia entre ambos centros continuou en Redondela cunha camiñata que os levou ata a praia de Cesantes, na que os e as máis valentes ata se bañaron.

Principal.png

CONCURSO AS IMAXES DO PATRIMONIO

O alumnado do IES Pedras Rubias animouse a participar no II Certame de recollida de imaxes de patrimonio inmaterial galego-portugués proposto pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... nas ondas! Con esta iniciativa pretendíase recuperar e pór en valor as fotografías antigas con valor patrimonial.

Seguindo as bases, as fotografías presentadas recollían diferentes aspectos relacionados co Patrimonio Cultural Inmaterial (oralidade, saberes tradicionais, ciclo festivo anual...), pero tiñan que ser anteriores a 1970. Ademais, cada imaxe debía ir acompañada dun texto no que se incluían os seguintes aspectos: lugar, data aproximada, persoas que aparecen e relación da imaxe co Patrimonio Cultural.

As fotografías presentadas polo alumnado participante (de 1º e 4º ESO) recollían moitos aspectos característicos do noso patrimonio, como son a emigración, as vodas por poderes (que o alumnado descoñecía), a educación, a guerra, os casamentos, os bailes...

Grazas á aportación dos nosos concursantes, coa colaboración das familias, estas imaxes usáronse no ámbito escolar e déronse a coñecer ao resto do alumnado.

Grazas pola participación e sorte!

Principal.png

E VOLVEMOS XOGAR!

Debido á boa acollida que tiveran o pasado curso os 25 xogos tradicionais prestados pola Concellaría de Xuventude do Concello do Grove, de novo este curso repetimos a iniciativa.

A finalidade que se pretende é promover e conservar o noso patrimonio inmaterial a través dos xogos tradicionais.

Desde o 29 de abril ao 3 de maio, nas sesións de Educación Física, o alumnado puido xogar da forma máis tradicional. E aqueles/as que quedaron con máis ganas, puideron repetir durante os recreos, xunto ao profesorado que tamén se animou, que non foi pouco!

Principal.png

Powered by Drupal - Design by artinet