Ciencias Sociais

O IES Pedras Rubias participa no Programa Segura-mente

O alumnado de Economía de 4ºESO participa neste curso no Concurso do programa "Segura-mente" de ABANCA, en colaboración coa Consellería de Educación da Xunta de Galicia e consistente na presentación dunha idea de negocio.

Recentemente abriuse o prazo de votación popular para ser escollido entre os mellores proxectos. O alumnado de 4ºESO A solicita a vosa axuda para conseguir ese obxectivo. Por favor, clica no seguinte enlace e vota a opción de 4ºA (a que ten máis votos). Á hora de votar ides recibir un correo de confirmación.

Non esquezades confirmar o voso voto!!

Moitas grazas pola vosa colaboración!

 

Exposición. Os castros do Pedras Rubias

Exposición sobre os castros no IES Pedras Rubias

Durante estas semanas, os andadeiros da planta baixa do IES Pedras Rubias acollen diversas maquetas e réplicas de poboados castros feitas polo alumnado de 1ºESO, plasmando así nunha tarefa práctica os coñecementos teóricos adquiridos na materia, combinando saber e creatividade.

Desde o Departamento de Xeografía e Historia queremos salientar e felicitar aos participantes polas súas fantásticas creacións.

 

Proxecto. Por un instituto máis limpo e ecolóxico!

O IES Pedras Rubias súmase á loita en prol do clima!

O pasado luns, 7 de febreiro, os departamentos de Ciencias Naturais e Ciencias Sociais iniciaron unha campaña de recollida de tapóns, acompañada dunha actividade motivadora para o alumnado de 1º ESO, consistente na elaboración con eses mesmos tapóns, de frases, expresións ou símbolos relacionados coa defensa e coidado do Medio Ambiente.

Desde o IES Pedras Rubias queremos concienciar e colaborar na tan necesaria loita contra a degradación medioambiental e a prol dun modelo de desenvolvemento máis humano e sostible, así como agradecer o labor do profesorado e alumnado implicado.

 

Olimpíadas caseleiras 2022

 

O profesorado e alumnado de Cultura Clásica de 3º ESO quixo facer a súa particular homenaxe ao mundo dos deportes no mundo clásico, adaptando e competindo nalgunhas disciplinas deportivas, como se dunhas Olimpíadas gregas ou duns Ludi romanos se tratase.

Desde o Departamento de Ciencias Sociais queremos agradecer ao alumnado pola súa implicación e participación nesta tan entretida e divertida actividade.

 

"La Llama Olímpica inmortal

cuyo faro ilumina nuestro camino

engalana corazones con el fuego de la esperanza

en este día transcendental."

Himno Olímpico.

 


 

Charla sobre o Paleolítico 1ºESO

O luns 20 de decembro o alumnado de 1ºESO asistiu no salón de actos do instituto a unha charla sobre o Paleolítico na contorna de Salceda de Caselas, impartida pola arqueóloga e investigadora Rosa Villar Quinteiro e o tamén arqueólogo e veciño caseleiro Xosé Manuel Suárez. Apoiándose en materiais líticos e óseos orixinais e réplicas, os ponentes explicaron ao alumnado conceptos básicos do proceso evolutivo da hominización, así como interesantes aspectos relacionados cos modos de vida deses primeiros homínidos. A charla celebrouse aproveitando a recente descuberta de restos líticos paleolíticos - posiblemente vinculados aos grupos humanos nómades do xacemento das Gándaras de Budiño - nun noiro próximo ás obras da senda peonil na chamada "Recta de Parderrubias".

 

Desde o Departamento de Xeografía e Historia e en nome de todo o instituto gustaríanos agradecer a Rosa e Xosé Manuel polo seu labor, así como agradecer o dinamismo e interese da súa charla. Iniciativas deste estilo son fundamentais para que a rapazada coñeza algo máis da Historia da súa realidade máis próxima e cotiá.

Homenaxe aos Mártires de Sobredo 2021

 

O pasado 30 de novembro recuperouse unha tradición tristemente alterada pola pandemia e o alumnado de 4ºESO do instituto, xunto coas súas compañeiras/os dos IES da veciña localidade de Tui - Indalecio Pérez Tizón e San Paio -, protagonizou unha homenaxe aos coñecidos Mártires de Sobredo, vítimas da loita antiforal, no 99º aniversario do seu asasinato a mans da Garda Civil, no marco da protesta contra o pagamento dos foros.

A través da lectura de poemas e textos da época, as comunidades educativas destes institutos quixeron lembrar este triste e sanguento episodio, piar fundamental na Historia de Galicia no século XX.

"[...] nos agros de Sobredo frorecéu unha rosa!

¡Ardente e sanguiñenta, agoira Libertade!"

Ramón Cabanillas, Sobredo (1926).

Eugenio Granell

 

A pasada semana o alumnado de 1ºD e 1ºE contou coa “visita virtual” de Henrique Alvarellos, quen falou sobre a labor do editor con motivo da publicación do libro Eugenio Granell: regreso de un surrealista exiliado. Violeta González, autora da obra e profesora deste centro, presentounos ao seu protagonista e as fantásticas pinturas e esculturas que realizou.        

 

Visita aos Pazos de Salceda

10 e 11 de maio.  Como xa é tradicional,  neste mes visitamos Pegullal, Avalle e Picoña, os nosos pazos: espazos privados abertos polos seus propietarios  para nós; deferencia que agradecemos.

      Móvenos o desexo de coñecer ben os elementos patrimoniais do noso entorno, de familiarizarnos coa arquitectura pacega (complexos que conxugan ben a construción residencial con áreas de lecer, edificacións funcionais e aspectos simbólicos de relevancia)  e imaxinar o modo de vida fidalgo nos séculos de apoxeo, así como percibir o significado da súa decadencia e as diversas estratexias e situacións actuais de conservación ou recuperación dos edificios; ao mesmo tempo é ocasión inmellorable para introducirnos na heráldica.

             A visita foi unha situación, un intre, de aprendizaxe (recollemos datos, anotamos detalles, inscricións...), pero tamén de convivencia, axudados polo bo tempo primaveral.

            Por segundo ano, faltábanos a presenza querida do profesor Manuel Prego Español, experto guía que nos acompañou en tantas ocasións, ilustre e apaixonado defensor e divulgador das nosas antigüidades; amigo xeneroso. Recollemos de seguido un debuxo do Pazo de Picoña feito por el, o mestre das matemáticas, e que xa hai anos llo regalara ao instituto

 

 

“Todo se ha dormido.

Se ha dormido todo. La ventana. Y la nieve en la ventana (...)”

(Joseph Brodsky)

           

Powered by Drupal - Design by artinet