2018/19

CONCURSO CHÍOS CON AMOR

Dada a boa acollida do pasado curso, o departamento de Lingua Galega e Literatura volve organizar o concurso de mensaxes de amor Chío con amor.

A que esperas? Dálle renda solta á túa alma poética e crea o teu chío de amor. Tes ata o 8 de febreiro e lembra que non pode superar os 280 caracteres.

Preme neste enlace para consultar as bases.

CONCURSO CHÍOS CON AMOR

IRIDIUM

O pasado 25 de xaneiro o alumnado de 3º e 4º de ESO recibiu toda unha lección de vida de mans de Francisco Castro, autor de Iridium, e Papu (Amparo Rodicio), neuropsicóloga que desenvolve o seu labor na Asociación de Dano Cerebral Alento.

Entre xogos e risos conseguiron facer visible as causas e as consecuencias do dano cerebral adquirido, pero sobre todo fixéronnos reflexionar sobre o inxustas que son as etiquetas que se poñen e o dano que poden causar.

Lograron transmitir a necesidade de normalizar o dereito das persoas que padecen DCA, evitando o uso desas etiquetas, xa que coma todas e todos son persoas que aman, que gozan, que rin, que soñan...

Grazas á editorial Galaxia por brindarnos este encontro!

IRIDIUM

Programa especial 25 novembro 2018, día internacional contra a violencia de xénero

 

Unha viaxe a través da música para combater a violencia de xénero. Cancións nacionais e internacionais, de diferentes estilos que reivindican ou homenaxean, a través das súas letras a liberdade, o respeto e a tolerancia.

Somos as alumnas/os de 2ºC: Sabela e Anxo os técnicos. Laura, Noelia, Candela e Uxía as que falamos... e cantamos!!

locutores e técnicos de 2ºC

Entrevista aos gañadores do concurso do Samaín

Entrevistamos en OndaRaia, no noso especial "Hora de Informar",  a algunhas alumnas de 2ºB, curso gañador do concurso do Samaín 2018.

As locutoras somos: Uxía, Noelia, Laura e Candela. Os técnicos, Anxo e Sabela.

 

Técnicos e locutoras de 2ºC

GAÑADORES/AS CONCURSO RELATO CURTO DECEMBRO

E no ecuador das vacacións de Nadal, xa damos a coñecer os relatos gañadores de 4º ESO do Concurso de Relato Curto do mes de decembro. Noraboa e grazas a todos/as os/as participantes!

4º A

4º B

4º C

A seguir gozando das merecidas vacacións!

Principal.png

FELIZ NADAL

En relación co proxecto En paradoiro descoñecido, as titoras de 4º de ESO quixeron felicitarlle o Nadal ao seu alumnado facéndolle entrega dunha postal cunha foto de grupo e a mensaxe "Fortes e robustos coma o carballo, o IES Pedras Rubias coa Memoria Histórica".

FELIZ NADAL

ENTREVISTA AO ESCULTOR SILVERIO RIVAS

O pasado 20 de decembro, unha pequena representación de 4º de ESO, formada por seis alumnos/as, acompañados de tres profesoras, visitaron o monumento aos fusilados durante a Guerra Civil, situado na Alameda de Tui, obra do escultor Silverio Rivas.

Posteriormente, foron á casa do autor para facerlle unha entrevista. Logo de amosarlles os distintos talleres e obras tanto do exterior e do interior, facendo gala da hospitalidade que o caracteriza tanto a el como á súa dona, puideron degustar unha bebida quentiña e uns doces, e escoitaron as maxistrais respostas e explicacións sobre o monumento de Tui polo que o alumnado se interesa.

Quedaron convidados para volver na primavera acompañados  poron todos os compañeiros/as de 4º de ESO.

ENTREVISTA AO ESCULTOR SILVERIO RIVAS

EXPOSICIÓN "REXAS. MULLERES BAIXO O TERROR FRANQUISTA"

O luns 17 de decembro tivemos o pracer de contar con Dna. Montse Fajardo, comisaria da exposición Rexas, mulleres baixo o terror franquista, e con D. Marcos Besada, alcalde de Salceda de Caselas, para inaugurar e presentar dita exposición, que permanecerá no IES Pedras Rubias durante toda a semana.

Esta mostra foi creada por Montse Fajardo e posta en marcha polo departamento de Cultura da Deputación de Pontevedra para contar a historia da represión rexistrada na nosa provincia tras o golpe de Estado do 36 desde o punto de vista das mulleres, as máis esquecidas de entre todas as vítimas. Conta con doce paneis que conteñen a historia de 172 veciñas da provincia, 88 delas incluídas nalgunha das 78 imaxes que a compoñen.

A autora, na charla que ofreceu ao alumnado de 4º de ESO, que está inmerso no proxecto En paradoiro descoñecido, explicou a quebra dos dereitos acadados na II República e fixo un percorrido polas distintas tipoloxías de represión (asasinato, cárcere, castigos sexistas como a rapa do pelo ou vexacións sexuais, depuración laboral, desterro ou exilio). Para acabar, fixo fincapé no verdadeiro significado da exposición: render unha homenaxe ás mulleres pontevedresas que a pesar da barbarie seguiron adiante, rexas, termando da sociedade e converténdose en apoio fundamental para os fuxidos, as persoas presas e as familias perseguidas. Especial mención, mereceu a familia Francés do Porriño, pola proximidade co noso concello e por atoparse na sala D. Raúl Francés.

EXPOSICIÓN "REXAS. MULLERES BAIXO O TERROR FRANQUISTA"

"Catapún" no Tamén len

O pasado xoves 29 de novembro o Tamén len tivo o pracer de contar con D. José Rodríguez Martínez e coa súa dona, Dna. Concha. Este salcedense distinguido naceu en Altamira no 1933 e desde os 14 anos dedicouse a aprender o oficio de xastre, oficio que desenvolveu durante toda a súa vida. De feito, vestiu a xente de distintos lugares, non só de Salceda, e para moitas ocasións (vodas, comuñóns e outros moitos actos).

Recentemente, o concello de Salceda homenaxeouno cun acto onde o nomeou salcedense distinguido, e o IES Pedras Rubias quixo aproveitar a súa sabedoría que os anos, a experiencia, en definitiva, a vida, lle concederon.

Ademais de lernos unha carta dirixida á súa nai de hai un século, D. José compartiu moitas outras misivas e respondeu ás preguntas do alumnado. De especial valía foi o seu testemuño sobre a educación, a emigración e diferentes anécdotas e datos de distintos momentos da historia salcedense que o noso homenaxeado viviu.

"Catapún" no Tamén len

MÁRTIRES DE SOBREDO

Un ano máis o IES Pedras Rubias implicouse nos actos de conmemoración dos Mártires de Sobredo, con motivo do 96 aniversario das mortes de Cándida Rodríguez, Xaquín Estévez e Venancio González por disparos da forza pública, o 28 de novembro no lugar de Sobredo (Guillarei), no contexto da loita antiforal no ano 1922.

Dende o curso 2012-2013 ten o valor engadido de estar en conexión co ”Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo”, creado en 2012, polos Concellos da contorna, e tras o acordo unánime do Claustro no mes de marzo de 2013, constamos como colaboradores con esta actividade que levamos realizando desde hai anos.

O noso alumando de 4º da ESO, xunto aos outros dous institutos de Tui (Indalecio Pérez Tizón e San Paio), e ao CEP Altamira, participaron na homenaxe aos asasinados en Sobredo, coa lectura duns textos de carácter poético, histórico e artigos de prensa da época, e cunha ofrenda floral. O acto complementouse cunha actuación musical e rematouse cantando o himno galego. Rematada a homenaxe, houbo un tempo de lecer e de convivencia entre os tres institutos, coa xa tradicional degustación de rosca.

Principal.png

Powered by Drupal - Design by artinet