Skip to Content

Que está acontecendo?

Club de lectura de adultos

Convocamos a 1ª xuntanza do club de lectura de adultos á que convidamos ás familias a compartir bos momentos entorno aos libros.

Para esta primeira xuntanza podedes vir con algunhas propostas. Acordaremos a lectura para a 2ª xuntanza para finais de xuño.

Non faltedes á cita. Vémonos na biblioteca.

Martes 30/05/2023 ás 18h.

 

Letras galegas 2023: Francisco Fernández del Riego

Como cada curso, o alumnado de 4º ESO elaborou unha exposición de carteis para dar a coñecer o persoeiro homenaxeado o Día das Letras galegas. Nesta ocasión, as rapazas e rapaces de 4º B2 investigaron sobre a figura do escritor laurentino Francisco Fernández del Riego. 

Se queredes saber máis sobre este incansable intelectual da Mariña, lede os carteis e probade o xogo que aparece no código QR. 

Aquí os tedes tamén en PDF


 

Care Santos na Mariña

Care Santos, autora de varios libros de literatura xuvenil de éxito, encontrarase co alumnado de varios centros educativos da Mariña. A cita terá lugar o luns 29 de maio no auditorio de Burela. 

O noso alumnado de 4º ESO asistirá a este encontro literario tras a lectura de Mentira en lingua galega.

Charlas formativas abertas para as familias: "Traballando emocións".

A terceira das charlas programadas será impartida por Yolanda Fernández, especialista en Educación Emocional.

 

Non faltedes á cita. Vémonos na biblioteca.

Xoves 25/05/2023 ás 18h30

"Latexos verbais": EscribirARTE na Mariña

Somos parte da Microrrede de Bibliotecas Escolares Plambe da Mariña e como todos os anos, chegou o momento do proxecto anual de fomento e dinamización da cultura, entendida como un ben común que propicia unha sociedade máis humana, igualitaria, crítica e libre.

O tema escollido pola Microrrede é "EscribirARTE na Mariña".

No IES Perdouro, propuxemos coñecer a obra da artista Lynn Giunta, gurú do papel cortado, heroína artística coas palabras que se presta moi ben á temática elixida.

Inspirándonos na obra da artista estadounidense, o alumnado de 1º ESO confeccionou unha tarxeta ilustrada escollendo unha palabra motivadora ou emocionalmente positiva. Empregando lapis, tesoiras e papeis recortados, deron vida ás palabras a través da elección de cores e do collage. No interior da tarxeta, hai unha composición de creación propia (poesía, acróstico, regueifa, microrrelato) alusiva ás emocións  positivas.
 
Foi unha boa oportunidade para divertirse creando e tal vez aprender algo novo. Bonito reto tanto plástico como literario.

O noso mural exposto en Viveiro, recolle parte do traballo que atoparedes no seguinte libro. 

 

EscribirARTE - Exposición da Microrrede de Bibliotecas Escolares da Mariña

O luns 8 de maio, ás 18h30 inaugúrase a exposición anual da Microrrede de Bibliotecas Escolares PLAMBE da Mariña á que pertencemos. 

A exposición conta con 16 cadros e dun conto artístico colaborativo, un por cada biblioteca da Microrrede, e poderá verse no salón multiusos do Concello de Viveiro de 18h a 20h do 8 ao 11 de maio de 2023.

As obras que aí se presentan transpasan as paredes da sala de exposición. Grazas á linguaxe dos códigos QR, achegan o/a visitante a temáticas dispares traballadas nos proxectos da Microrrede.

O cartel é obra da alumna de 2º de bach de Arte do IES Monte Castelo, Claudia García López que agradecemos por brindarnos a portada que abre as portas ao noso traballo colaborativo.

Accede o programa AQUÍ.

MICRORREDE DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES DA MARIÑA

  1. EEI SAN ROQUE (Viveiro)
  2. CEP LOIS TOBÍO (Viveiro)
  3. CEIP de CELEIRO (Celeiro-Viveiro)
  4. CEIP Plurilingüe de COVAS (Covas-Viveiro)
  5. CEIP Plurilingüe SANTA RITA (Galdo-Viveiro)
  6. CEIP O VICEDO
  7. CEIP Plurilingüe PEDRO CASELLES ROLLÁN (Xove)
  8. CEIP PENÍNSULA DA PAZ (San Cibrao)
  9. CEIP de CERVO (Cervo)
  10. CEIP Plurilingüe VISTA ALEGRE (Burela)
  11. CEIP Fondo Nois
  12. CEIP GREGORIO SANZ (Ribadeo)
  13. IES MARÍA SARMIENTO (Viveiro)
  14. IES VILAR PONTE (Viveiro)
  15. IES ILLA DE SARÓN (Xove)
  16. IES MONTE CASTELO (Burela)
  17. IES PERDOURO (Burela)
  18. IES ALFOZ-VALADOURO

Charlas formativas abertas para as familias: "O sorprendente desenvolvemento do cerebro humano".

A segunda das charlas programadas será impartida polo focense Xurxo Mariño, profesor, investigador e divulgador científico. Falará de varias características evolutivas que condicionan o desenvolvemento do cerebro, da importancia da interacción social e lingüística nos primeiros anos de vida, e dalgunhas características que explican o comportamento na adolescencia.

 

Non faltedes á cita. Vémonos na biblioteca.

Mércores 10/05/2023 ás 18h30

Charlas formativas abertas para as familias: Educación afectivo-sexual

A primeira das charlas programadas será impartida polo equipo de Quérote + Lugo. Falarase de Educación Sexual na adolescencia, da identidade de xénero e da autoestima. Tratarase de conversar e axudar ás familias nunha etapa da vida moi importante para o noso alumnado. 

Non faltedes á cita. Vémonos na biblioteca.

 

Xoves 27/04/2023 ás 18h30

Charlas formativas abertas para as familias

Dentro da programación do proxecto Lectura e Familias, imos ter unha sección chamada Escola de familia para tratar temáticas que consideramos de interese dada a idade do noso alumnado. 

Serán charlas formativas abertas ás familias en horario de tarde a celebrar na biblioteca. Haberá que confirmar asistencia por teléfono por cuestión de aforo. 

Ver programación adxunta. 

 

Lectura e familias no IES Perdouro

Neste mes de abril, aproveitamos a ocasión das celebracións do mes do libro para poñer a andar o proxecto Lectura e Familias con propósito de fomentar a implicación das familias na formación das novas e novos lectores.

Na programación para este trimestre, temos axendada as seguintes seccións.

ESCOLA DE FAMILIA
Charlas formativas abertas:
    - Educación afectivosexual: Xoves,27/04/2023
    - Neurociencia e cerebro adolescente: Mércores 10/05/2023
    - Educación Emocional: xoves 25/05/2023 e martes 13/06/2023
    - Orientación para a lectura:

CLUB DE LECTURA
Encontro en torno aos libros. Martes 09/05 e Luns 19/06

PORTAS ABERTAS, préstamos para as familias
Luns de 17h-18h & Martes de 16h-18h

PODCAST

Recomendacións lectoras das familias para emitir no noso programa de radio de emisión semanal Proxecto Neo.
 
RECOMENDACIÓNS SEMANAIS (tódolos venres polas redes sociais)
    - Podcast de interese sobre educación, adolescencia e diversidade. AQUÍ
    - Películas para ver en familia.  AQUÍ

Estamos nas xornadas do PLAMBE

Ponencia Traballos por proxecto

Santiago, 31/03/2023

 

 

 

27 de marzo: Día Mundial do Teatro

O 27 de marzo celébrase o Día dos Escritores Europeos e tamén o Día Mundial do Teatro. Para salientar esta última conmemoración, o alumnado de 1º de Bacharelato de Literatura Universal elaborou un par de libriños con títulos de obras teatrais. As palabras están representadas por emoticonas. A ver se as acertades!


 

 

Celebramos o Día dos Ecritores Europeos: 27 de marzo

O luns 27 de marzo celébrase a 1ª edición do Día dxs Autorxs Europexs.

A biblioteca do IES Perdouro acollerá a Antía Yáñez, autora burelá, que falará da súa obra ao alumnado de 4º de ESO.

É unha iniciativa da Comisión Europea, dirixida polo Comisario Gabriel, para promover a lectura entre a rapazada e dar a coñecer a riqueza cultural e lingüística europea.

#ReadWithEurope

 

Día Mundial da Poesía 2023: videopoemas de 1º de Bacharelato de Literatura Universal

Para conmemorar o Día Mundial da Poesía o alumnado do 1º de Bacharelato de Literatura Universal elaborou videopoemas a partir de composicións de autores tan relevantes como Novalis ou Lord Byron. 

Veredes que a poesía traspasa épocas e fronteiras e que é o alimento da parte espiritual que temos todos. 

 

 

Rosalía na lingua de Molière

Para conmemorar o día de Rosalía de Castro, o alumnado de Francés de 1º de Bac fixo un traballo de tradución do poema "Dicen que no hablan las plantas, ni las fuentes, ni los pájaros" e adaptouno ao francés. Logo fixeron esta pequena montaxe para celebrar hoxe o día da poesía. 

Distribuir contido


by Dr. Radut