Skip to Content

Que está acontecendo?

Mes da muller: Obradoiro de escritura creativa con Antía Yáñez

O día sete de marzo visitounos Antía Yáñez nas aulas de 1º ESO e ensinounos a facer varias actividades. 

Primeiro deunos uns papeis cuns textos dun concurso. Eses textos fómolos lendo e foinos contando de que trataban e entre todos conseguimos entendelos. Centrábanse na violencia machista, nas diferentes orientacións sexuais e incluso había un protagonizado por un gato e un láser que nos fixo moita graza. Despois explicounos que, para escribir unha historia, existen dous procedementos: algúns poñen primeiro en esquema a idea central e despois fan o deseño de personaxes e outros fan á inversa. 

Finalmente, deunos unha ficha de personaxes para que nós creásemos un -o que quixéramos- para máis tarde escribirmos un relato. Tamén dixo que non era necesario cubrir todas as preguntas, só as básicas. Cando se esgotou o tempo, despedímonos dela e démoslle as grazas por vir. 

A verdade é que o pasamos moi ben.

Accede ao álbum de fotos AQUÍ

Noa Burgos Pernas - 1º ESO A

O 27 de abril remata o prazo para os concursos da A. C. Os Matos

Aberto o prazo dos concursos anuais da nosa asociación cultural Os Matos. Ata o 27 de abril. Anímate e participa. Hai primeiro e segundo premios nas tres categorías. Lembra: en lingua galega.

XV Concurso literario     
    + de relato curto 
    + de poesía
 
XIII Concurso de Imaxe

Concurso Portada Maruxía nº 28

Coñece a Ledicia Costas

O alumnado de 2º ESO de Investigación e Tratamento da Información elaborou esta pequena presentación sobre a traxectoria de Ledicia Costas, autora tan lida no noso centro e que estará connosco este xoves 7 de abril.
 

Encontro literario con Ledicia Costas

Este xoves recibiremos á escritora Ledicia Costas. É un encontro moi agardado, pois hai dous anos, antes da pandemia, iamos reunirnos con ela e non puido ser. 

Agora, despois destes dous cursos, por fin poderemos compartir con ela as nosas impresións sobre as súas novelas: O corazón de Xúpiter, Unha estrela no vento, Escarlatina, a cociñeira defunta...

Estamos desexando que chegue o día!

 

O Día das Artes Galegas 2022: Laxeiro

O Día das Artes Galegas de 2022 está dedicado a Laxeiro, unha figura central da cultura galega do século XX pola súa achega á renovación e á vangarda nas artes. O seu impacto no mundo da creación artística, 25 anos despois do seu falecemento, segue a ser incuestionable, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras. Pero a pegada de Laxeiro non só se circunscribe a este ámbito. O artista lalinense conseguiu a aprobación popular dos galegos máis alá do ámbito pictórico e académico. 

Fonte: Cultua Galega

Acceso á web Fundación LAXEIRO

O alumnado de 4º de ESO de Educación Plástica e Visual investigou sobre Laxeiro e fixo unhas infografías e o mural aquí exposto.

Recollemos aquí a infografía de Lidiana de Pina.

 

8M: Antía Yáñez e a súa novela Senlleiras

O martes 8 de marzo (Día Internacional da Muller) tivemos a visita de Antía Yáñez, autora do libro Senlleiras que lemos na primeira avaliación de Lingua Galega.

A escritora falounos da orixe deste libro. Un día, escoitando un podcast de “Cuarto Milenio”, oíu que unha muller fora atopada morta e o seu bebé xogando xunto ao cadáver; a isto sumáselle que na última fotografía publicada dela víase unha man pantasma. Por iso, ela decidiu escribir un libro que empezara cunha morte e que os feitos se foran desencadeando ao longo da historia. Nese momento ela sabía pouco da violencia machista mais decidiu entrar nese tema para entendelo mellor. A súa intención era escribir sobre mulleres da súa idade coas que sentirse identificada, xa que o común na literatura é que os papeis protagonistas sexan para homes (como exemplo puxo a Harry Potter, unha das sagas que a introduciron no mundo da lectura, xunto coa serie de libros de “Los cinco”; sobre estes últimos libros contounos que sempre se identificou cunha das protagonistas (Georgina), pero que ela non quería deixar de ser muller para facer o que Georgina facía, posto que a protagonista quería ser un rapaz para correr moitas aventuras). 

Amosounos diversos exemplos sobre o papel da muller na literatura, como o caso da autora de Harry Potter, quen non puxo o seu nome completo nos libros porque, se o público masculino sabía que era unha muller, non os lerían. 

Con respecto á violencia machista, ao longo da charla ensinounos algúns titulares de noticias redactados de maneira agresiva cara ás mulleres, mentres que, no caso dos homes, moitas veces se intentaba diminuír a importancia da situación. A violencia convértese nun circo mediático que parece esconder os agresores e intentar suavizar os delitos que se cometen contra as mulleres. 

Tamén nos presentou algúns dos lugares que aparecen no libro como “Vila Chorima”, que agora está en ruínas e que era o lugar a onde Alana foi servir coa súa nai, e onde vivimos a súa infancia. Tamén falou da Rúa Betanzos e da Praza de Lugo, lugares onde se desenvolvía a vida de Alda e Alana, e o Hotel de Francia, que actualmente é o Blue Coruña. 

Gustoume moito a charla xa que a escritora fusionou temas do libro coa realidade da violencia machista que estamos vivindo na nosa sociedade. 

Podedes acceder ao álbum de imaxes AQUÍ

Sandra Lopes Monteiro, 1º BAC-B

Receitas para aproveitar todo e non tirar nada

Para colaborar co proxecto Generación ECO promovido por EcoVidrio, o alumnado de 1º de ESO, coa súa profesora Carmen Castro, elaborou unha guía cunhas receitas de aproveitamento culinario para así non ter que tirar nada ao lixo. 

Con esta actividade, conseguen reducir o impacto da pegada hídrica e de carbono e obter o nomeamento de "Responsable de sostibilidade na casa". A adquisición de hábitos sostibles vai moito máis alá do noso centro educativo. Tomar decisións e levar a cabo accións que teñan en conta o coidado do medio é o primeiro paso para levar un estilo de vida sostible, dentro e fóra da aula.

Probade a facelas! Están deliciosas!

 

 

Presentación no IES Perdouro do documental Aquí medra a lingua

O Consello da Cultura Galega presenta o vindeiro luns 21 de marzo Aquí medra a lingua. Trátase dun proxecto audiovisual que amosa experiencias de dinamización no uso do galego na escola a partir de seis centros repartidos por toda Galicia.  

A presentación terá lugar no IES Perdouro, un dos espazos escollidos para amosar o seu modelo lingüístico, no marco dunha xornada na que participa o alumnado do centro. 

Estarán presentes Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG); Cristina de la Torre, realizadora do documental; María José Pardiñas, directora do centro; Natalia Irimia, xefa de normalización lingüística do IES e un dos alumnos participantes no documental, que explicarán as características do proxecto audiovisual así como as claves do modelo lingüístico do centro. 

O acto terá lugar a partir das 12:00h na biblioteca. 

21 de marzo: Día da Poesía

Para celebrar o Día da Poesía, convidámosvos a desfrutar destes videopoemas elaborados polo alumnado de 4º ESO e 1º de Bacharelato. 
Continuamos escollendo a Rosalía para esta data. 
Esperamos que vos gusten!
 
 
 
 
 
Podedes acceder tamén aos videopoemas de Saray Barro, Elisabeth Mendes, Marta Rubal e Andrés Sánchez

Acrósticos pola igualdade

O alumndo de 2º de ESO de Investigación e Tratamento da Información compuxo unhas composicións poéticas combinando palabras apoderadas que foron publicadas nas redes sociais ao longo desta semana. 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Mulleres francesas, mulleres feministas

 

 

En clase de Francés, o alumnado de 2º de Bacharelato investigou sobre 10 mulleres francesas, figuras das letras ou das ciencias esquecidas, e mulleres que defenderon o feminismo dende as súas condicións.

CHRISTINE DE PIZAN (1364-1430)
MARIE DE GOURNAY (1565 - 1645)
MADAME DE SEVIGNÉ (1626-1696)
ÉMILIE DU CHÂTELET (1706 - 1749)
NICOLE REINE LEPAUTE (1723 - 1788)
OLYMPE DE GOUGES (1748 - 1793)
MARIE ANNE LAVOISIER (1758-1836)
LOUISE MICHEL(1830 - 1905)
SIMONE VEIL (1927-2017)
VIRGINIE DESPENTES (Nancy,1969)

Aquí tedes.

Comeza o mes da muller no IES Perdouro

 

Día de Rosalía 2022

 O 23 de febreiro celébrase o aniversario do nacemento da nosa poetisa máis coñecida, Rosalía de Castro. Este ano modificouse a data da conmemoración do Día de Rosalía, que antes se celebraba o 24 de febreiro, día do seu bautismo. Agora sábese que ela naceu o 23 de febreiro, razón pola que se cambiou o Día de Rosalía para esta data. 

Para coñecer algo máis a obra desta autora, o alumnado de 3º ESO e 1º de Bacharelato asistirá a un recital musicado que terá lugar ás 13:15h na Casa da Cultura de Burela. 

Por outra banda, rapazas e rapaces de 4º ESO elaboraron videopoemas con versos da autora. Presentámosmovos o de Laura González Freire e o de Silveria Patricia Varela Rocha. 

 

 

Podedes ver tamén nestes enlaces os videopoemas de Paula López Martínez e Sara Pedreira González.

Conmemoración do día de San Valentín

Na materia de Cultura Clásica como estábamos a traballar coa mitoloxía, o alumnado fixo unha narración da historia do mito de Eros/Cupido xunto coa incorporación de poemas orixinais de contido amoroso e unha ilustración que o representaba.

O alumnado de Latín aportou frases de amor escritas na lingua que está a estudar, o latín.

O mesmo fixeron o resto dos grupos, cada quen aportou a súa frase de amor escrita na lingua que traballamos na aula, uns en galego e os outros en francés.

Accede á reportaxe fotográfica AQUÍ.

Efigenia Maseda Paz, Xefe de Departamento de Latín

Participantes: alumnado de Latín I (1º BAC B), de Cultura Clásica (3º ESO B e C), de agrupamento de Lingua Galega (1º ESO A e B), de Francés de 1º ESO A e B.

Obradoiro Linguaxe de signos

O pasado venres 11 de febreiro a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) impartiu un obradoiro de dúas horas de aproximación á linguaxe de signos destinado ao alumnado de 2º CM de Xestión Administrativa e 1º CS de Administración e finanzas. Informaron sobre o traballo que realizan e concienciaron aos asistentes sobre os problemas que sofren as persoas xordas e como a lingua de signos é unha ferramenta fundamental para superar barreiras comunicativas e sociais do día a día.
Nunha primeira parte máis teórica, Xavier Sánchez Álvarez, logopeda, ofreceu un panorama amplo respecto ao que significa ser unha persoa xorda: tipos de xordeira, detección, modos de actuación (familia, colexio, médicos), principais barreiras ás que se enfrontan e alternativas para solucionar ou adaptarse a esta discapacidade. Ademais, explicou cales son os servizos que ofrece a fundación e en que provincias se encontra.
Na segunda parte máis práctica,  Isabel Pardo Sampayo, persoa xorda, fixo unha breve introdución á linguaxe de signos española e púxoo en práctica. Non todo se comunica co abecedario, utilízanse expresións, movementos, xestos e sobre todo coas mans. Ensinoulles desde adxectivos, días do ano, días da semana, sentimentos e todo con moito humor e alegría que os cativou a todos.
Accede AQUÍ á reportaxe fotográfica.
 
Aurora e Nenúfar, 1º CS de Administración e finanzas
Distribuir contido


by Dr. Radut