Skip to Content

Curso 2022-2023

Xoga ao Pasapalabra do 25N en Realidade Aumentada

Convidámosvos a xogar ao Pasapalabra do 25N!

Verédesvos inmersos nun xogo de Realidade Aumentada preparado por Manuela Seijo e Marina Rubal de 1º de Bacharelato. 

Para poder xogar tedes que descargar no móbil a App Metaverse, que é gratuíta e xa vola vai pedir en canto escaneedes o QR, co cal xa se pode descargar directamente.

Experimenta o Pasapalabra en Realidade Aumentada!

Lectura na biblio do manifesto para o 25 N


 

Na biblioteca tamén celebramos o mes da ciencia en galego

A partir do martes 22 de novembro, iremos programando pequenas exhibicións e obradoiros manipulativos durante os recreos na biblioteca. 

Comezaremos pola seguinte actividade: "O ollo máxico".
Comprobaremos que o que miras non é o que ves. Aprenderemos a descifrar a imaxe coa técnica do ollo máxico.

O alumnado de 1º de Bac de Tecnoloxía explicaranos como funciona un coche con motor de hidróxeno e mostrarán como se despraza o coche prototipo que fixeron. 

Se queres poñer a proba as túas habilidades en xeometría, o alumnado de 2º de ESO fixo, co seu profesor de tecnoloxía, uns prototipos de taboleiro de Tangram en cartón cos que xogar na biblioteca o vindeiro xoves. 

Xa para a semana, a nosa compañeira Montse, profesora de matemáticas, proporá uns xogos matemáticos de enxeño para exercitar o pensamento lóxico e a paciencia.

O departamento de Física levará á biblioteca as figuras de moléculas complexas como as redes metálicas e redes cristalinas iónicas e ensinará como xuntar os átomos para facer moléculas sinxelas.

Para terminar, o alumnado de 1º de ESO exhibirá as súas construcións con ramplas de bólas con efectos encadeados.

Se che pode a curiosidade, pásate pola biblioteca nos recreos.

Recordade que continuamos co mes da ciencia en galego

Hoxe luns 21 ás 12:00h podedes conectarvos desde as aulas a unha nova videoconferencia de Igaciencia. 

O título e o poñente son: 

Mergullámonos no óceano do futuro? Emilio Fernández Suárez, catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo.

Aquí tedes o ENLACE para seguir a videoconferencia. Mesmo se pode ver despois en diferido. 

Obradoiro de poesía con Carlos Negro

O pasado mécores 16 de novembro o alumnado de 3º de ESO recibimos a visita do escritor e poeta Carlos Negro. Este encontro literario estivo subvencionado polo Ministerio de Cultura. O noso centro foi o primeiro de Lugo en acoller esta actividade. Así, tamén nos visitou o alcalde de Burela e a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez. 
Primeiro, Carlos amosounos parte das súas obras, como Maquinaria e Masculino singular. Este último poemario protagonizou o tema principal da exposición, “Modelos de masculinidade, unha viaxe cara á igualdade”. Explicounos moitos detalles sobre este tema, coma que, aínda estando no século XXI, seguen aparecendo mensaxes machistas nas redes sociais ou na publicidade. Púxonos algúns dos primeiros exemplos feministas que el recibira durante a xuventude e destacou o feito de que unha persoa non é culpable se é educada nunha desigualdade, pero si de continuala. Por iso, contounos que confiaba en que a nosa xeración fose capaz de cambiar o mundo de xeito que todos vivamos en igualdade. 
 
Carlos tamén nos recitou algúns poemas doutros autores e, finalmente, deunos a elixir entre varias actividades que formaban parte do obradoiro de poesía e cada un de nós compuxo os seus propios versos. 
 
Esta actividade foi moi entretida e dinámica en canto á forma que tivo Carlos Negro para transmitirnos a súa arte e coñecementos, por iso nos gustou moito este encontro.
 
Podedes acceder ao álbum de imaxes AQUÍ
 
Carla Paz Trelles - 3º ESO A

Horto escolar e xeoloxía práctica

O alumnado de 4º ESO está facendo a súa plantación de outono nas mesas de cultivo. 

A ver que rica colleita temos en poucos meses no horto escolar!

Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ

  
Desde o departamento de Bioloxía e Xeoloxía, elaboraron fallas e pregamentos. 

O alumnado de 4º ESO modelou con plastilina exemplos de diversas formacións rochosas nas que se aprecian as fracturas das fallas e as dobreces dos estratos nos pregamentos. 

Podedes ver uns traballos ben vistosos AQUÍ

 

Faladoiro con Bibiana Candia, autora de "Azucre"

O luns 21 de novembro recibiremos na biblioteca á escritora coruñesa afincada en Berlín Bibiana Candia, autora da novela "Azucre".

A novela relata ficcionalmente a expedición de 1.700 galegos a traballaren como escravos en Cuba, promovida por Urbano Feijóo de Sotomayor.

A ficción de base histórica foi merecedora de varios recoñecementos: 

- Premio Nollegiu ao mellor libro de narrativa en castelán 2021, 

- V Premio das Librerías de Navarra ao mellor libro en castelán de 2021,

- Premio á mellor obra escrita en castelán no 35 Festival du Premier Roman du Chambéry ,

- Premio Espartaco 2022 á mellor novela histórica na Semana Negra de Xixón.

Se queres achegarte o proceso de investigación e redacción da novela, mira a seguinte entrevista:

Doa o que non uses os xoves no recreo

Os xoves 17 e 24 de novembro e 1 de decembroo alumnado de 4º B2 recollerá aquilo que non uses e que queiras doar: libros, xoguetes, bixutería (pulseiras, pendentes...), roupa ou outros obxectos. 

Desde a materia de Iniciación á Actividade Emprendedora e Empresarial, coa axuda da súa profesora Mª Inés Pérez González, do departamento de Economía, os rapaces están a organizar un mercadiño de Nadal.  

Os obxectos doados venderanse nos recreos xusto antes das vacacións de Nadal e o que se recade coas vendas doarase á Cruz Vermella. Polo tanto, trae algo que penses que alguén queira comprar. 

Doa e dálle unha segunda vida ao que non uses!

Ruta "Coñece a túa vila" con podcast incluído

O pasado venres día 4, o alumnado de 1º da ESO do IES Perdouro fomos de andaina por Burela. Saímos do instituto ás 9:20, acompañados polos profesores Fernando, Begoña, Eva e Carmen, ademais da profesora xubilada de Xeografía e Historia Maribel Crecente, que fixo de guía durante o camiño.
Primeiro, organizámonos en grupos de 5, nos que tiña que haber rapaces e rapazas, para responder ás preguntas que Maribel nos ía facendo en cada parada. Por cada acerto recibiamos unha bóliña e, ao final, o equipo que tivese máis boliñas gañaba unha bolsa de bombóns. Comezamos o paseo pola zona vella de Burela, a Vila do Medio, onde Maribel nos falou das primeiras capturas que se fixeron en Burela: balea, sardiña e bonito, nesa orde; ademais de falarnos do río de Burela, o Rodil. 
 
Se queres seguir lendo a crónica de Sofía Ben Martínez, accede ao blog Perdourando.
 
Podedes acceder ao álbum AQUÍ
 
E temos unha novidade: as impresións sobre a ruta nun podcast emitido no programa Proxecto Neo de Radio Burela do mércores 9 de novembro. 
 
Sofía Ben Martínez, 1º ESO B

Obradoiro de poesía con Carlos Negro

Temos programado un obradoiro de poesía con Carlos Negro que terá lugar na biblioteca no centro o vindeiro mércores, día 16 de novembro. A actividade que vai destinada ao alumnado de 3º ESO estimulará a escritura creativa. O poeta falaralles dos roles, dos estereotipos de xénero, de igualdade e das "novas" masculinidades. 
 
Se queres coñecer parte da súa obra, podes atopar os seguintes exemplares na biblioteca.

Poesía:
- Makinaria (2009). Xerais.
- Penúltimas tendencias (2014). Xerais.
- Masculino singular (2016) Xerais.
- Aplicación instantánea (2018), Xerais.

Narrativa:
- Non cantan paxaros neste bosque
(2021). Xerais.

Visita a Samos e ao Cebreiro

Saímos do instituto sobre as 8:25h cara á abadía de Samos (igrexa de San Xillao e Santa Basilisa), na provincia de Lugo, a unhas dúas horas de Burela. O primeiro que fixemos ao chegar foi ir tomar a merenda de media mañá e logo fomos ata o mosteiro. Alí recibiunos un monxe e empezounos a explicar un pouco toda a historia da abadía, pero moi brevemente xa que só durou corenta minutos.

Contounos que o mosteiro era beneditino e que os monxes viven dentro e saen moi pouco. O estilo da fachada é fundamentalmente barroco. Ten columnas pareadas e simétricas e un óculo xusto encima de San Bieito (figura situada enriba, no medio da fachada). O fundador foi San Martiño de Dumio.  

O irmán Lorenzo, que así se chamaba a persoa que nos fixo de guía, explicounos por que partes estaba formado o edificio.

Se queres seguir lendo a crónica, podes ir ao blog Perdourando

Podes acceder ao álbum de imaxes AQUÍ.

Alba Fernández Quelle - 3º ESO A

Necesitamos tapóns de plástico para crear unha obra colaborativa

Precisamos tapóns de plástico de botellas ou doutros recipientes para confeccionar un cadro con motivo do 25N. 
 
Colocaranse colectores na entrada do edificio 1 e 2. 

POR FAVOR, TRAEDE TODOS OS TAPÓNS QUE POIDADES ANTES DO 18 DE NOVEMBRO. 

Comeza o mes da ciencia en galego

Novembro é o mes da ciencia en galego. 

Desde Igaciencia ofrécennos unha serie de videoconferencias:  

      • O verán do 2022, extremos climáticos sen control? "De como as ciencias básicas poden axudar a predicir o clima" Francisco Díaz-Fierros Viqueira, catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da USC, da RAGC. Día 4 de novembro, ás 12 horas.
      • Mergullámonos no óceano do futuro? Emilio Fernández Suárez, catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo. Día 21 de novembro, ás 12 h.
      • A pegada do home e os seus efectos na xeomorfoloxía de Galicia. Dr. Fran Canosa, divulgador da Xeoloxía de Galicia. Día 25 de novembro, ás 12 h. 
      • Cambio climático e sistema alimentario. Por Dr. Luís Díaz Allegue, investigador. Día 28 de novembro, ás 12 horas.
 
A primeira é xustamente o venres 4 de novembro, Día da Ciencia en galego. 
 
Este é o ENLACE para conectarvos a un directo de YouTube no que poderedes acceder á videoconferencia "O verán de 2022, extremos climáticos sen control? De como as ciencias básicas poden axudar a predicir o clima". 
 
A partir das 12:00h o profesorado que estea interesado pode acceder á videoconferencia na súa aula. 

Saímos na prensa pola intervención educativa Modelo Burela

Falan de nós na prensa porque nestes días tan sinalados para recordar os familiares falecidos, profesorado e alumnado do IES Perdouro participou nun acto que tivo lugar no cemiterio parroquial de Burela. 

Durante os 20 anos de existencia da intervención educativa Modelo Burela lévase estudando a normalización da lingua galega en distintos ámbitos, un deles o das lápidas funerarias. En 1997 colocouse a primeira inscrición funeraria en galego e desde aquela data xa son moitas as lápidas que se foron colocando nas rúas dos dous cemiterios. 

Modelo Burela quere poñer en valor o emprego do galego neste ámbito e destacar que cando algo se sente moi profundamente, cada un quere expresalo na lingua que ten no seu interior. 

Grazas á vosa solidariedade conseguimos 705 € para loitar contra a leucemia infantil

A carreira foi un éxito. Houbo quen deu 5, 6 e ata 7 voltas ao circuíto. As vosas ganas de axudar notáronse. 

Grazas ao voso esforzo, ás doazóns da ANPA do centro, do profesorado e do persoal non docente conseguimos 705 € para a Fundación Unoentrecienmil. 

Queremos dar as grazas tamén á Policía local e ao Concello de Burela por facernos máis doada a organización da carreira. 

Ao rematar, ademais dun diploma de participación, os rapaces recibiron como recompensa unha entrada para ver o fútbol sala esta fin de semana e o centro recibiu balóns do Burela FS para utilizar na clase de Educación Física e no recreo. 

Para acceder ao álbum de fotos AQUÍ

#VueltaAlColeUnoentrecienmil #Unoentrecienmil

 

Distribuir contido


by Dr. Radut