II Concurso de Booktrailers



O ENDL do IES Pontepedriña convoca o II Concurso de Booktrailers, isto é, vídeos de promoción de libros de lectura, co fin de promover a lectura de libros en galego, o uso da lingua galega en relación coas TIC e a creatividade do alumnado. A convocatoria e a resolución deste concurso rexerase polas seguintes bases:

 
1) O obxectivo do concurso é contribuír á creación e difusión de traballos audiovisuais escolares no ámbito da normalización lingüística e promover a lectura como entretemento entre a mocidade.
 
2) Poderá concursar todo o alumnado matriculado no instituto neste curso escolar 2017-18.
 
3) Cada alumno ou alumna poderá presentar un máximo de 3 creacións inéditas.
 
4) Os booktrailers terán como finalidade promocionar calquera libro de lectura escrito en galego (tamén poden ser traducións) dos fondos da biblioteca do centro escolar.
 
5) A duración mínima é de 60 segundos e a máxima de 120 segundos.
 
6) Os traballos en soporte dixital (en calquera formato) enviaranse por correo electrónico ao enderezo da biblioteca (bibliotecapontepedrinha@gmail.com). Paralelamente cubrirase unha ficha de inscrición dispoñible na biblioteca do centro.
 
7) O prazo de entrega dos traballos remata o 16 de maio de 2018.
 
8) Establécense dous premios:
       1º premio 100 euros
       2º premio 50 euros
Para cada categoría de participación:
       De 12 a 16 anos
       De 16 anos en diante
 
9) Na avaliación dos traballos terase en conta os seguintes criterios: orixinalidade, creatividade, calidade artística e eficacia comunicativa.
 
10) O xurado estará formado por profesorado do instituto.
 
11) Os traballos ganadores publicaranse na páxina web do instituto e nas redes sociais e blog do ENDL. Así mesmo, proxectaranse na entrada do instituto.
 
12) A participación no concurso implica a cesión dos dereitos para difundir os traballos presentados, no ámbito da normalización da lingua galega e da promoción desta actividade por parte do IES.
 
13)  A participación no concurso implica a aceptación destas bases.