Curso 2016/17

Curso 2016/17

Viaxe a Oporto do alumnado de 3º ESO

28 alumnos de 3º de ESO do IES Río Cabe acompañados polos profesores Isabel Valledor e Manuel Sánchez, viaxaron a Oporto durante os días 9 e 10 de Maio nun programa de actividades dentro do Proxecto Terra, auspiciado polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. O primeiro día acudiron á Fundación Serralves e tiveron a oportunidade de ver a cidade de Oporto acompañados de guías que lles explicaron aspectos da historia e da arquitectura das principais edificacións; logo pernoctaron nun albergue na localidade de Espinho. Ao día seguinte visitaron a Casa da Música, onde puideron participar en actividades interactivas relacionadas coa música.

Facendo click na seguinte imaxe accédese a unha pequena galería fotográfica da excursión:

Visita á Fundación TIC 2017

O alumnado de 4º de ESO do IES Río Cabe visitou o xoves 4 de maio as instalacións da Fundación TIC en Lugo, onde puideron achegarse ao mundo da produción e realización audiovisual, visitar platós reais e ver os centros de control da imaxe e do son. Eles puideron facer unha pequena práctica, xa que exerceron de presentadores, entrevistadores e enviados especiais dun pequeno informativo.

A continuación podedes ver algunhas fotos da actividade e o vídeo co "ticodiario" realizado polo alumnado:

 

Máis información na páxina da Fundación TIC de Lugo.

Asistimos ao III Encontro do Clúster de Turismo de Galicia

O xoves, 27 de abril, o alumnado e o profesorado do ciclo de Guías, información e asistencia turísticas viaxamos a Ourense para asistir ao III Encontro do Clúster de Turismo de Galicia.

Tras a aprobación da nova Estratexia de Turismo de Galicia 2020, que marca a folla de ruta do sector para os próximos catro anos, o Encontro pretendía dar unha visión de conxunto das tendencias e trazar a orientación do futuro do sector.

Resultou unha boa experiencia, que nos permitiu afondar no coñecemento de Galicia como destino turístico, sensibilizarnos coa importancia de consolidar destinos turísticos sostibles ademais de poder interaccionar con profesionais de referencia do sector.

O alumnado do CS de Turismo en Pantón

Este curso, o grupo do Ciclo Superior de Turismo, tivemos o privilexio de repetir visita por Pantón coa historiadora local, Flora Enríquez. Nesta ocasión visitamos o Mosteiro do Divino Salvador e a igrexa de San Fiz de Cangas.

O primeiro, popularmente coñecido como “Monasterio de las Madres Bernardas”, é o único mosteiro cisterciense femenino que mantén actividade en Galicia.

Na  igrexa de San Fiz de Cangas, que formou parte dun mosteiro de monxas beneditinas, apreciamos un interesante exemplo de arquitectura románica do século XII con elementos de transición.

Agradecémoslle a Flora a súa sempre boa disposición á hora de compartir coñecementos e entusiasmo polo patrimonio da zona.

A nosa compañeira Alba puxo a guinda da visita agasallándonos cun estupendo pic-nic. Graciñas, Alba.

Tres alumnos de 2º de ESO na Olimpíada Matemática

3 alumnos do IES Río Cabe participaron o 27 de Abril de 2017 na fase de zona da Olimpíada Matemática Galega que se celebrou na localidade de Lugo para o alumnado de 2º de ESO.

Nesta fotografía aparecen de esquerda a dereita Iván Castro Álvarez, Fernando Díaz Martínez e Brais Rodríguez Rodríguez; os 3 alumnos do IES Río Cabe que nos representan nesta competición. E clickando na imaxe accédese a unha pequena galería de fotografías da competición, a que asistiron acompañados da súa profesora de Matemáticas, Trinidad Álvarez González.

A Olimpíada de Matemáticas é un concurso que se realiza co fin de promover a ensinanza e aprendizaxe das Matemáticas a través da resolución de problemas, dirixido ao alumnado de 2º de ESO, e organizado por AGAPEMA (Asociación Galega de Profesorado de Educación Matemática). Esta é a 19ª edición e a proba, nesta fase, consiste en resolver de forma individual cinco problemas, primando na valoración dos mesmos o método de resolución empregado ou a súa orixinalidade, por enriba da mera solución.

Nesta fase seleccionaranse aos 40 mellores participantes, que acudirán o 18 de maio a fase final galega da Olimpíada de Matemáticas para alumnado de 2º de ESO.

Visita Monforte o alumnado do intercambio con Francia

Nesta semana, desde o día 24 ao 30 de Abril, no IES Río Cabe están de visita os/as alumnos/as procedentes de Landernau (Francia) dentro do programa de intercambio cultural e de idiomas que desde fai 21 anos vense organizando nos nosos centros.

Antes das vacacións de Semana Santa foi o noso alumnado o que visitou o país francés e agora tócalle a eles visitar a nosa localidade. Nesta semana os alumnos participan en distintas actividades programadas polos profesores que organizan o Intercambio: visita a Santiago de Compostela, Ourense, Lugo...  así como a convivencia coas familias de acollida.

O intercambio prodúcese con alumnado do Instituto de Saint Sebastien, de Landerneau.

Facendo click na seguinte imaxe accédese a unha pequena galería de fotos:

Obradoiro de Debuxo no Gaiás

O venres, 21 de abril, o alumnado de Debuxo Técnico de 1º  e 2º de BAC desprazouse á cidade de Santiago de Compostela para realizar unha visita guiada á Cidade da Cultura e ver unha exposición  baixo o título Da árbore á cadeira. Ao termo da visita deu comezo o obradoiro de debuxo ao natural consistente na realización dunha serie de  apuntes arquitectónicos dos edificios que compoñen o conxunto da Cidade da Cultura no  monte Gaiás.

Clickando na seguinte imaxe accédese a unha pequena galería fotgráfica da actividade:

Intercambio Cultural con Francia 2017

O Departameto de Francés do instituto, organiza o tradicional intercambio con alumnado de Francia. Ao igual que en ocasións anteriores, o intercambio producese con alumnos/as do Instituto de Saint Sebastien, de Landerneau.

Os alumnos do IES Río Cabe, do Daviña Rei e da Pinguela están durante esta semana en Francia, acompañados polos profesores deste centro, Mª Pilar Rodríguez Vidal e David Gómez Lago.

Posteriormente, alumnos do centro francés estarán unha semana convivindo cos nosos alumnos en Monforte de Lemos, visitando a zona.

Picando na imaxe, pódese acceder á galería de fotos do intercambio, que a iremos actualizando coas imaxes que envíen os profesores:

Conferencia sobre alimentación saudable - 1º BAC

A médica especialista en endocrinoloxía do Hospital Comarcal de Monforte de Lemos, Rosa Burgo, o luns 27 de marzo impartiu unha charla ao alumnado de 1º de bacharelato sobre alimentación saudable.

Alumnado de 2 ESO no concurso de relato curto de Coca-Cola

Oito alumnos de 2º de ESO participaron na 57.º edición do Concurso Jóvenes Talentos de Relato Corto, en lingua castelá. A proba tivo lugar en Ourense o venres 24 de marzo: ás cinco da tarde, os participantes de toda España descubrían ante si unha misteriosa caixa de cartón cun burato na parte superior. Nun dos lados da caixa podíase ler a frase “Esto es lo único que recordarás” e, no seu interior, unha textura converteu a súa pel nas sensacións que guiarían dos seus relatos. Con este estímulo, que combinou o sentido do tacto cun misterioso enunciado, e dúas horas por diante, deu comezo a proba. Nas imaxes, os nosos alumnos comenzado a escribir e, ledos e cansos a un tempo, á saída da proba.

 

¡Se podes imaxinalo, podes contalo!

Distribuir contido