Skip to Content

Orientación

QUÉROTE +: SESIÓN 7. CULTIVANDO HABILIDADES.

A chegada da pubertade trae consigo unha serie de cambios físicos e psicolóxicos que, en certa medida, "descolocan" ao suxeito e que o impelen a buscarse a sí mesmo/a, a explorar diferentes opcións para construírse como persoa, como futuro adulto. Nesta busca, son moitas as opcións a explorar, moitas as posibilidades... e cada ún/unha vai tomando as súas decisións (de ideoloxía, política, relixión, vocacionais, estética, consumo/non consumo de substancias...). O que ocorre é que en moitas ocasións esas decisións non se toman "libremente", senón condicionados polo que fai ou pensa o noso contorno, a chamada "presión social ou de grupo". Neste senso, a sexualidade non é unha excepción, e con frecuencia hai presións para iniciarse neste eido, experimentar certas prácticas... A sexualidade (a vivencia da sexualidade) é algo moi persoal, polo que ninguén debe marcar o ritmo que ten cada quen. 

 

Así pois, parece oportuno proporcionar ao alumnado estratexias para que aprendan a "soportar" ou lidiar mellor coa presión do grupo no referente a sexualidade. Esta é a temática arredor da cal xirou a sesión do Quérote + desenvolvida o 29 de abril.

Empregando a técnica do role-playing, dous alumnos representaron diversas situacións, nas que unha persoa exercía presión sobre outra.

A proposta de relacións eróticas, o ofrecemento de fumar un porro, tatuar o nome da parella como mostra de amor ou tinxir o pelo dunha cor que está de moda... foron algunhas das situacións que representou o alumnado de 3º da ESO.

Finalmente, a sesión rematou coa visualización dun vídeo e o posterior debate e reflexión grupal sobre o "consentimento sexual". Como ten que ser  o consentimento sexual? baixo que condicións ten que estar a persoa para dar ese consentimento? Un NON QUERO pódese dar en calquera momento, Que acontece se hai un cambio de opinión antes e durante? Estas e outras cuestións foron debatidas polo alumnado do grupo.

 

 

 

xORNADA DE ACOLLIDA AO ALUMNADO DE 6º E CHARLA DE EDUCACIÓN SEXUAL.

O pasado día 4 de xuño o alumnado de 6º de Educación Primaria do CPI Ramón Piñeiro e do CEIP do Páramo participaron nunha xornada de acollida e convivencia. O alumnado de 6º destes dous centros remata a etapa de Educación Primaria e inicia unha nova, a ESO. Ademáis o alumnado do CEIP Plurilingüe do Páramo cambia de centro, xa que serán novos alumnos e alumnas do CPI Ramón Piñeiro no vindeiro curso polo que aproveitamos para ter unha xornada de convivencia e que foran coñecendo as instalacións e aos novos compañeiros/as. 

 

Explicámoslles as variacións máis significativas asociadas a este cambio de etapa: máis horas de docencia, profesorado e materias, maior esixencia académica, distinto horario... Pero os cambios non rematan aquí. Coa chegada da ESO, aparece tamén a pubertade, con todos os cambios físicos e psicolóxicos que conleva e que configuran un fenómeno curioso denominado "Adolescencia". 

 

Disto tamén quixemos falar, para axudar ao alumnado a coñecerse e comprenderse un pouco mellor nesta época de tantos cambios. Así pois, contamos coa colaboración da Deputación de Lugo e o médico Miguel Otero para o desenvolvemento dunha interesante charla sobre a "Educación Sexual".

Nesta charla abordáronse temas e conceptos como os cambios físicos e psicolóxicos da pubertade: os órganos sexuais masculinos e femininos, primarios e secundarios, a menstruación, as polucións nocturnas, cambios hormonais...

Tamén se falou de certos contidos que están accesibles na Internet e que non son reais: por exemplo, a industria da  pornografía como parte da industria do cine e, que polo tanto, ten unha parte moi grande de ficción que nada ten que ver co que son as relacións afectivos-sexuais reais. Ou a importancia de respetar a orientación sexual, a cal se consolida arredor dos vinteún anos, a diversidade sexual, o abuso sexual ou a igualdade de xénero.

En definita, resultou ser unha actividade moi interesante para o alumnado, que rematou cunha enquisa de valoración da mesma.

 

SESIÓN FORMATIVA EN EDUCACIÓN SEXUAL.

O día 28 de maio o alumnado de 4º da ESO participou nunha sesión formativa sobre a "Educación sexual". A sexualidade é unha parte constitutiva do ser humano, que non se esgota nas meras relacións sexuais, senón que implica os afectos, sentimentos, relacións, vivencias... A vivencia da sexualidade ten un abrupto espertar ao chegar á pubertade, aparecendo medos, inseguridades, crenzas erróneas. Na adolescencia é preciso aprender a vivir a sexualidade de xeito coherente cos propios desexos, vivencias, crenzas, valores... e con responsabilidade. Neste senso, a escola dentro do Plan de Acción Titorial (no seu apartado de educación para a saúde) debe colaborar en formar e orientar ao alumnado sobre unhas relacións sexuais seguras e responsables. De aí o motivo desta sesión formativa, na que contamos coa colaboración de Cruz Vermella Lugo.

 

CHARLA CONTRA O ACOSO ESCOLAR.

O pasado día 28 de maio o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria, e de 1º da ESO participaron nunha sesión contra o acoso escolar. A actividade desenvolvida en colaboración coa Garda Civil (Plan Director) enmárcase dentro do Plan de Acción Titorial do Departamento de orientación, así como do conxunto de medidas do centro para mellorar a convivencia e previr o acoso escolar. Analizáronse as características do alumnado acosador, do acosado e dos observadores, así como as estratexias para identificar unha situación de acoso e como actuar.

Outras actuacións complementarias para a mellora da convivencia no centro que tiveron lugar nos últimos días, foron as que seguen: aplicación dun cuestionario de convivencia ao alumnado de 1º da ESO ou o desenvolvemento o día 3 de xuño dunha sesión de mellora da autoestima tamén con este grupo e o día 21 de maio con 4º de Educación Primaria. Neste senso, na medida en que unha persoa ten unha autoestima positiva, e está contento consigo mesmo/a, atópase en mellores condicións para estar satisfeito/a nun grupo e polo tanto cunha mellor disposición a participar nunha convivencia positiva e pacífica.

NOVAS TECNOLOXÍAS: RISCOS DE INTERNET.

As novas tecnoloxías e, en especial a Internet, están cada día máis presentes na sociedade e na nosa vida cotiá. Teñen moitas cousas boas, pero un mal uso ten os seus riscos e pode traer unha serie de consecuencias negativas. Neste senso como centro educativo temos a labor de "educar", asesorar e orientar ao alumnado neste tema. Así pois, o pasado día 29 de maio dentro do Plan de Acción Titorial, en colaboración coa Garda Civil (Plan Director) levouse a cabo unha charla formativa sobre as novas tecnoloxías e os seus riscos co alumnado de 2º da E.S.O. Estas actuacións correspóndense cun principio básica na intervención orientadora: a prevención. Entendemos dende o Departamento de orientación do centro, que a prevención -a educación, en definitiva- é a arma máis poderosa que temos para evitar a aparición de problemas de conduta, así como de futuras adiccións vencelladas a un mal uso da novas tecnoloxías.

O sexting (envío de fotos e/ou vídeos de carácter erótico e/ou sexual), o grooming (engano pederasta nas redes sociais), a difusión de fotos ou vídeos de carácter privado na Internet e os seus riscos (psicolóxicos, emocionais, penais); as apostas e o póker on-line, os videoxogos na rede... foron algúns dos temas que se abordaron nesta sesión. Coa intención de formar ao alumnado nun uso consciente e responsábel das novas tecnoloxías.

Ademáis, ese mesmo día -en sesión de tarde- a formación dirixiuse a todas as familias que quixeron asistir. Novamente (neste caso enfocado para pais) falouse das apostas on-line, o póker, os videoxogos, youtubers, delitos relacionados con determinadas prácticas no uso das novas tecnoloxías...

 

 

INFORMACIÓN DE ACCESO Á FORMACIÓN PROFESIONAL.

Nestes dous enlaces podedes atopar información sobre o acceso aos ciclos de grao medio e superior de formación profesional en Galicia.

 

Acceso aos ciclos de Grao medio: 

http://www.edu.xunta.es/fp/admision-grao-medio

 

Acceso aos ciclos de Grao superior:

http://www.edu.xunta.es/fp/admision-grao-superior

 

Para calquer dúbida ou aclaración sobre o acceso, prazos, ciclos, familias profesionais... podedes pasar polo Departamento de orientación a preguntar.

Resultado de imagen de fp galicia

QUÉROTE +: SESIÓN 6. A RELACIÓN DOS SEXOS A TRAVÉS DA TECNOLOXÍA.

A seguinte sesión do Quérote + xirou arredor da relación dos sexos a través da tecnoloxía. Cales son as diferenzas á hora de relacionarse coa túa parella no cara a cara fronte a unha relación virtual mediada pola tecnoloxía? 
Para entrar en materia o alumnado viu algúns vídeos sobre as características das relacións a través da tecnoloxía:

- Doble check: nesta curta pódese ver como o doble check do whatsapp pode ser motivo de discusión nunha parella cando os celos e a desconfianza se apoderán dunha das partes.

 

- Yo tb tq: esta curta amosa moi ben as diferenzas que existen entre unha relación, conversa cara a cara e unha conversa a través da tecnoloxía. A ausencia de contido paralingüístico produce unha inmensa perda de matices e informacións necesarias para a correcta comprensión do que se está a falar, provocando a descontextualización da información transmitida mediante a linguaxe verbal o que pode dar pé a malas interpretacións, coas súa correspondente discusión de parella.

 

Logo da visualización destes vídeos o alumnado debateu sobre temas como:

- A confianza e desconfianza nas relacións (como xestionar esas situacións...).

- A importancia da linguaxe verbal.

- A interpretación errónea de mensaxes e as súas consecuencias.

- Os celos: unha expresión de ¿amor?, pensamentos alternativos...

QUÉROTE +: SESIÓN 5. O MODELO DE AMOR ROMÁNTICO.

O día 1 de abril o alumnado de 3º da ESO participou nunha actividade de análise crítica do modelo de amor imperante na sociedade e as mensaxes que envía aos adolescentes. Estamos a referirnos ao modelo de amor romántico. Para coñecer mellor os mitos asociados ao modelo de "amor romántico" o alumnado comezou visualizando un vídeo das Queer Avengers.

 

A continuación en pequenos grupos, o alumnado explorou cales son as mensaxes que recibimos en torno ao amor romántico. Para iso buscaron cancións, películas e anuncios publicitarios nas cales subxace este modelo de amor. 

 

 

Finalmente, en pequeno grupo realizaron unha análise crítica dos valores e tópicos que transmiten os recursos atopados, respondendo ás preguntas dunha ficha de análise. Tamén se compartiron co grupo-clase as reflexións feitas en cada pequeno grupo.

CHARLA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO.

O día 3 de abril desenvolveuse no CPI Ramón Piñeiro a actividade "A violencia de xénero" co alumnado de 3º da ESO. A violencia de xénero (coma calquera tipo de violencia) é algo inadmisible no século XXI que como sociedade no debemos tolerar. Unha das posibles solucións para o esvaecemento deste tipo de violencia pasa, sen dúbida, pola prevención e educación. Neste senso, a escola ten un importante rol que xogar como axente socializador das novas xeracións.

 

Ao longo da charla, analizouse con alumnos e alumnas diferentes exemplos de viodeoxogos, películas, cancións, anuncios publicitarios... cun denominador común: unha visión androcéntrica da sociedade; co obxectivo de desenvolver no alumnado a capacidade de análise crítica dos diferentes estímulos que por diversas canles reciben acotío.

Finalmente, subliñar o interese desta actividade como un "paso máis" do centro no esforzo de educar as alumnas e alumnos no respeto mutuo e a igualdade nas nosas relacións como individuos dunha sociedade.

 

 

 

SESIÓN 4 DO QUÉROTE +: A ORIENTACIÓN SEXUAL.

Os días 4 e 11 de febreiro o alumnado de 3º da ESO participou na cuarta sesión do Proxecto Quérote +, que tivo como temática central a "Orientación do desexo e a identidade sexual". Os obxectivos desta actividade foron dous:

- Fomentar a convivencia respetuosa entre os sexos.

- Contribuir a eliminación de calquera prexuízo e tipo de discriminación por cuestión de identidade ou orientación sexual.

Para iso o alumnado traballou en grupos de 4 ou 5 persoas, deseñando uns carteis dirixidos a fomentar o respeto á diversidade sexual.

 

Como se pode observar, todos os carteis ían acompañados do hasthag#diversidade, e pivotaban sobre unha idea clara "o amor non entende de barreiras mentais". O amor é un sentimento único que xurde entre dúas persoas sin entender de xénero, nacionalidade, relixión, nin ideoloxía... 

Aquí vos deixamos os carteis elaborados polo noso alumnado.

 

Distribuir contenido


by Dr. Radut