Xeografía e Historia

Programa Educar en Xustiza e visita ao pazo do Cotón

 

Esta semana visitamos o concello de Negreira para participar no programa Educar en Xustiza promovido polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Que serio e formal parece todo!... E é por iso xustamente que esta inciativa persegue o contrario: que as siglas non asusten e as institucións, menos. O alumnado foi recibido polo xuíz e o equipo de persoas que traballan no xulgado, asistiu ás vistas axendadas para ese dia e tiveron a oportunidade de comentar e preguntar sobre os diferentes casos, a maioría deles, desavinzas que calquera de nós podería protagonizar. Foi moi interesante!

Completamos a visita entrando no pazo do Cotón, emblema de Negreira. Normalmente está fechado, así que temos que agradecer ao Concello e á familia propietaria que nos abrise as súas portas. Foi unha boa oportunidade para visitar esta xoia barroca e poder tratar nas aulas a importancia e a dificultade que temos para manter o noso patrimonio cultural.

 

Castro de Viladonga e Lugo romano. Alá fomos!

 

Un ano máis o alumnado de 2ºESO viaxou a Lugo para coñecer un dos escenarios máis evidentes onde se deron encontro a cultura castrexa e o imperio romano.

Pola mañá, achegámonos ao castro de Viladonga para o alumnado participar das actividades propostas polo Centro de Interpretación sobre arqueoloxía no castro e os achados alí encontrados. A través dos seus restos soubemos un pouco máis da vida aquí, antes da romanización.

 Pola tarde, paseamos Lugo para coñecer a cidade romana. Para iso visitamos a sala de exposicións Porta Miñá e o CIM-Centro de Interpretación da Muralla. E para acabar a saída, fixemos unha xincana que titulamos “a cidade que pisas” sobre o xacemento da casa dos mosaicos e as xanelas arqueolóxicas da zona histórica. A xornada foi completa e chea de sol!

 

 

Diarios de a bordo na Idade Moderna

O alumnado de 3ºESO acabou o primeiro trimestre cunha exposición dos seus traballos sobre as exploracións xeográficas na idade Moderna. Cada estudante presentou o diario de a bordo dun navegante que serviu de pretexto para relacionar coñecementos de Xeografía, Historia e algúns aspectos culturais. A exposición xa loce no noso corredor e estamos moi satisfeitas co resultado!

      

A galería de mitocerámica

Aquí temos o resultado conseguido polo alumnado de 2ºESO no seu traballo da primeira avaliación. Cada estudante escolleu unha peza cerámica para investigar a importancia desta expresión artística na Grecia antiga. E como un conto sempre se lle botou, tamén aproveitamos os seus motivos decorativos para facer unha contada de mitos gregos na aula. 

    

 

Visitamos o estaleiro do Ciprián

 

Visitamos o estaleiro do Ciprián para dar a coñecer como se construían embarcacións nesta carpintaría de ribeira do noso concello. O alumnado de 2ºESO atendeu as explicacións dadas sobre o espazo, os seus distintos usos, as ferramentas e tipos de embarcacións producidas neste local, que foi un de moitos do litoral outense. Ser consciente do que temos é o primeiro paso para valorar a importancia da súa conservación e preservar este espazo tan especial para a cultura mariñeira. Esta saída didáctica foi organizada conxuntamente polos departamentos de Historia e Lingua Galega.

 

 

 

 

 

 

Obradoiro de lacrado de documentos

 

Nas aulas de 3ºESO realizamos un obradoiro de lacrado de documentos para dar a coñecer a importancia que tivo esta prática na Historia. Aprendemos que o lacre se elaborou inicialmente con cera de abella e tiña unha tonalidade verdeamarela. Só, posteriormente, incorporou na súa fórmula esencia de trementina e pigmentos minerais como o cinabrio, que acabaron por darlle a súa típica cor vermella. A función principal do lacre era fechar cartas importantes ou carimbar documentos oficiais. Normalmente presentaban motivos heráldicos ou institucionais. A partir da abertura do comercio con América multiplicouse o seu uso durante toda a Idade Moderna.

Como o alumnado está a estudar as exploracións xeográficas desa época, aproveitamos para lacrar o diario de a bordo dalgún dos navegantes deste período sobre o que previamente traballaron.

 

 

De Outes a Lisboa com Fernando Pessoa

No curso 2023-2024 o alumnado de 4*ESO de Historia e Lingua Galega desenvolveu un proxecto en volta da emigración galega a Portugal desde mediados do S. XVIII até finais do S. XIX para acabar contextualizando a figura de Caetano Dionísio de Lens, veciño da parroquia de Cando e antepasado do autor portugués Fernando Pessoa. 

O traballo foi desenvolvido de xaneiro a maio e deu para estudar aspectos socioeconómicos da Galiza do Antigo Réxime, características do fenómeno migratorio, a instalación dos emigrantes no país e coñecer a utilidade da nosa lingua no ámbito lusófono.
 
Para tal fin, o alumnado participou nun obradoiro _OPS! O Português Simples_ para familiarizarse coas claves da ortografía portuguesa, realizou unha viaxe a Lisboa para recoñecer escenarios vinculados á comunidade galega na capital e investigou para editar unha serie de videos sobre diferentes aspectos deste tema que poden ser visitados no GoogleSite do proxecto.
 
 
Como obxectivo último, o alumnado traballou argumentos e redactou a carta formal na aula de Lingua Galega para levar ao pleno do Concello a proposta de lle dedicar un espazo público a Fernando Pessoa dada a sua relación familiar con Outes. O seguinte vídeo dá conta da intervención do alumnado e do compromiso dos representantes políticos locais ao respeto.
 
 
 
 

Alumnado no obradoiro lingüístico en febreiro

 

                                        Viaxe a Lisboa en marzo                             

Alumnado a ensaiar e preparar o seu traballo en abril

  O alumnado presentou a proposta no pleno do Concello de Outes entre abril e maio

 
 
 O traballo do alumnado foi difundido en medios de comunicación como o xornal dixital O Barbanza, Nós Diario e El Correo Gallego. Tamén foi acompañado en redes sociais como Facebook e Twitter.
 

GUIMARÃES

O alumnado de 1º de ESO participou neste curso nos intercambios territoriais organizados polo Proxecto Terra. O destino foi a cidade de Guimarães, considerada a orixe de Portugal xa que alí naceu o primeiro rei português, Don Afonso Henriques. A lenda que colga da propia muralla xa nolo indica “Aquí nasceu Portugal”. Visitamos a Citânia de Briteiros, o Monte da Penha, o Centro de Ciência Viva, o Centro histórico da cidade e máis o seu Castelo.

Foron dous días nada máis pero estiveron ben aproveitados.

  

O departamento de Xeografía e Historia participa no Porto do programa PIALE 2022

 

  

O pasado mes de novembro, un grupo de profesorado galego entre o que estaba Susana Álvarez, profesora do departamento de Xeografía e Historia deste centro, participou no programa PIALE, Programa Integral de Aprendizaxe de Línguas Estranxeiras, que ten por obxectivo promover o intercambio pedagóxico e a inmersión linguística en portugués.   

A experiencia, que se desenvolveu na Escola Clara de Resende do Porto, resultou enriquecedora e confirmatoria da oportunidade, que como galegofalantes temos na Lusofonia, agora que o plurilingüismo é unha das competencias de aprendizaxe ao cuidado do profesorado na nova lei educativa.

 

Visitamos as Torres do Allo

 

O alumnado de 4ºESO foi recibido no pazo das Torres do Allo, situado no Concello de Zas, que pasa por ser o máis antigo de Galicia, aínda que non teña o mérito de ser o exemplo de propiedade fidalga mellor conservada. Os seus elementos: a capela, o pombal, as terras, as casas das familias labregas…foron deslindándose co pasar do tempo. Mais é iso precisamente o que nos permite explicar a vida cotiá durante o Antigo Réxime en Galicia e o seu final. Visitar espazos patrimoniais axuda a entender mellor a nosa Historia

 

 

 

 

Powered by Drupal - Design by artinet