Curso 2023/24

2º ESO. Club de lectura

26.02.2024

 

O pasado 26 de febreiro o Club de lectura I de 2º da ESO tivo unha xuntanza para comentar O corazón de Xúpiter de Ledicia Costas, obra escollida como primeira lectura do curso. 

Houbo moitas opinións con respecto ao libro mais, en xeral, a sensación foi positiva e o alumnado quedou contento coa escolla aínda que ao final... se cadra é un pouco dramático de máis dixeron algúns. 

O emprego que facemos das redes sociais, o acoso escolar e a forma que temos de relacionarnos coas outras persoas, sexan familia, amigos ou parellas, foron algúns dos temas que suscitaron debate e que deron pé a ver como o noso día a día pode estar reflectido nunha obra literaria e que non todo é sempre o que aparenta.

Álbum: Escolares -> 2024_02_26_2ª AVA_2º ESO_Club de lectura

3ª ESO e 1º BACH: Visita do alumnado do Intercambio co Lycée Edouard Branly de Châtelleraut (Francia) ao IES Río Cabe

10.04.2024

 

O alumnado do Lycée Edouard Branly de Châtelleraut (Francia) está a gozar da segunda parte do intercambio co alumnado do IES Río Cabe e do IES A Pinguela de Monforte de Lemos (do 4 ao 10 de abril de 2024).

No día de hoxe visitaron o noso centro educativo e puideron asistir a diferentes clases entre elas, Educación Física co docente Carlos Parada, onde practicaron baile. tamén coñeceron Monforte de Lemos guiados por unha das nosas alumnas do Ciclo Superior de Guía, información e asistencia turísticas, Diana Costas Domínguez. Agardamos que a estancia fose do seu agrado.

Álbum: Escolares -> 2024_04_4-10_3ª AVA_3º ESO_1ºBach_Francés_Visita do alumnado do Intercambio co Lycée Edouard Branly de Châtelleraut (Francia) ao IES Río Cabe (Monforte de Lemos)

1º BACH. Busca ovos de Pascua polo instituto

09.04.2024

 

O día 9 de abril o alumnado de 1º de BACH - A na clase de Relixión da profesora Ángeles Vázquez fixo unha busca de ovos de Pascua aproveitando a época de Pascua na que estamos.

Foron por todo o centro, dentro e fóra, e atoparon todos os ovos, seguindo unhas pequenas pistas, e, ao atopalos, degustáronos!. Foi un tempo ben entretido.

 

 

 

 

Álbum: Escolares -> 2024_04_09_3ª AVA_1º BACH_Busca ovos de Pascua_Relixión

Todos os cursos. Programa escolar de consumo de froita hortalizas e leite. FOGGA

10.04.2024

 

DISTRIBUCIÓN DE FROITAS E LEITE AOS CENTROS ESCOLARES

O obxectivo deste programa é potenciar o consumo de froitas e leite entre o alumnado mediante un proxecto interdisciplinar que leve a cabo accións educativas diversas destinadas a manter e fomentar nas escolas o hábito de consumo destes alimentos.

Este ano o noso centro participa neste proxecto, con leite nos recreos, bricks de 250 ml, de leite enteira e sen lactosa e froita fresca en diferentes periodos dos ano.

 

Programa de froita e leite no recreo, subvencionado pola Consellería de Medio Rural e polo Fogga (Fondo galego de garantía agraria)

 

Álbum: Escolares -> 2024_04_10_2024_05_13_3ª AVA_Todos os cursos_Programa escolar de consumo de froita hortalizas e leite

Visita do profesorado do General Lyceum de Nigrita (Grecia) ao IES Río Cabe (Monforte de Lemos). Erasmus+

09.04.2024

15-19.04.2024

O 9 de abril de 2024, un grupo de profesorado do noso claustro xa se puxo en marcha cos preparativos para acollelos no noso instituto. Moitas grazas a todo o equipo que participa para que este encontro sexa posible e á nosa compañeira Temi por levalo adiante!

Do 15 ao 19 de abril de 2024 contaremos no noso centro coa presenza de profesorado grego do General Lyceum de Nigrita (Grecia) dentro do programa Erasmus+. Durante eses días acudirán ás aulas e convivirán no noso centro para coñecer de primeira man o funcionamento e ver as similitudes e diferenzas co sistema educativo grego.

 

Luns 15.04.2024

Os profesores chegan ao noso centro George, profesor de Física e Química, Stella, profesora de Química e Bioloxía, e Foteini, profesora de Grego, historia e filosofía. Acollémolos e explicámoslles o sistema educativo español, a nosa oferta educativa e particularidades do noso centro. Pola mañá e pola tarde acompañan ao profesorado riocabense nas aulas para observar a nosa práctica docente.

Martes 16.04.2024

Acompáñannos ao IES Xograr Alfonso Gómez de Sarria, onde un grupo dos nosos alumnos compiten na fase final do concurso de oratoria improvisada. Foi unha experiencia moi enriquecedora, pareceulles unha moi boa iniciativa, que queren levar ao seu centro para implementarla en lingua grega. Pola tarde Temi, a profesora coordinadora do proxecto no noso centro, organizou un percorrido en catamarán polos canóns do Sil, non podían deixar de gozar da nosa marabillosa Ribeira Sacra.

Mércores 17.04.2024

 

George imparte unha clase de Física aos alumnos de 1º BACH do noso compañeiro José Manuel Gil, sobre o traballo e a enerxía. Establécese conexión online co alumnado grego de George en Nigrita e o alumnado resolve unha tarefa de forma conxunta. Os directores dos dous centros, Carlos Parada e Stathis Papakonstantinou, puideron coñecerse, intercambiar impresións e xurdiu a idea de tentar organizar un traballo colaborativo cultural online no mes de maio para os alumnado de bacharelato dos dous colexios. Os mozos de ambos os centros mostráronse moi contentos coa iniciativa e a perspectiva dun posible intercambio escolar o vindeiro curso.

Xoves 18.04.2024

Pola mañá, os profesores gregos observan a Carmen Rodríguez Esperante, a nosa compañeira de galego, en 1º BACH - C. Os mozos e mozas fan unha clase de debate ao estilo clásico, seguindo os pasos da profesora Foteini acompaña a Yolanda, a nosa compañeira de Latín e Grego, en 1º BACH - C. Establécese conexión en liña co alumnado grego no Lyceum Nigrita, dous profesores e o director do centro, que expresa novamente o seu agradecemento pola acollida que Stella, George e Foteini están a ter no IES Río Cabe. O alumnado de ambos os institutos preséntanse en grego e inglés.

O noso compañeiro de Química, Xurxo Rodríguez Labrador, ensina os laboratorios de física, química e bioloxía aos profesores gregos, que opinan que están moi ben equipados. Na seguinte hora asisten a unha clase práctica do alumnado de Física de 2º BACH - A no laboratorio. Stella e George interactúan co noso alumnado.

Ao final da mañá, o tres profesores acompañan a Emilio Sotelo, o noso compañeiro de Matemáticas, na súa clase de 1º BACH - A.

Pola tarde un grupo de alumnos de 1º BACH  acompañados pola nosa compañeira Pilar López, de Lingua Galega e Literatura, ofrecen no salón de actos do instituto un debate formal acerca da intelixencia artificial ao profesorado grego. 

Venres 19.04.2024

Na primeira hora, os profesores gregos deron un relatorio ao alumnado de 4º ESO e 1º BACH sobre o sistema educativo grego e o proxecto Erasmus+ que o Instituto Lyceum Nigrita está a realizar na protección do medio ambiente. Os alumnos e alumnas mostráronse moi interesados, facendo preguntas para comparar o noso sistema educativo e o grego. Na segunda hora estableceuse conexión en liña para que a profesora grega Stella puidese impartir unha clase de Química conxuntamente aos nosos alumnos e alumnas de 1º BACH e aos alumnos e alumnas gregos no Lyceo Nigrita. Foi unha experiencia moi enriquecedora para alumnado e profesorado. Os discentes tiveron que realizar unha tarefa de forma conxunta para resolver un crucigrama, referido a disolucións. Na cuarta hora veu un reporteiro do xornal O Progreso a facerlle unha entrevista aos profesores gregos. contáronlles como nos viron ao entrar nas nosas aulas. En xeral hai moitas máis similitudes que diferenzas. Quero resaltar a nosa satisfacción ao ver que opinan que os nosos alumnos están implicados activamente no seu proceso educativo e tamén que valoran moi positivamente os moitos proxectos nos que participamos. E é que non é fácil reunir nun centro a un colectivo de docentes motivados e aquí conseguímolo.

Na quinta hora a profesora Foteini ofreceu unha preciosa presentación ao alumnado de grego. Este evento tivo lugar na biblioteca do centro, o que lle engadiu aínda máis encanto. Foi todo un luxo escoitala , falar da importancia da lingua grega nas linguas modernas, os restos que quedaron e que perduran, as curiosidades de certas palabras que en grego moderno cambiaron totalmente o seu significado orixinal en grego clásico, etc. Os alumnos e alumnas puideron facer preguntas e achegarse un pouco máis ao mundo heleno e demostrar o atentos que estiveran á presentación ao realizar un acróstico e xogar a un Kahoot, con éxito en ambas as actividades!

Na última hora chegou o momento da actuación en directo de tres artistas: Xurxo, o noso compañeiro de Química, George, o profesor grego de Física, ambos con guitarras e Nerea, a nosa profesora de Inglés, e voz portentosa. 

E chegou ao final desta visita e intercambio cultural e educativo. Dixémoslle, ata pronto que non adeus aos nosos novos amigos e compañeiros gregos.

 

 

 

Grazas á nosa compañeira Pilar López pola realización do vídeo.


Pica 
AQUÍ para ver as fotos na galería ou pica aquí abaixo:

Álbum: Extraescolares -> 2024_04_15_19_3ª AVA_Visita profesorado_General Lyceum de Nigrita_Grecia

3ª ESO e 4º ESO: Relatorio Escola de Hostelería Fundación Belarmino Fernández Iglesias de Sober

08.04.2024

 

O alumnado de 3º ESO e 4º ESO gozaron dun relatorio impartido por profesorado e por alumnado da Escola de Hostelería Fundación Belarmino Fernández de Sober onde lles explicaron as diferentes titulacións que o centro ofrece dentro do ámbito da Hostelería. Agredecemos que se achegasen ao noso instituto.

 

 

Álbum: Escolares -> 2024_04_08_3ª AVA_3º ESO_4º ESO_Relatorio Fundación Belarmino Fernández_Sober

Todos os cursos. Entrega premios Oratoria Improvisada. Fase Local. IES Río Cabe

08.04.2024

 

O IES Río Cabe de Monforte de Lemos conclúe hoxe a fase local do II Concurso Intercentros de Oratoria Improvisada coa entrega de premios e diplomas aos finalistas.

Os/as gañadores/as nas tres categorías foron os seguintes: Irene González Díaz, África Guitián García e Emeli Vizcaíno Ortega (1º e 2º de ESO); Paula Bouso González, Ángel Luis Mora e  Diego Expósito Díaz (3º e 4º de ESO), e Bieito Varela Rodríguez, Demetrio González Álvarez e Sabela López Mariño (1º e 2º BAC).

Dámoslle os nosos parabéns aos gañadores, aos finalistas e a todo o alumnado que participou vencendo o medo escénico e facéndonos pasar moi bos momentos.

Nota de prensa Diario de Lemos: pica AQUÍ para lela.

 

 

Álbum: Escolares -> 2024_04_08_3ª AVA_Todos os cursos_Entrega premios Oratoria Improvisada

1º Bacharelato e 2º Bacharelato. Relatorio exalumna Emma Fernández Fernández

05.04.2024

 

O venres 5 de abril de 2024 o alumnado de 1º e 2º Bacharelato acudiu ao relatorio que ofreceu no noso centro a exalumna deste, Emma Fernández Fernández, para explicarlles a súa traxectoria estudantil e profesional dende que rematou 2º Bacharelato. Emma estudou Xornalismo na USC e logo decidiu facer o grao de Economía, tamén na USC. Traballou para varias empresas e actualmente desenvolve o seu traballo nunha farmacéutica. Foi un xeito de que o noso alumnado coñeza de primeira man experiencias de antigos alumnos e alumnas do IES Río Cabe e se decaten de que non importa o que estudes, a vida pode levarte por moitos camiños profesionais. Quedamos cunha frase que Enma trasladou na explicación: "Se o camiño está despexado é que estás camiñando por un que non é o teu". Moitas grazas Emma por acudir de novo ao IES Río Cabe.

 

 

 

Álbum: Escolares -> 2024_04_05_3ª AVA_1º_2ºBACH_Relatorio exalumna Emma Fernández Silva

1º ESO e 2º ESO. IV Encontro Interescolar de Improvisación. A Pobra do Brollón

04 e 05. 4.2024

No IES Río Cabe sabemos moito de improvisación tradicional e ademais gústanos. Por iso dende o mes de xaneiro un grupo de trinta alumnas e alumnos vén participando nos recreos dos mércores no Club de Brindos, unha actividade na que aprendemos sobre a tradición de enfrontarnos verbalmente a través de coplas populares.

O pasado catro de abril este grupo de alumnado tivo a oportunidade de viaxar á Pobra do Brollón onde se levou a cabo o IV Encontro Interescolar de Improvisación con alumnado de Vila de Cruces, Caldas de Reis, Vilalba, o Courel e a propia Pobra do Brollón. 

Foron dous días de intensa convivencia con outros trinta e seis rapaces a rapazas onde ensinamos o que estamos facendo no noso instituto, fixemos unha xincana polo castro de San Lourenzo, participamos nun festival nunha Casa da Cultura Olga Novo completamente chea, durmimos nun pavillón e fixemos unha andaina polo Courel para chegar ata a casa de Uxío Novoneyra onde, para finalizar, cantamos brindos de homenaxe para o gran poeta da montaña. 

En breves, o Club de Brindos terá novas aventuras que contar mais, polo momento, quedámonos coa ledicia de ter compartido tempo, espazo e experiencia con rapazada que, coma nós, goza facendo e cantando coplas.

Entrevista en Onda Cero Monforte. Para escoitala, pica AQUÍ

 

 

 

Álbum: Escolares -> 2024_04_04_05_3ª AVA_1º_2º_ESO_IV Encontro Interescolar de Improvisación_A Pobra do Brollón

Todos os cursos. Final Oratoria Improvisada. IES Río Cabe. Fase Local. IES Río Cabe

03.04.2024

 

 

 

 

Para ver a galería de fotos pica AQUÍ ou aquí abaixo:

 

Álbum: Escolares -> 2024_04_03_3ª AVA_Todos os cursos_Final Oratoria IES Río Cabe
Distribuir contido