Educación Física

Charla sobre Nutrición

O pasado 14 de xaneiro tivo lugar, no salón de actos do Río Cabe, unha charla sobre Nutrición impartida pola experta no tema, a nutricionista Olga Yanes Marqués .O alumnado a quen  ía dirixida era o de 4º ESO, 1º de BAC de diúrno, BAC de adultos e Ciclos Formativos de Turismo e Fútbol, Nivel II.

Os obxectivos da actividade consistían en aportar coñecementos en materia de nutrición de cara a mellorar as nosas eleccións  alimentarias  diarias, causando así un impacto positivo na nosa saúde e na da nosa familia, desmitificar falsas crenzas arraigadas durante anos en relación co mundo da alimentación e entender a relación entre actividade física e nutrición.

A sesión incluiu aspectos moi interesantes, como a relación entre alimentación e sobrepeso e obesidade na población adulta, comida ultraprocesada, lectura de etiquetas dos alimentos, dietas para deportistas ou a auga que debemos tomar diariamente.

Unha charla moi instrutiva que esperamos repetir en anos vindeiros.

Andorra: Venres, 24 de Xaneiro

O venres, o noso último día en Andorra, amaneceu soleado e puidemos desfrutar dunha magnífica xornada de esquí. As tres primeiras horas pasámolas cos monitores e recuperamos alguhna das horas perdidas polo temporal do mércores. Tras unha curta parada para xantar esgotamos o tempo nas pistas antes de rematar por este ano, non sen un pouco de magoa por ter que marchar.

Despois de devolver o material e pasar polo hotel a recoller as nosas cousas, emprendimos viaxe de volta a Monforte, moi cansos pero á vez moi satisfeitos duhna semana de deporte e convivencia  que perdurará na nosa memoria.

Álbum: Extraescolares -> Semana Branca 2020

Andorra: xoves 23 de Xaneiro

Despois da intensa nevarada do día de onte, hoxe puidemos gozar dun completo día de esquí a pesar de que ás primeiras horas tivemos escasa visibilidade e moito frío.

 Recuperamos  unha hora de clase que perdemos o día anterior.

 Ao redor do mediodía saíu o sol e acompañounos durante o resto da xornada.

Logo de baixar de pistas aproveitamos para facer as últimas compras e despois de cear preparámonos para ir a Caldea onde o alumnado compartiu os distintos espazos de relaxación con rapaces doutros centros.

 Xa só queda preparar as maletas e repoñer forzas para o último día no Tarter.

 Todo segue dentro da normalidade!

 Mañá máis...

 

Andorra: Mércores 22 de Xaneiro

Este mércores sorprendeunos cunha intensa nevarada á saída do hotel que fixo colapsar o tráfico en Escaldes e impediunos chegar a tempo á zona de esquí no Tarter. É sorprendente que un país que vive das actividades de neve poida quedar bloqueado por situacións climatolóxicas deste nivel.

Logo de chegar á estación fomos xantar e a continuación dedicámonos a esquiar. Foi unha experiencia distinta a que nos permitiu gozar do esquí nunhas condicións ás que non estabamos acostumados.

Completamos outra xornada en Andorra e xa pasamos o meridiano da actividade.

Todo segue dentro da normalidade!

Mañá máis ...

Andorra: Martes 21 de xaneiro

O día de hoxe amenceu nubrado e con precipitacións de neve a partir da media mañá que se prolongaron ó longo de toda a xornada.

O alumnado segue aumentando o seu dominio do esquí e a súa capacidade para superar novos retos.

O cansazo segue manifestándose pero a ilusión por seguir mellorando nesta habilidade deportiva fai que todo sexa máis levadeiro. Todo se mantén dentro da normalidade!

Mañá máis..

Primeiro día na neve

Primeiro día de contacto coa neve en Andorra.  O  espertar presentouse duro polo cansazo acumulado na viaxe do día anterior, pero a ilusión por comezar a esquiar eliminou todo o negativo de erguerse ás 7h.

Almorzamos e subimos á estación de El Tarter e logo de probar a dureza de convivir coas botas de esquí, empezamos o curso cos monitores dende as 10h ata as 12h.

Transcorridas 2 horas de esquí,  a maior parte dos participantes puideron ter una experiencia positiva. Dende as 12h ata as 14h houbo esquí libre antes de xantar.

Cando aparecían os primeiros síntomas do cansazo, tocou  volver a esquiar ata as 16:45h.

A partir desa hora, todos volvimos ao autobús e a repoñer forzas para seguir mañá coa mesma ilusión.

Continuaremos informándovos.

Campionato de Brilé

O  pasado decembro  o Departamento de Educación Física e en especial  a xefa do departamento, Berta Seoane, puxo en marcha un Campionato de Brilé entre alumnos dos distintos cursos de Eso e Bacharelato e o profesorado.

Os primeiros partidos celebráronse o  día 20 de decembro,  como actividade de remate de trimestre, e resultaron gañadores  alumnos de ESO.  O campionato continuará durante o segundo trimestre, durante os recreos marcados polos profesores e irémosvos informando sobre os resultados.

Moitos ánimos e sorte a todos os participantes!!

Chegada a Andorra

O alumnado do IES Río Cabe  participante na Semana Branca e o profesorado acompañante xa se atopan perfectamente acomodados no hotel Cosmos de Andorra la Vella.

Saíron o sábado ás 23.45h de Monforte e logo de cruzar toda a península de Oeste a Leste chegaron ó mediodía ao seu destino.

Entraron no hotel entorno ás 14 horas  e logo de facerse cargo dos cuartos puideron xantar en Andorra e xa ás 17.30 tiveron que recoller o material no Tarter.

Para rematar a xornada cearon no hotel e descansarán ata o luns ás 7h da mañá ,que terán que erguerse...

 Mañá máis...

Semana Branca en Andorra

O alumnado de 3º de Eso e 1º de Bacharelato partiu na noite do sábado 19 de xaneiro cara a Andorra, acompañado do seu director  e organizador da viaxe Carlos Parada, así como da xefa de estudos de nocturno, Patricia Barrientos, e a profesora do departamento de Matemáticas Iria Trebolle.

Nesta viaxe  algúns aprenderán a esquiar, outros perfeccionarán a súa técnica, e todos compartirán unha semana de experiencias e emocións intensas. Con moitas ganas e tamén algúns nervos , saíron da estación de autobuses a onde as súas familias os foron despedir.

A todos eles lles desexamos unha moi feliz semana!!

Andaina ó Caurel do alumnado de 1ºESO

O pasado luns o alumnado de 1ºESO fixo durante toda a xornada unha ruta de senderismo polo Caurel. O percorrido foi pola ruta Uxío Novoneyra

A actividade foi organizada polo departamento de Educación física.

Distribuir contido