Xeografía e Historia

Visita Escolapios e Planetario

A nosa excursión do mércores 29 de xaneiro comezou no Colexio de Nosa Señora da Antiga, coñecido como Colexio do Cardenal ou Colexio Os Escolapios. Neste centro,a visita estivo guiada polo Padre Javier.

Iniciamos o percorrido nas famosas escaleiras da entrada, escaleiras monumentáis formadas por 35 escalóns repartidos en tres tramos, sen columnas de suxección ( …e cada escalón pesa unha tonelada!!). Coñecemos o que é unha “montea”, a función do claustro e o significado dos catro escudos que o decoran.

Despois visitamos a pinacoteca, onde puidemos contemplar, entre outras obras, cadros de Andrea del Sarto, de El Greco e de Pacheco, e finalmente a Igrexa, na que destaca o fermoso retablo dedicado á Virxe María  que decora o altar; ten case vinte metros de altura, está feito de madeira de nogal e é obra de Francisco Moure. Destaca tamén un Santo Cristo, obra do italiano Cioli,  copia da “Adoración dos Reis” de Van der Goes. Aquí rematou a nosa visita ao Colexio dos Escolapios.

 A seguinte parada levounos ao IES A Pinguela , para coñecer o Planetario “Matías Vázquez”. Foi tamén unha visita do máis didáctica e tivemos a sorte de ter como guía a Matías Vázquez, profesor xubilado dese centro. Grazas  ás súas explicacións coñecemos un pouquiño máis sobre a Teoría do Big Bang e a expansión do Universo, sobre as estrelas e as constelacións; coñecemos Syrius ( a estrela máis brillante do firmamento), Casiopea, como localizar a Estrela Polar e orientarnos a partir dela, a Osa Maior, etc.

Dende o Río Cabe queremos agradecer aos directores do Colexio Escolapios, Pablo Blanco,  e IES A Pinguela, Enrique Sampil, por permitirnos  realizar as visitas , e especialmente  ao Padre Javier e Matías Vázquez pola súa xenerosidade, paciencia  e as súas  explicacións.

 

Álbum: Escolares -> Visita Escolapios e Planetario

Máis cine...por favor

E se é cine de calidade, como a película que foron a ver alumnos de 2º de Bac e 4º de Eso o pasado mércores, moito mellor.

“Mientra dure la guerra” é o último filme de Alejandro Amenábar no que o director nos mostra a España de 1936, os comenzos da Guerra Civil e a figura do escritor e intelectual  Miguel de Unamuno.

O alumnado foi acompañado de Anuncia Méndez, profesora de Xeografía e Historia, quen lles serviu de guía contextualizando o que a película nos amosa.

 

Charla do arqueólogo Xurxo Ayán

Dentro das numerosas actividades realizadas estes días no IES Río Cabe (Exposición de fotos "Premio Mª Josefa Wonenburger" e "Donas de si", visitas guiadas do alumnado do Ciclo de Turismo, asistencia a Ourense a unha representación teatral, Obradoiro de música do Trío Caspervek"... hoxe venres o alumnado de 1º e 2º de ESO asistiu a unha moi interesante charla impartida polo arqueólogo Xurxo Ayán.

D

Durante unha hora puidemos acercarnos un pouco máis o interesante e completo traballo dos arqueólogos na súa procura de comprender mellor o pasado, mesmo nos máis mínimos detalles. Un traballo que hoxe en día se vale doutros moitos e variados campos (cos que se interrelaciona a arqueoloxía) para interpretar e investigar o pasado e traballar nas investigacións.

Xurxo explicou, con variados e amenos exemplos, a súa experiencia noutros lugares de España e de fóra para centrarse no tema do traballo que está realizando no  Castro de San Lourenzo (Cereixa, A Pobra de Brollón). O descubremento de "Atilano" e as consecuencias e importancia que este achádego ten para o patrimonio da Comunidade foron algúns aspectos dos tratados.

O entusiasmo co que nos falou do seu traballo seguro que anima a máis de un a visitar dito Castro e interesarse pola marcha dos traballos.

Charla da eurodeputada Lidia Senra sobre "A política agraria europea en clave galega"

Hoxe, venres 14, o alumnado de Bacharelato tivo a oportunidade de asistir a unha charla impartida pola sindicalista e eurodeputada na actualidade no Parlamento europeo: Lidia Senra, ex alumna do noso centro e que xa pronunciara unha conferencia con motivo do 50 Aniversario do Río Cabe.

Tres temas foron os suxeridos cando a invitamos: como está afectando a política agraria comunitaria ó sector agropecuario galego? Que actividades económicas no mundo rural galego poden ter máis futuro? e, por último, cales son as principais correntes ou partidos políticos dentro do Parlamento e como se encadran nelas os partidos galegos e españois?

Lidia contestou a ditas propostas e fíxonos un esquemático acercamento pola organización do Parlamento europeo. Invitounos a reflexionar, por exemplo, dun modo moi claro sobre como moitas das leis que nos afectan proceden do Parlamento europeo pero as cuestións debatidas neste resultan moitas veces grandes descoñecidas para os cidadáns mentres se traballa en ditas leis. Neste senso, resolveu inquedanzas sobre cuestións variadas, todas elas proporcionáronlle hoxe ó noso alumnado unha oportunidade de escoitar a unha  das poucas mulleres en Europa que, entre outros méritos, tivo o de estar ó fronte entre 1989 e 2007 dunha organización agraria que loitou polo rural galego e actividades agrarias sostibles.

Foi un privilexio escoitala.

Distribuir contido