Actividades

DÍA MUNDIAL DA RADIO 2017

O pasado luns 13 de febreiro, celebramos o Día Mundial da Radio 2017, para o cal realizamos unha serie de actividades que remataron coa emisión dun programa especial de radio que foi enviado a Ponte Nas Ondas.

Neste fabuloso programa, puxéronse de manifesto as conclusións obtidas nas enquisas cubertas polas familias sobre os usos que fan nos seus fogares da radio, que programas escoitan, con que frecuencia, en que momento do día escoitan máis,… Tamén contaron cales son os motivos polos que a xente escoita a radio e as súas vantaxes (cómoda, amena, entretén, non saca tempo,…).

Outro aspecto foi investigar que programas deportivos escoitan nas casas, xa que o noso proxecto este ano, está relacionado cos deportes e os xogos. Elaboraron un listado dos programas deportivos máis escoitados.

Como broche final, remataron o programa lendo unha adaptación ao galego dun poema á radio deportiva, titulado “Los domingos al gol” escrito polo xornalista e locutor deportivo: Javier Ruiz Taboada.

Foi un fantástico programa! Agardamos que sexa do voso agrado.

   

CARTEÁMONOS COS ALUMNOS DE 5º DO CEIP FRIÁN-TEIS

Igual que os/as deportistas que van ás Olimpiadas coñecen a moita xente doutros países, nós, os de 5º, queremos achegarnos a rapaces e rapazas doutros colexios para coñecer como é a súa vida. E... aínda que nestas datas os carteiros teñen moito traballo, queremos mandarlles as nosas cartas, que fixemos nunha experiencia de traballo en grupos cooperativos na que utilizamos a estrutura "folio xiratorio".

SAMAÍN NO CEIP DE CEDEIRA

28/10/2016 10:00
Atlantic/Bermuda

O pasado 28 de outubro celebramos o Samaín no CEIP de Cedeira. Algúns nenos e nenas de infantil viñeron disfrazados de diversas personaxes de medo. Tamén os nenos e nenas de sexto, que fixeron o tradicional TRUCO OU TRATO, no cal foron polas clases do cole pedindo algún refrán relacionado coa época do ano. Aos nenos que  sabían algún fóronlle dando caramelos.

Tamén, coma vén sendo habitual no cole, e xa por 4º ano, os rapaces e rapazas de 5º e 6º elaboraron uns contos que leeron na biblioteca aos outros cursos do cole, nun recuncho decorado polo equipo da biblioteca con este fin. OS CONTOS Á LUS DO CANDIL foron un éxito e houbo algunhas creacións do máis orixinal e TERRORÍFICO!!!

Nestes dous vídeos poderedes comprobar que ben se pasou no Samaín de Cedeira.

                                                                     

FESTIVAL DE NADAL 2013

O festival de Nadal deste ano contou, como vén sendo costume, con actuacións de todos os cursos, mesmo houbo unha pequena representación en inglés, levada a cabo polos nenos e nenas de 1º curso. Non só cantamos panxoliñas, senon tamén cancións tradicionais en galego como "O pirimpimpín", "O Ghai, ghai", e outras que xa veredes no vídeo. Varios cursos empregaron a frauta para acompañar as cancións e mesmo dúas alumnas tocaron cadanseu instrumento. Resultou moi entretido... e despois... a tradicional chocolatada proporcionada pola ANPA. Grazas a todos e todas por unha mañá tan apañada.

I Certame de Contos de Nadal

Despois do éxito obtido polo II Certame de Contos á Luz do Candil, alá polo Samaín, animámonos a facer Contos polo Nadal. O alumnado do 3º Ciclo, seguindo uns criterios de redacción creativa, fixeron cadanseu relato e presentáronnolo ese día, léndoo para todos os do Ciclo. Hai que salientar o respecto que amosaron polos relatos dos compañeiros e esperamos que esta iniciativa se manteña para outras ocasións. Boas Festas!

A continuación tedes un enlace para ler e ver o bonitos que quedaron os contos.


Contos á luz das cabazas...

Un ano máis atrevémonos a contar contos e microrrelatos á luz das candeas e das arrepiantes cabazas.

Os alumnos e alumnas reuníronse arredor d@s contador@s para escoitar os relatos que fixeron, algúns deles verdadeiramente sanguinarios e cheos de mortos e zombis.

A biblioteca recibiunos engalanada para a ocasión, converténdose nun entorno misterioso e sinistro. Con todo pasámolos moi ben.Vémonos o ano que vén no mesmo sitio.

Visitounos X.H. Rivadulla "Corcón"

Hoxe visitounos X. H. Rivadulla Conde "Corcón" autor do libro Os Piratas da Illa da Esperanza, que o 3º Ciclo estivo a ler neste curso.

O alumnado fíxolle moitas preguntas, que el respostou amablemente ademais de engadir unha chea de información interesante sobre todo o que rodea a este libro, así como ao oficio de escritor.

Soubemos o porque dos personaxes, dos nomes, dos lugares, da historia, das ideas e das motivacións que o levaran escribir tan interesante libro.

Agradecemos a súa presencia connosco e que asinase os exemplares do seu libro.


O son da nosa fala con Celso Emilio Ferreiro

O día 12 do mes 12 do ano 2012, moitos colexios de Galicia uníronse para recitar e lembrar a Celso Emilio Ferreiro ao cumprirse o centenario do nacemento do poeta celanovés, unha das voces fundamentais da literatura galega da segunda metade do século XX.

No noso colexio tamén nos quixemos unir a este acto promovido pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL)

Con este pequeno acto desexamos renderlle pública homenaxe cunha acción de carácter colectivo que simbolice toda a forza e enerxía que transmite a súa palabra, símbolo permanente de valores de solidariedade e xustiza universais, pero tamén de compromiso cívico coa cultura e lingua de Galicia.

Mil primaveras máis!    

 

Ilustramos un poema de Fran Alonso

Ilustramos un poema de Fran Alonso chamado "Eu son o mar", relacionado coa exposición Vai de mar, que estes días nos acompañou no colexio.

Recitamos adiviñas e poesías.

Estivemos aprendendo adiviñas, cantos de contar e de corda, algúns de nós atrevémonos a recitalas e gravámolas.

A que son chulas? Sabedes as solucións?

Tamén traballamos na horta e fixemos actividades no contacontos.

A ver se vos gusta como nos quedou.

 

 

Powered by Drupal - Design by artinet