Historia

breve historia do centro

A Nosa Orixe

       O CPI “Conde de Fenosa” situase no número 4 da rúa Celso Emilio Ferreiro, do concello de Ares. Atópase nunha parcela na que se combinan instalacións educativas e deportivas, un pavillón polideportivo e unha pista polideportiva, ambos cubertos, e das que tamén fai uso o Centro.

       As instalacións actuais son o froito de sucesivas ampliacións que tiveron lugar a partir dun primeiro edificio inaugurado no ano 1973, e que supuxo nese momento a concentración das escolas unitarias existentes que estaban espalladas polas tres parroquias do concello. Así, as escolas de nenos e nenas (ata ese momento separados por sexos) de Redes, Seselle, Cervás e Ares, xuntáronse neste  novo edificio, que fora construído no marco dunha profunda renovación promovida polas autoridades educativas da época buscando a mellora da formación. Esta concentración foi acollida polas instancias políticas do concello con certas reticencias, non pola reforma en si, coa que estaban de acordo, se non, por “baleirar de contido” aqueles edificios nos que se viña impartindo a ensinanza e que foran construídos desde principios do século XX con tanto esforzo cos cartos enviados polos emigrantes en ultramar con ese fin exclusivo “na procura dun futuro mellor para os seus fillos”. Estas reticencias foron quizais a causa de que as primeiras instalacións naceran xa escasas de espazo, pois para preservar esa memoria histórica, ideouse que as escolas aresáns dos barrios de O Lago e O Porto, lugares onde se asentaban, continuaran acollendo parte da ensinanza, polo que a concentración non foi total.

       Na consecución daqueles primeiros espazos tivo unha importante participación D. Pedro Barrié de la Maza, Conde de Fenosa, que foi quen puxo os cartos para a compra dos terreos nos que se construíu ese edificio orixinal. En sinal de agradecemento o Centro tomou o seu nome.

      Unha reforma posterior do edificio no ano 1977 acabou por concentrar as aulas de O Porto, quedando as de O Lago para a educación infantil. 

     Finalmente, outra ampla reforma xeral da ensinanza, a finais da década dos noventa, veu de crear o actual C.P.I., no que se acollen as ensinanzas de infantil, primaria e secundaria, para o cal fixéronse as correspondentes ampliacións.

 

Distribuir contido