Skip to Content

Curso 2012-2013

ACE curso 2012-2013

Campaña de doazón de sangue

O Centro de Transfusión de Galicia organiza unha campaña de doazón de sangue que terá lugar o mércores 20 de febreiro (de 10:30h a 14:00h e de 16:30h a 21:00h) nos instituto de Burela. Unha unidade móbil estará instalada no aparcadoiro do Monte Castelo.

Uns técnicos do Centro de Transfusión virán informar ao alumnado maior de 18 anos polas clases o martes, día 19.

Acto de inauguración "Cinco anos de Banda Deseñada na Mariña"

Hoxe, estamos aquí reunidos para inaugurar unha exposición sen precedentes en Burela, o mesmo aquí na Mariña se mo permitides. 

No IES Perdouro traballouse durante estes últimos 5 anos a chamada sétima arte, a banda deseñada, facendo especial fincapé en aproximar unha cultura xa non tan vanguardista ao noso alumnado, outra forma de ler e de entender o mundo que nos rodea.
A nosa biblioteca empezou a dinamizar uns Encontros que comezaron no ano 2008 e que teñen dous obxectivos básicos: por un lado, a posta en coñecemento do apaixoante mundo do cómic e, por outro, dinamizar a vida da Biblioteca, xa que o cómic é un bo recurso para fomentar a lectura entre o máis novos. 
Creamos unha nova sección na biblioteca. Adquirimos obras maestras para os fondos da nosa Comiteca, que posibilitou a consulta e unha lectura de calidade, e o que espertou o interese no noso alumnado.

Xa levamos 5 anos celebrando durante 3 meses os Encontros de BD na Mariña organizando OBRADOIROS de guión, de iniciación á BD, de caracterización de personaxes de cómic, de bonecos… e, tamén, EXPOSICIÓNS. Por exemplo, citar que xa teñen pasado en anos anteriores por estes Encontros artistas da categoría de Miguelanxo Prado, Manel Cráneo, Carlos Portela, Kiko da Silva ou David Rubín, entre outros.

Durante estes tres meses, o Instituto transfórmase: as aulas, as paredes, as ventás… todo serve de soporte para os debuxos dos rapaces que decoran todo o centro coas súas personaxes preferidas.

Hoxe veremos nesta exposición unha mostra que recolle os traballos premiados destes últimos catro anos do Concurso de creación de Banda Deseñada asi como, unha recompilación de entre tantas actividades levadas a cabo nos Encontros de Banda Deseñada en torno ao mundo desta sétima arte.

A partir do 19 de febreiro e ata o 21 de marzo de 2013, estará aberta esta exposición "Cinco anos de BD na Mariña" ao público na Casa da Cultura de Burela de 9h00 a 13h30 e de 17h00 a 20h00.
Ademais quixemos chegar ao noso alumnado mediante a ferramentas da web 3.0, e dicir das redes sociais. Os encontros deron a luz en 2009 a un blogue que recompila estes 5 anos de actividades frenéticas. Os Encontros contan tamén cunha revista propia chamada “Banda Desexada” onde aparecen os cómics dos primeiros e segundos premios, entrevistas… Non esquezamos a nosa ativa participación nas redes Facebook, Tuenti, e Twitter para difundir todo canto se faga nos Encontros.
Para rematar, queremos agradecer a axuda que para estas actividades recibimos do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do Instituto, da Asociación Os Matos, do Proxecto de Innovación Lingüística do noso centro, do IES Monte Castelo co deseño dos carteis dos Encontros; e tamén agradecer o apoio incondicional do Concello de Burela que sempre respaldou os Encontros, a Diputación de Lugo, e felicitar a colaboración de todo o profesorado e alumnado que participaron.

Acto de inauguración da exposición "Cinco anos de Banda Deseñada na Mariña"

 

Entroido no IES Perdouro

Gozando da neve en Fuentes de Invierno, Asturias

A pesar das inclemencias climáticas destes días, aí están pasando moito frío e loitando contra a xistra e a nevarada. 
Un grupo de 16 alumnos/as de 1º de Bacharelato acompañados pola súa profesora de Educación Física, Mª José, e polo seu profesor de Inglés, Toni, saíron o martes 5 de febreiro despois das clases para a estación de esquí Fuentes de Invierno en Asturias co fin de practicar in situ deportes de inverno.
O están a pasar moi moi moi ben e tamén xenial. (segundo comentan polo Twitter)

Navega con Rumbo

O alumnado de 3º e 4º de ESO recibiron este mércores 6 de febreiro unha charla divulgativa dentro do Proxecto Abalar sobre como navegar con seguridade pola rede. Lucía Fidalgo do Colexio Profesional de Enxeñeiros Informáticos de Galicia foi a encargada de ensinarlles aos escolares a navegar por Internet dun xeito útil e responsable. O programa ten como obxectivo formar ao alumnado nas boas prácticas no uso de internet, previndo o ciberacoso e a dependencia das novas tecnoloxías, e promovendo un uso responsable das redes sociais.

Ademais o alumnado ten a súa disposición unhas Guías de Boas Prácticas que se poden descargar en formato electrónico da web www.navegaconrumbo.es, e que ofrecen xogos e ligazóns de interese sobre a temática do programa.

Máis información en Perdourando

"Camiño de Santiago" Samos - o Cebreiro

O luns 4 de febreiro o alumnado de 3º e 4º ESO acudiron ao Cebreiro para realizar un tramo do Camiño de Santiago co seu profesor de Relixión, Antón Niñe e ca súa profesora de lingua galega, Miruca Parga. Fixeron unha parada no camiño e Antón fixo de guía no Mosteiro de Samos que reune tres estilos arquitectónicos, o gótico, o renacentista e o barroco. O grupo acabou deambulando polo seu claustro, considerado un dos máis grande de España. Mentres, Miruca aproveitou para falar de Ramón Cabanillas quen pasou longas tempadas no mosteiro de Samos. Entre 1948 e 1951 escribiu un poemario que vería a luz uns anos despois, a finais da década dos cincuenta, Samos. Explicou a súa profesora o compromiso de Cabanillas coas Irmandades de Fala.

Ver a reportaxe fotográfica no blog do ENDL Perdourando.

Arcadio Mon fálanos de música e letras

Entre as actividades do Instituto “Perdouro” para celebrar a festividade de San Xoán Bosco, a Asociación Cultural “Os Matos” convidou ao Director da Escola Municipal de Música de Foz, Arcadio Mon García, a ter un encontro con alumnos de 4º de E.S.O. para falar da súa experiencia profesional dentro do mundo da música.

A experiencia resultou moi amena. Ao principio, Arcadio Mon faloulles aos rapaces da súa etapa formativa no mundo da música, continuando polo seu paso por distintas orquestras e grupos musicais dos que formou parte. Logo narrou a súa experiencia como Director de Banda de Música e como Director da Escola de Música Municipal de Foz, e rematou a súa exposición falando dos seus traballos editados.

No medio do seu relato, os asistentes puideron escoitar varias cancións do seu último CD “Sen seu amor”, concretamente as referidas ao poeta chairego, Manuel María.

Ao remate do encontro, varios alumnos entusiastas da música, aproveitaron a ocasión para charlar co convidado de forma distendida, cousa que Arcadio agradeceu e os rapaces quedaron moi satisfeitos coas súas palabras.

O acto foi moderado polo Presidente da A. C. “Os Matos”, Antón Niñe, e contou coa colaboración do Equipo Directivo do I.E.S. “Perdouro”.

 

Celebramos o día escolar da Paz e da non violencia

30 de xaneiro - Día da Paz 2013 - Concerto no recreo

Un ano máis, dende o IES PERDOURO, recordamos o día no que Gandhi foi asesinado a través de numerosas actividades nas que colaboraron diversos departamentos, entre os que cabería destacar o de Música, Inglés e Tecnoloxía. Nesta ocasión destacamos o Concerto pola Paz que tivo lugar no recreo o 30 de xaneiro.

Un grupo de alumnos e alumnas de 4º ESO e 3º ESO trataron de facer honra á frase de Chavela Vargas: “Hay que llenar el planeta de violines y guitarras en lugar de tanta metralla”.

Os nosos alumnos deleitáronnos cun repertorio variado no que destaca o tema IMAGINE, de Jonh Lennon.

O Día Escolar da Non-violencia e da Paz foi declarado por primeira vez en 1964. Xurde dunha iniciativa pioneira, non gobernamental, independente, e voluntaria de Educación Non-violenta e Pacificadora do profesor Llorenç Vidal. O obxectivo é a educación en e para a tolerancia, a solidariedade, a concordia, o respecto aos Dereitos Humanos, a non-violencia e a paz. Neste día, os colexios e centros convírtense en instrumentos de paz e entendimento entre persoas de distinta formación, raza, cultura e relixión.

O día 30 de xaneiro conmemórase ademais a morte do líder nacional e espiritual da India, o Mahatma Gandhi, o 30 de xaneiro de 1948, asesinado a tiros por un fanático hinduista.

San Xoán Bosco 2013 - Noraboa Campións!

Ao longo do mes de xaneiro a Asociación Cultural “Os Matos”, do I.E.S. Perdouro de Burela, organizou os campionatos deportivos en honor a San Xoán Bosco. As distintas competicións celebráronse nas instalacións do propio centro e no pavillon polideportivo dos institutos. Despois dunhas competidas eliminatorias e das disputadas finais, os gañadores foron os seguintes alumnos/as:

Individual:

  • Xadrez: Ángel (2º ESO A) e Damas : Cristofer (2º ESO B)

Parellas:

  • Construción de puzzles: Ángel e Diego (2º ESO B)

Equipos:

  • Baloncesto Mixto : 2 º ESO B : Noelia, Silvera, Iago, Andrés, Enrique, Álex, Cristofer.
  • Fútbol Sala masculino: 1º ESO A: Álex, Alberto, Andrés, Cristian, Hugo, Luismi, Miguel, José Eduardo.
  • Fútbol Sala femenino: 2º ESO B: Tamara, Andrea, Silvera, Noelia, Katia, Carolina, Vanessa.

Ao remate da competición o Director do I.E.S. Perdouro, Santiago Pérez Docobo, entregou as medallas aos gañadores.
Esta actividade enmárcase dentro das actuacións que a Asociación Cultural “Os Matos” programou para o presente curso.
Desta competición responsabilizouse o Seminario de Educación Física e o de Relixión, contando coa colaboración do Equipo Directivo do Instituto.

Seguir lendo no blog de ENDL, Perdourando e ver a reportaxe fotográfica.

Séchu Sende, escritor "Modelo Burela" por un día

O autor de Made in Galiza participa nun encontro co alumnado do Instituto Perdouro

O mesmo que xa fixeron no seu día Xosé Neira Vilas, Mini e Mero, Ramón Blanco ou o sociolingüista bengalí Anik Nandi, o escritor Séchu Sende foi protagonista dun encontro cultural “Modelo Burela”. O evento celebrouse entre as 11:00 e as 14:00 horas deste venres, día 25 de xaneiro, na biblioteca do Instituto Perdouro e nel participou alumnado de ESO e Bacharelato.

O autor de Orixe e Made in Galiza chegou a Burela á primeira hora da mañá e foi recibido no IES Perdouro polas coordinadoras da área de Innovación Educativa, Maria José Andión Fontela, e do Equipo de Normalización, Miruca Parga. Posteriormente, reuniuse coa Vice-directora do centro, Karina Parga, e coñeceu os alumnos e alumnas participantes no programa radiofónico Proxecto Neo, dedicado á integración das persoas chegadas doutras latitudes.

Séchu Sende comezou facendo un repaso breve a súa traxectoria literaria e nada máis empezar soubo cativar o alumnado coas súas propias vivencias coa lingua galega. Contou anécdotas que lle sirviron para escribir Made en Galiza e conseguiu en máis dunha ocasión as risas do alumnado, que permaneceu fascinado ao longo da intervención do autor. Este continuou falando da súa viaxe ao Curdistán e terminou afirmando que no caso da lingua do país - sexa cal sexa este - é tan importante falala como saber escoitala. Antes de rematar o coloquio, unha lectura multilingüe feita por alumnos dos catro continentes dun fragmento de Made in Galiza converteuse na pinga intercultural do evento. O rematar o encontro o alumnado aproveitou a ocasión para pedirlle a Séchu asinar os seus exemplares.
Karina Parga sinala que esta actividade de animación á lectura dirixido ao alumnado de ESO e Bacharelato foi unha experiencia maravillosa, e engade que Séchu Sende enfeitizou os corazóns de todos nós.

Séchu Sende (Padrón, 1972), profesor no IES de Vila de Cruces, realizou os estudos de Bacharelato no Instituto Vilar Ponte de Viveiro, onde adquiriu o Galego como segunda lingua e recibiu a base para chegar a ser neofalante. Na cidade do Landro iniciou a súa carreira literaria ao conseguir gañar na mesma convocatoria os primeiros premios nas modalidades de poesía e narrativa do prestixioso certame literario Minerva, nun xurado presidido polo escritor Suso de Toro. Posteriormente, conseguiu alzarse co Blanco Amor de novela longa pola obra Orixe e o Ánxel Casal ao mellor libro do ano 2007 por Made in Galiza.

Apretada axenda na Mariña

Aproveitando a viaxe á Mariña, o día 26 (sábado) ás 8 da tarde o escritor presentará en Viveiro a súa última publicación: un libro de viaxe ao Curdistán. O acto celebrarase no Conservatorio de Música de Viveiro e nel o escritor contará coa presentación de Plácido Travieso e Bernardo Penabade. Os beneficios desta publicación están destinados a financiar un intercambio educativo entre unha escola infantil de Santiago de Compostela e outra do Curdistán, onde a literatura de Sende foi moi ben acollida nas traducións aos idiomas curdo e turco.

Inauguración dos V Encontros de Banda Deseñada na Mariña

Inaugurouse o 16 de xaneiro, na Biblioteca do I.E.S. Perdouro, os V Encontros de Banda Deseñada da Mariña.

Nesta primeira xornada dos V Encontros, o Centro encheuse, unha vez máis, cos personaxes da banda deseñada que daban a benvida a todo o alumnado. Xa na Biblioteca, presentáronse estes encontros aos nosos alumnos e alumnas máis novos: os de 1º e 2º da ESO. A través dun percorrido polas actividades feitas ao longo destes últimos catro anos, fóronse presentando os distintos proxectos que se levarán a cabo este ano: proxeccións de cine de animación (xa comezamos hoxe mércores pola tarde con Tintín…), obradoiros de banda deseñada “tradicional” e banda deseñada sonora e moitas máis sorpresas que haberá ao longo dos seguintes meses.

Igualmente presentouse o número catro da nosa revista “Banda Desexada”, que recolle todo o feito nos encontros do ano pasado así como os traballos premiados na anterior edición.

E xa para rematar, todas aquelas persoas que elaboraran unha careta de personaxe de cómic para tal día coma hoxe foron agasalladas cun chocolate quentiño e un anaco de lambona. Seguir lendo e ver a reportaxe fotográfica en Perdourando....

Bases do Concurso de creación  de banda deseñada

Toda a información sobre as bases do Concurso de BD do IES Perdouro no blog Banda Desexada. O prazo de presentación remata o 14 de marzo.

 

 

"Doce meses, doce paisaxes" - proxecto interdisciplinar

Proxecto interdisciplinar "Doce meses, doce paisaxes" - o feísmo de Burela por Toncho Trelles

Este martes 18 de decembro empezamos o ciclo de charlas-coloquio sobre diferentes aspectos paisaxísticos coa intervención de Toncho Trelles, mediador de xestión cultural, que compartiu a súa particular visión sobre o feísmo na vila -apoiándose en imaxes ben ilustrativas de estilos de edificios, murais e fachadas- e que mostrou as posibilidades de rexeneración á vista de  proxectos artísticos doutros lugares. ....seguir lendo no blog do proxecto

2ª sesión do Obradoiro de Creación de espectáculos por Ton Arenas

O alumnado de 3º de ESO recibiu a visita de Ton por segunda vez para ensinarlles o funcionamento do teatriño por dentro...seguir lendo en Perdourando

O teatro na Mariña por Francisco Piñeiro

A Asociación Cultural “Os Matos” organizou este luns 17 de decembro ás 10h10 na biblioteca do centro unha conferencia sobre o teatro na Mariña dirixida ao alumnado de bacharelato....seguir lendo no blog de Perdourando.


Distribuir contido


by Dr. Radut