Skip to Content

Curso 2020-2021

Física Re-Creativa: Interferencia

O pasado venres 23 de abril, os alumnos de 4º ESO, 1º BACH e do ciclo de Electrónica asistimos a unha charla sobre a forma en que o noso ollo capta a luz branca cando interfire un corpo.
José Benito Vázquez Dorrío, profesor da área de Física aplicada na Universidade de Vigo, comezou dicíndonos o que iamos facer: unha serie de experimentos relacionados co mundo das ondas que o alumnado de 1º na universidade realiza en materias como Física.
Primeiro, fixo unha breve introdución sobre as ondas, propagacións no espazo da enerxía, ... seguir lendo no blogue de Perdourando a crónica de Kai Quelle de 1ºBACH A

 

Remata o V torneo de xadrez no IES Perdouro

Remata o noso V torneo de xadrez organizado polo xefe de dpto. de Educación Física, Jose Morado, para os recreos alternativos. 

  • Campión Categoría Bacharelato: Sergio Alonso Mon
    • Subcampiona Categoría Bacharelato: Paula Enríquez Canoura
  • Campión Categoría 3º-4º ESO: Álvaro Fernández Prado
    • Subcampión Categoría 3º-4º ESO: Raúl Cayón Fernández
  • Campión Categoría 1º-2º ESO : David Baltar Pernas
    • Subcampión Categoría 1º-2º ESO: Jesús Solano Garnica 

 Accede ao albúm de fotos da entrega de premios e diplomas aquí.













Día da Educación Física na rúa

Aquí tendes o audiovisual feito conxuntamente entre aos centros educativos pertencentes ao Seminario de Educación Física da Mariña co gallo de celebrar o Día da  Educación Física na rúa, o 28 de abril.

 

Charla Bocados da Domus

O martes 13 de abril o alumnado de 4º da ESO do IES Perdouro tivemos unha charla virtual co museo Domus na cal nos falaron de distintas cuestións sobre a nutrición, a enerxía ou a contaminación.

A visita virtual trataba de relacionar a nutrición cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da ONU, que compromete aos estados membros a actuar en favor de cambios globais e integrados que permitan poñer fin á fame e á malnutrición antes do 2030. Os ODS son 17 obxectivos que directa ou indirectamente están relacionados coa nutrición.

A exposición abordou temas ... seguir lendo a crónica de Mateo Balseiro Santos, 4º ESO-B no blogue Perdourando.
 

Conferencia Mulleres, enxeñaría e informática

O pasado mércores día 21 de abril os alumnos e alumnas de 4º da ESO tivemos unha videoconferencia sobre mulleres, enxeñaría e informática que foi impartida por Beatriz Pérez Sánchez, unha profesora da Universidade da Coruña.

A charla poderíase resumir en tres grandes puntos:

  • comentar a baixa presenza das mulleres nesta profesión.
  • os factores de influencia que fan que isto ocorra.
  • as porcentaxes de mulleres nesta clase de profesións.

A conferenciante comezou falándonos dos estereotipos sexistas, primeiro en ... seguir lendo a crónica de Saray Barro Rodríguez, 4º ESO-B no blogue de Perdourando.

Conferencia sobre impresión 3D para a elaboración de produtos de apoio

O venres 16 de abril un grupo de 4º da ESO de Tecnoloxía e o alumnado do Ciclo Medio de Electrónica do IES Perdouro tivemos unha charla sobre o uso que se lle pode dar á impresión en 3D con respecto á fabricación de obxectos para persoas con deficiencias físicas.
 
Thais Pousada García, enfermeira e membro do grupo TALIONIS foi a encargada de impartir estas charlas de divulgación científica que forman parte da campaña de difusión dos traballos de investigación levados a cabo polo grupo TALIONIS da Universidade da Coruña.

Nesta charla explicáronnos que moitos destes obxectos no mercado poden custar moitísimo diñeiro; pero, ao poder deseñalos nós no ordenador e logo imprimilos en 3D, é moito máis fácil e barato. E ademais poderiamos doar estes obxectos ás persoas que necesitan esta axuda.

Daniel Pernas Martínez, 4º ESO-B

Ler o artigo publicado na web de Talionis: aquí

Charla A física no cine de catástrofes

O mércores 14 de abril Manuel F. Herrador, profesor especializado en Enxeñaría de Camiños, veu ao noso instituto para falarnos da física no cine de catástrofes.
Para empezar, explicounos como el axudaba ao desenvolvemento de diferentes lugares sendo enxeñeiro e logo centrouse nos trens como elementos que tamén contribúen a ese desenvolvemento.

Visita virtual ao castro de San Cibrao de Las

“FACEMOS AS MALETAS” PARA VISITAR VIRTUALMENTE O CASTRO DE SAN CIBRAO DE LAS.

O día 13 de abril visitáronos dous técnicos do castro de San Cibrao de Las, Jota e Jorge,  e con eles fixemos o alumnado de 1º e 2º de ESO unha viaxe virtual.

San Cibrao de Las é un dos castros máis grandes de Galicia, de feito tamén se coñece como “ a cidade”, do cal só está escavado unha pequena parte.  Atópase na provincia de Ourense, entre os concellos de Punxín e San Amaro, no cume dunha montaña e próximo ao río Miño. Estivo ocupado arredor duns 400 anos, entre os séculos II a.c e II d.c. e nel  chegaron a vivir unhas 3.000 persoas.

Charla sobre machismo na publicidade no marco do Plan Proxecta 365 días de respecto e igualdade

Na charla sobre o machismo na publicidade e destinada ao alumnado de 2º de ESO faláronnos sobre diferentes temas. Un dos principais foi, sobre todo, os anuncios sexistas que existen, os cales poñen á muller nun lugar moi feo e desagradable, por dicilo dalgunha maneira. Algúns eran, por exemplo, un anuncio dunha colonia onde o home sae rodeado de mulleres cun escote enorme (que non hai nada de malo nisto, é dicir, en usar prendas onde mostres o teu corpo, pois ao final podes facer o que queiras co teu corpo que para iso é teu, sexas muller ou home, pero no anuncio estábano poñendo de tal forma que se usas esa colonia vas estar rodeado de mulleres); este anuncio podémolo considerar indebido e inxusto. ... seguir lendo a crónica de Henar Cobas Linares, 2º ESO C no blogue de Perdourando.

Charla sobre violencia de xénero no marco do Plan Proxecta 365 días de respecto e igualdade

O martes 6 de abril o alumnado de 4º ESO recibimos unha charla impartida por Matxalen Abasolo, psicóloga especializada no acoso a través das novas tecnoloxías.
A charla promovida por Pantallas Amigas constou de dúas sesións nas que falamos de varios tipos de violencia e da influencia que teñen as redes sociais, ao igual que o resto das novas tecnoloxías.
Para comezar preguntounos ... seguir lendo a crónica de Nuria Ramos Cuba - 4º ESO B no blogue de Perdourando.

Obradoiro de educación emocional

O martes 23 de marzo, os alumnos e alumnas de 2º e 4º da ESO tivemos unha charla sobre as emocións impartida por Antía Colorado.
Os nosos “defectos” e as nosas virtudes, as etiquetas que se nos impoñen e as opinións alleas son os principais factores que inflúen nas emocións e pensamentos da mocidade. Estes tres temas foron os que tratamos na charla con Antía, a cal tamén nos falou do fracaso escolar e do crecemento como persoas, dende a experiencia propia.

Disección dun ollo e dun corazón

A actividade consistiu nunha disección dun ollo de vaca e dun corazón de cocho explicada desde a Domus da Coruña.

Ao principio, a guía estívonos contando certas curiosidades do corazón, como que o corazón máis grande é o da balea e o máis pequeno é o dun rato ou dunha musaraña.

A continuación, explicounos un pouco sobre a súa estrutura e o se funcionamento. Enináronnos  cunhas maqueta as distintas partes que ten e as distintas funcións que cada unha desas  partes realiza.

Durante a explicación dixéronnos que o corazón consta de dúas circulacións, unha menor que vai dende o corazón aos pulmóns e a maior que vai do corazón a todo o corpo. Explicáronnos como é a circulación sanguínea e por que estruturas pasa no corazón e cales son os vasos sanguíneos principais.

Despois, comezamos coa disección do corazón ... seguir lendo a crónica de Hugo Cobas Linares - 1ºBach A no blogue de Perdourando.

Xornada Arduino no IES Perdouro

 

 
O alumnado de 1º de CM de Instalacións en Telecomunicacións coa axuda da súa profesora Marga López, ten preparado unha feira de mostra con varias actividades programadas en código aberto para o venres 26 de marzo co motivo da celebración do Arduino Day. 

Os pases para asitir a esta mostra están organizados para o alumnado de 3º e 4º de ESO.

No resto do mundo o Arduino Day 2021 celebrarase o sábado 27 de marzo (de maneira virtual debido á COVID-19) con diferentes talleres, reunións, conferencias, paneis, feiras y máis. Este evento ten unha relevancia especial este ano xa que, de acordo con palabras da organización, a interconexión das persoas derrubou as barreiras do distanciamento social e o illamento.

O Arduino Day 2021 titúlase ‘Achegamento: o aberto fainos máis próximos ‘ (Undistancing: Open Makes Us Close, en inglés), unha frase que encarna o poder da comunidade de código aberto para acortar calquera distancia física a través de novas oportunidades para colaborar, innovar e achegarse (virtualmente).

Clausura dos 21 días co galego e +

Esta mañá celebrouse a sesión de clausura dos 21 días co galego e +. Reunímonos na aula de música do centro co alumnado de 3 ESO C e PMAR, o equipo directivo, profesorado e persoal non docente. Abríu o acto Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, que felicitou aos dez centros pola participación nesta 3ª edición do programa dos 21días co galego e máis. A continuación, tomou a palabra Pilar Ponte Patiño, coordinadora docente do programa, que felicitou especialmente os equipos de dinamización da lingua galega e as persoas coordinadoras que, desde o comezo do curso, asumiron  os 21 Días co galego e + como un proxecto propio e puxeron nel ilusións e moitas horas de traballo.

Dos tres centros convidados para participar na clausura, falaron:

Natalia Irimia, profesora do IES Perdouro de Burela (Lugo), e Raquel Lopes Ramos de 1º de Bacharelato Guiomar Vázquez, profesora do IES Taboada Chivite de Verín (Ourense), acompañada de alumnado D. Manuel Barreiro, CPR A Inmaculada de Lugo, acompañado de alumnado.
 
Accede a reportaxe fotográfica AQUÍ.

Acto festivo dos 21 días co galego e máis

Como actividade de peche desta edición do programa "21 días co galego e máis", o alumnado de 3º ESO xuntámonos nas pistas de deporte. 


Iniciamos o acto escoitando "Vento nas velas" que é a sintonía da edición deste ano, composta e cantada por Naomi Rey do IES Ramón Cabanillas de Cambados. Ademais de broche final, intentamos que este acto fose tamén unha unión por e para o galego e coa nosa cultura.

De seguido, escoitamos a dous dos nosos compañeiros interpretando no violín unha versión acústica de "Camariñas" para, a continuación, desfrutar da "Cantiga de Santa María" na voz doutro grupo de alumnas e alumnos de 3º. Como non hai dous sen tres, rematamos esta serie con outra interpretación do grupo de corda, a da cantiga popular "A saia da Carolina".
Seguidamente, un grupo de alumnos e profesores empezaron a inchar o fol das gaitas, colocaron o tamboril e o bombo mentres se escoitaban as ferreñas das pandeiretas para xuntos interpretar o pasodobre de Mallou e as rumbas da Buxaina e de Cuba. A actuación foi estupenda e, aínda que empezaron a caer unhas pingas de auga, non nos impediron bailar a todos xuntos ao son da muiñeira "Loliña".
Foi un remate fabuloso: como bos galegos, debaixo do barruzo, coa nosa música e cultura, para promocionar o uso da lingua e animar a xente que non é galega a coñecer o noso idioma, querelo e, por suposto, non ter medo a falalo, como ben dixo Natalia, coordinadora do Equipo de Dinamización da Lingua Galega. 

 
Accede ao álbum de fotos AQUÍ.

Carmen Fraga Posada - 3º ESO A
Distribuir contido


by Dr. Radut