Curso 2009/10

Segundas Olimpiadas Galegas de Economía

A alumna Emma Fernández Fernández, de 2º de Bacharelato, acadou o terceiro posto nas "Segundas Olimpiadas Galegas de Economía", celebradas na Facultade de Ciencias Económicas da Unioversidade de Vigo, o pasado 25 de Xuño.

Emma Fernández Fernández será unha das 3 persoas que viaxará a Tenerife, representando a Galicia na olim,piadad nacional.

Hai que salientar o papel realizado polos alumnos do IES Río Cabe, xa que dúas das participantes,Lucía Losada Díaz e Rocío Casar Cermeño, remataron no cuarto e dezaoito posto, respectivamente. 

Podedes ver os resultados da Olimpiada Galega no seguinte enlace: 

Clasificacións 2ª Olimpiada Galega de Economía

 


Viaxe fin de curso 4º ESO e 1º de BAC a Londres

Dende o día 25 de xuño ata o regreso da excursión dos alumnos de 4º da ESO e 1º de BAC do centro, iremos informando das acitividades que vaian realizando ao longo da xornada:

  • 25 de Xuño: Tras unha longa e cansada viaxe sen incidencias, os rapaces cos seus profesores acompañantes chegaron á cidade de Londres sobre as 10 horas da mañán. Logo de descansar un tempo realizaron as visitas ao Museo Británico e ao Covent Garden.
  • 26 de Xuño: Realizaron unha visita a Oxford, para posteriormente, ir a Stratford. Finalmente efectuaron  un paseo nocturno por Picadilly e Trafalgar Square.
  • 27 de Xuño: Neste día os alumnos, acompañados polos seus profesores, realizaron un percorrido panorámico de 3 horas pola cidade de Londres, e fixeron sendas visitas ao London Eye e á Torre de Londres. Finalmente diron un paseo polo río Támesis.

Picando na foto, podes acceder a unha selección de fotos da excursión.

 

 


 

Revista "Nós mesmos" 2009/10

Con motivo da impresión e difusión da revista cultural "Nós mesmos" publicada polo departamento de Normalización Lingüística e o centro, coa colaboración do equipo directivo e do alumnado, temos colgado na rede o nº 15 para que o podades descargar en formato pdf:
 
 
 
 
Debuxo de Martín Fernández Fernández - 1º BAC


Fin de curso 2º BAC 2010

Con motivo da celebración do acto académico de fin de curso 2010 para os alumnos de 2º de bacharelato do centro, realizouse unha entrega de diplomas académicos ao alumnado dese curso, polos seus titores. Ao rematar o acto de entrega a alumna Mar López Rodríguez interpretou unha peza clásica no piano.

NO acto, o profesor de matemáticas, Jorge, realizou unha intervención, así como a alumna Emma. Podes descargar o seu discurso en formato pdf no seguinte enlace: DISCURSO.

Posteriormente, alumnos e alumnas, pais e profesores foron convidados a uns viños na cafetería do centro, para, finalmente, facer unha cea de despedida.

 

 


As nosas aldeas

Os alumnos de 3º da ESO do centro ensínannos as súas aldeas.

Os seus traballos foron expostos en clase. Coñecemos diferentes aspectos da zona rural de Monforte como paisaxes, costumes, traballos, festas, ...

Foi unha actividade na que combinaron a expresión escrita (presentación, redacción, fotografía, ...) e a expresión oral, na que participou toda a clase.

Recollemos os traballos feitos porque pensamos que sería unha experiencia que debebíamos compartir con toda a comunidade escolar.

Os traballos realizados están nun único arquivo en formato PDF, que podes descargar dende o seguinte enlace: Descarga.


Obradoiro de Regueifas

Os alumnos de 2º  da ESO e de 3º da ESO asistiron a un obradoiro de regueifas no noso centro. Foi unha actividade que os entusiasmou. De feito, ao finalizar o acto, pedían que se fixesen máis actividades deste tipo.

Os rapaces aprenderon a facer rimas, a contar versos partindo un ritmo... Cantaron e escribiron as súas propias coplas. Cremos que foi unha actividade lúdica e instrutiva á vez, da que saíron altamente contentos.

Picando na foto podes acceder a unha selección fotográfica do acto.


Día das Letras Galegas 2010

En colaboración coa concellaría de Xuventude, o IES "Río Cabe" participo una lectura de varios poemas co gallo do Día das Letras Galegas.

Despois de varias reunións no Concello coa responsable da concellaría de Xuventude, decidiuse que o día 15 de maio, sábado, fose unha xornada de lectura ininterrompida de poesía nunha praza da nosa cidade.

Ás 12 da mañá foi a inauguración, á que asistiron diversas personalidades. Houbo varias actuacións musicais e interviron varios persoeiros vinculados con Monforte.

A continuación acturaron os nosos alumnos. O noso centro foi o que máis participou con gran diferenza respecto dos outros centros. Hai que sinalar tamén que o alumnado, de diferentes cursos, dende 1º ciclo ata 2º de BAC, leron non só poemas buscados polos profesores, senón que tamén leron outros escritos por eles mesmos.

Agradecemos a participación de todos eles, e tamén a valentía de facelo cun altofalante diante e ante moitas persoas.

Picando na foto podes acceder a unha selección fotográfica do acto.


Xesús Manuel Marcos

CONFERENCIA DE XESÚS MANUEL MARCOS

O día 14 de maio recibimos a visita do escritor courelao Xesús Manuel Marcos. Xa estivera hai tres anos no noso centro para falarnos da súa novela O brindo de ouro. Esta vez veunos falar do tamén poeta courelao Novoneyra.. Agradecemos a súa boa disposición para visitarnos e dámoslle as grazas tamén ao seu irmán Xurxo, profesor de relixión.

Velaquí a entrevista que o ENL preparou.

-Onde naciches?

-En Seoane do Caurel (Lugo)

-Que recordos tes da etapa infantil?

-Teño recordos felices. Eramos moitos cativos na escola unitaria, todos xuntos, desde os seis aos catorce anos. Tiven unha infancia modesta pero feliz.

-Que querías ser de maior?

-Iso, de cativo, non me preocupaba demasiado.

-Que estudos realizaches?

-Cheguei ata os estudos de Dereito en Santiago de Compostela, aínda que non os rematei.

-Cóntanos algún recordo da túa etapa no noso centro.

-Todos os recordos no Río Cabe son bos, tanto dos compañeiros de COU como dos profesores que me deron clases. Só teño un malo: o balonazo que levei un día vendo xogar un partido de fútbol.

-Cres que hai moitas diferenzas entre o COU que ti fixeches connosco e o 2º de bacharelato que temos agora?

-Non teño moita información do programa de 2º de bacharelato que se estuda hogano. Mais non creo que haxa grandes diferenzas.

-A que te dedicas ademais de escribir?

-Son funcionario da Administración de Xustiza.

-Por que escribes?

-Por moitas razón, aínda que, fundamentalmente, porque me gusta.

-Calos foron os teus primeiros contactos coa literatura?

-A través da lectura. As primeiras lecturas, no meu caso feitas na primeira adolescencia, foron fundamentais para pensar en querer facer algo parecido.

-Cando comezou a túa paixón por escribir?

-Tamén na adolescencia. Era un lector voraz, e dun lector voraz, adoita saír algunhas veces un proxecto de escritor.

-Foi difícil publicar o teu primeiro libro?

-Non. Publiqueino grazas a gañar o Premio Carvalho Calero de Narrativa. No meu caso, os premios literarios abríronme camiño para publicar, tanto en obras colectivas como, posteriormente, individuais.

-Como e canto influíu e inflúe o Courel na túa obra?

-No Courel estiven ata os 14 anos, anos fundamentais na vida. Polo tanto, e dado que o escribir ten moito que ver co traballo sobre a memoria, este lugar ten gran influencia, comezando pola lingua que emprego na miña obra (fun galegofalante sempre nunha familia galegofalante) como pola miña relación coa natureza. Esta influencia reflíctese nos meus primeiros relatos, situados predominantemente no rural. Posteriormente, fun agregando outras paisaxes urbanas á miña experiencia, e polo tanto o Courel xa non ten tanto peso coma o tiña nos meus comezos como autor.

-Cal dos teus libros che causou maior satisfacción persoal?

-Iso é como preguntar que fillo che gusta máis. De todos me sinto satisfeito.

-Escribir é unha profesión ou unha afección?

-Unha afección que ogallá  chegue a ser unha profesión, cuestión bastante complicada na escrita en lingua galega.

-Tes algún método para escribir?

-Non. Depende de cada libro. No Brindo de Ouro emprego un esquema xeral predeterminado para que, ao ser unha historia longa, non perda o rumbo da narración. Noutros libros, comezo a escribir sen saber como vai rematar a historia.

-Escribir é unha forma de coñecemento?

-Por suposto. Unha das mellores formas de mergullarnos na natureza humana, e non só un puro disfrute estético.

-Cal foi a túa experiencia máis afortunada coa literatura? E a máis desafortunada?

-Son feliz cada vez que me chega á casa unha nova edición dun libro. Desafortunadas hai moitas, moitas frustracións que só se superan con fe no que fas e nos teus desexos. Ás veces, se ves que unha tradución non acaba de callar, ou que un libro se retrasa por causas alleas, ou que o libro que estás a escribir non avanza e pasas días e días sen saír do furado, pode levar ao desánimo. Pero se non tes confianza en ti mesmo, non irás moi lonxe na escrita.

-Como influíu na túa vida a literatura?

-De maneira fundamental. As lecturas moldean o teu pensamento, son experiencias que incorporas e que amplían a túa maneira de ver o mundo. E a escrita, como tal, levoume a ordenar a miña vida ao redor do feito de escribir, buscando, por exemplo, un traballo que me deixe tempo libre.

-Que libros te marcaron na túa etapa xuvenil? E de adulto?

-Sería imposible enumeralos. Pero, de mozo, Cunqueiro, Stevenson, Fole, London ou Tolkien tiñeron bastante que ver coa miña fascinación pola literatura. De adulto, a descuberta de clásicos com Faulkner, Beckett, Kafka ou os grandes autores rusos, consolidaron a miña relación coa literatura.

-Como te definirías como escritor?

-Non son amigo de autopoéticas nin definicións nin encuadres en estilos e demais. Iso debe ser cousa de críticos. Si podo dicir que son un autor ao que lle gusta coidar e traballar o estilo e a lingua e que disfruta investigando nas técnicas narrativas, sempre supeditadas a contar unha historia o mellor posible.

-Que lle dirías aos rapaces que están pensando en escribir?

-Que vivan, que lean e que escriban. De aí sacarán o material e a forma para atopar a súa voz. E só a atoparán escribindo moito.

-Por que escribes en galego?

¿Por que a un autor galego lle preguntan por isto? Xamais vin que a un escritor madrileño, británico, francés ou chinés lle pregunten por que escribe no seu idioma.

-Como ves o panorama das letras en Galicia?

-Variado. Calquera lector pode atopar o seu libro. Desde a literatura mal chamada fantástica, ata literatura histórica, negra, etc. Só hai que descubrila e darlle unha oportunidade.

-O brindo de ouro é un libro que len os nosos alumnos. Por que escribes literatura fantástica?

-Como un reto para a imaxinación.

-Cal é o universo fantástico desta obra?

-As chamadas Terras Outas e os seus lindes. O lugar onde vive o pobo arxina e os pobos viciños.

-En que te inspiraches para crear a personaxes como Selmo, Toimil ou Oulego?

-Na mitoloxía e nas lendas tradicionais, fundamentalmente orais.

-Que nos podes adiantar de O brindo de ouro II? (Esperamos que a poidan ler o próximo curso)

-Segundo todas as críticas e as opinións dos lectores, é un libro que supera á primeira parte, e que refuta o dito ese de que as segundas partes non son boas. Sinceramente, penso que tentei que fose mellor, profundando tanto nas historias como nos personaxes e as súas relacións. Limei algunhas dificultades de tipo lingüístico para que a lectura fose máis amena, e hai máis acción e diálogo e menos descrición. O reto é intentar escribir sempre un libro mellor que o anterior, e a opinión xeral é que o conseguín.

-Cres que é unha obra para rapaces ou tamén para adultos?

-Coido que é unha obra para todo tipo de lectores.

-Coméntanos algo do teu libro O esconxurador.

-É unha novela protagonizada por un pai menciñeiro e unha filla con certos poderes, que van solucionando problemas alí onde os chaman. É unha novela de misterio e aventuras.

-Algún dos teus libros está  baseado nun feito real? Teñen algo de autobiográfico?

-Todos os libros, por "fantásticos" que parezan, teñen algo de autobiográfico. O que escribes non pode ceibarse da peneria da memoria. Neles hai cousas que escoitaches, que viviches, que liches, etc, sempre moldeadas pola túa imaxinación.

-Que significado ten para ti a obra de Novoneyra?

-Para alguén do Courel, a lectura dos poemas de Novoneyra resulta especial, pois as sensacións que el transmite son sensacións tamén vividas por min en non poucas ocasións. Por iso son poemas que, para un courelao, din quizais un chisco máis que para alguén que non sexa de alí.

-Que significa Novoneyra no eido da literatura galega?

-É un clásico. Anovador en formas e temas, achegando ao lector un xeito diferente de percibir a terra, a natureza, o mundo.

-Que destacarías da profesión de escritor?

-A satisfacción que sentes ao rematar un libro e ver que o resultado se achega ao que buscabas, aínda que xamais acades unha total satisfacción. Pero esta insatisfacción é a que te leva a intentalo de novo. Todo o demais son cousas secundarias.

-Considéraste un emigrante? Como vives o salto dunha zona rural como o Courel a unha cidade como Madrid?

-Si, son un emigrante. Aínda que tampouco fago disto un drama. Son unha persoa que se adapta a calquera lugar, e Madrid ofréceme moitas posibilidades de todo tipo. De feito, algúns dos libros que escribín non serían concebibles sen vivir onde vivo hoxe.

-Cales son os teus proxectos literarios?

-Moitos, tantos que non sei por onde comezar. Mais dos proxectos non se fala, para que non se estraguen.

-Que valor teñen para ti os premios literarios?

-Nos comezos, son positivos. Poden dar pulo e certa publicidade. Hai que tomalos con coidado, pois tamén poden levar ao desánimo. Eu cada vez me afasto máis deles. De feito, os escritores galegos que máis me gustan non adoitan presentarse a premios.

-Cal é a túa postura respecto do Decreto de Bilingüismo?

-Non son especialista no tema, pero non me gusta. Paréceme un paso atrás na normalización do idioma, e calquera paso atrás, dada a delicada situación pola que atravesa o galego, é prexudicial. Non se poden esnaquizar en meses os consensos de anos, e a lingua galega, como lingua máis feble, debe ter un trato que leve ao seu afortalecemento no conxunto da sociedade.

-Como ves o futuro da lingua galega?

-Agora está nun intre delicado. Desaparece un tipo de sociedade, a rural, na que o galego era lingua de uso predominante. O mundo urbano percibe a lingua galega doutra maneira, especialmente os mozos. Nisto lembro as palabras de Novoneyra. Na lingua está a memoria e a pervivencia de todo un pobo. Así que estamos diante dunha cuestión de pura responsabilidade persoal, por riba de ideoloxías. Deixar que o galego desapareza é deixar que todo o noso rico pasado como comunidade, como pobo, desapareza, que todo o que nos transmitiron as xeracións pasadas, morra. ¿Deixarémolo morrer? ¿Deixarémonos anular como pobo diferenciado, para esluírmonos nunha erma uniformidade? No meu caso, non estou disposto a que isto aconteza.

-Dinos un hobby.

-A música, o cine, os bailes de salón, pasear.

-Cal é a túa música preferida.

-Escoito de todo tipo. Desde clásica, especialmente Bach ou Bartók, voces como as de Callas ou Caruso, clásicos do jazz como Charlie Parker, Chet Baker, Ella Fitzgerald, ata o rock que facían as grandes bandas dos anos sesenta e setenta.

-Un agasallo importante.

-Aquel que non espere.

-Un desexo.

-Todos os que están por cumprir.

-Unha experiencia lectora.

-Os relatos completos de Julio Cortázar.

-Un animal.

-A aguia.

-Unha árbore.

-O Carballo.

-Unha canción.

-Calquera de The Piano de Michael Nyman.

-Unha cor.

-A cor azul.

-Unha comida.

-Grelos con lacón.

-Un instrumento musical.

-O violonchelo.

-Un libro.

-A Esmorga, de Eduardo Blanco Amor.

-Un nome

-Alda.

-Unha película.

-A noite do cazador, de Charles Laugton.

-Para acabar, unhas palabras para os rapaces e rapazas que asistirán á túa charla.

-Expresarlles o meu agradecemento polo bo ánimo co que me reciben e o agarimo con que sempre me tratan no Instituto Río Cabe. Desexo que disfruten cos libros que escribo e ogallá xurda entre eles alguén ao que lle guste esta dura mais apaixoante aventura de contar historias. Unha forte aperta para tod@s.

 

 

 

 


Correlingua 2010

 

Como en anos anteriores, os nosos alumnos de 1º ciclo participaron no correlingua. Saímos do centro ás 10 da mañá e subimos a San Vicente, onde nos xuntamos cos rapaces doutros centros da zona. Realizamos o mesmo percorrido de sempre: pola zona vella, Praza de España, rúa Cardeal e Compañía. Aquí asistimos á entrega de premios e a dúas actuacións musicais.

Esperamos que todos o pasaran moi ben e, sobre todo, que entendesen o espírito desta carreira a prol do noso idioma.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


Resposta de Xavier Alcalá

Xavier Alcalá entrou na nosa páxina web e leu o que os nosos rapaces escribiron sobre a súa conferencia. Aquí tedes a súa resposta.

María Xesús, os meus parabéns polo espírito crítico dos rapaces. Vese que os estades educando ben. Agora falta que cheguen a saber integrais e etimoloxía, como sabiamos nós cando chegamos ao Preu.

Bicos e apertas, e dille ao amigo Verao que o seu viño foi gozado na mellor das compañías.

Respostas aos comentarios críticos sobre a actuación de Xavier Alcalá no IES río Cabe.

Ola a todos, profesores e alumnos. Hai algún tempo que vin o que escribiron eses mozos que tiveron a paciencia de escoitarme que -espero- algún día me pagarán a pensión. Non sei se os que escribiron representan a maioría das ideas e dos sentimentos que provoquei. Con todo, velos aí, valentemente expresados, o cal agradezo moito por aquilo de que "estaba a vella morrendo e seguía aprendendo".

Sinto ter demorado tanto en responder, mais non o fixen de mala vontade senón por culpa das axitacións da vida.

Unha aperta colectiva e as miñas respostas, por se quixerdes seguir tratando os temas iniciados.

1. "...O recoñecemento dun Nobel non significa nada"

X.A.: Así o digo e escribo. ¿Quen tiña máis dereito ao Nobel: Cela ou Torrente, Saramago ou Jorge Amado?

2. "...Segundo entendín a charla, o tema principal para o señor Alcalá foi a loanza da súa figura. Empregando unha linguaxe descortés e vulgar, foi criticando a figuras da literatura portuguesa ou galega como Saramago ou Méndez Ferrín ó tempo que facía alarde das súas exitosas publicacións. Finalmente, e non comprendo aínda o motivo, fixo varios comentarios que resultaban ofensivos. Non sei ben se foron bromas ou se trataba de mostrarnos algo, pero a realidade é que deixou unha mala imaxe ante os rapaces e rapazas cos que tratou na súa conferencia. Coido que coma nós debemos reflexionar acerca das súas palabras, el tamén debería reflexionar acerca da súa actitude e meditar se é a apropiada para outras conferencias similares."

X.A.: Conseguín escandalizar, que era a miña intención. Teña en conta o moralista que os escritores somos todos uns psicópatas que se equilibran a penas polo exercicio da escritura. Lea Why I write de Orwell, e non esqueza a frase de Vargas Llosa: "Detrás de calquera grande peza literaria sempre pode haber un miserable".

3. "...Saramago, e criticouno duramente por non usar unha correcta ortografía, xa que non usa nin puntos nin comas. Pero eu propoñeríalle o reto de intentar escribir un libro sen puntos nin comas. Probablemente non sería capaz, porque os seus recursos literarios non  alcanzarían o suficiente nivel como para poder facelo. Por outro lado, pareceume que este señor ademais de ser pouco humilde (algo que non lle viría nada mal selo), debe divertirse criticando á xente, porque pasou case todo a hora chamando imbéciles ós que non seguen as súas pautas na escrita. Dende a miña opinión, somos todos suficientemente maiorciños como para deixar a cada un facer o que queira e non criticalo por non seguir unha liña de regras e leis de escritura. Ademais, se el ten razón non lle deberían de preocupar as vendas dos libros de Saramago, xa que ninguén os debería de comprar segundo os seus argumentos (cousa que eu dubido en gran medida).

Por outro lado, el tamén desenvolveu o tema da lingua de referencia, o que vén a conto de saber ben un idioma e non o deixar de lado por estudar outro que ten máis sona internacional ou está de moda. Mediante este argumento da lingua de referencia meteuse de paso coa ensinanza e incluso criticaba duramente o sistema educativo actual, facendo referencia ás numerosas probas que antes se tiñan que facer, e mesmo dicía que se esas numerosas probas que se facían antes se fixeran hoxe, as universidades quedarían sen xente."

X.A.: Recoméndolle a este crítico que rescate da biblioteca do instituto Tertúlia e verá como o escritor que lle motiva a crítica xa usou a ironía para facer o que fixo Saramago en Caim.

Canto á preparación da xente que chega á universidade, manteño o dito: NPI. Non teñen coñecementos básicos. Vaia o crítico ver o que cómpre facer nas escolas técnicas: os cursos "de adaptación" de Matemáticas e Física que se dan para poder ensinar a substancia.

4. "...A charla ía versar principalmente das TiC's (Tecnoloxías da Información e Comunicación), tema que apenas mencionou, e en vez diso, o escritor adicouse a facer múltiples críticas acerca doutros escritores moito máis prestixiosos ca el (Saramago, Ferrín...), o que me resultou unha gran falta de respecto. Resumindo, a súa intervención pareceume totalmente lamentable. Ademais diso, non teño aínda moi claro se ben pretendendo facerse o gracioso ou ben intentando gañarse a nosa confianza, fixo un milleiro de comentarios que en moitos casos resultaron un tanto ofensivos e incoherentes. Cabe dicir que se o que pretendía era gabarse acerca dos seus méritos persoais (os cales son de admirar), abofé que o conseguiu, pero na miña opinión, penso que esa non era nin a principal finalidade nin o lugar adecuado para facelo.

X.A.: Na teoría das telecomunicacións dise que, cando a mensaxe chega mal ao receptor, as probabilidades máis altas son as de que o emisor emitise incorrectamente. Mea culpa. Pido desculpas aos organizadores do acto e mais aos alumnos. Cando queirades, entramos nas TICs. Propoño unha conferencia sobre "A web como repositorio universal de coñecemento". ¿Que vos parece?

5. "O tema da charla era o galego e as TICs que a base de anécdotas foi tocando lixeiramente. Xavier Alcalá parecía que defendía o galego pero dunha forma tan peculiar que en canto de atraer aos castelanfalantes ao eido do galego provocáballes un rexeitamento aínda máis fondo. Puido ser debido á súa actitude acedamente crítica ou a súa prepotencia ante uns rapaces que non alcanzabamos nin a cuarta parte da súa idade.Trátase dun home cunha vida moi interesantee unhas boas obras,pero non pode andar criticando escritores tan famosos e exitosos como por exemplo Xosé Saramago ou Méndez Ferrín. Eu penso que xa lle chegará a fama co tempo se é que lle ten que chegar".

X.A.: Repito aquí algo do dito no punto anterior. Entendín que debía falar a xeito de miscelánea. Collín mal o recado.

Canto ao de provocar noxo ao galego por parte dos acomplexados, sorry: non era a miña intención, rapaces. Pero é que o autodesprezo é moito, moito, propio dunha situación de diglossia tremens.

Canto a Saramago, manteño o dito: Caim é algo caótico, unha parvada ilexible. Canto a Ferrín, con quen departín amablemente na Academia aínda o día 12 de maio, repito: dicir que Xavier Alcalá (ou Xavier Queipo, ou Marcelino Fernández Mallo, por seguirmos cos exemplos) non pode escribir ben por culpa da súa mente cartesiana non se demostra co exemplo: ás críticas e ás vendas nos remitimos (en termos de prosa, non de poesía, claro). Recomendo as lecturas de O paso do Noroeste, do Queipo (médico e biólogo) e A trenza de Fernández Mallo (economista)...

Moi agradecido polos vosos comentarios e sempre ao voso dispor. Mándovos unha foto de hai moito. Velaí o Saramago do seu mellor momento, quizais de cando O ano da morte de Ricardo Reis... Podedes usala como queirades

Xavier Alcalá


Distribuir contido