Curso 2017/18

Acto de recoñocemento aos mellores expedientes da ABAU 2018

No día de hoxe, mércores 4 de xullo, tivo lugar no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia un acto de recoñecemento aos alumnos/as coas mellores cualificacións nas probas de acceso a universidade na nosa Comunidade Autónoma. Todos os alumnos cunha nota superior a 9 puntos na fase xeral da selectividade foron homenaxeados neste acto en Santiago de Compostela e entre eles encontrábanse 2 alumnos do IES Río Cabe:

Víctor Díaz Díaz, cunha cualificación na fase xeral da selectividade de 9,246 e Sergio Manuel Justo Maceda, que estivo no IES Río Cabe ata xaneiro deste ano e rematou o bacharelato no IES San Clemente de Santiago cunha nota media de 9,65 puntos.



O alumno Victor Díaz acudiu a Santiago acompañado do Director do centro, Manuel Sánchez Seco e a Vicedirectora, Consuelo Rodríguez Prieto. O reitor da USC, Antonio López Díaz, presidiu este acto, no que participaron 704 estudantes de 201 centros de ensino medio de toda Galicia.

Información sobre o fin de curso

 

INFORMACIÓN DE INTERESE PARA AS FAMILIAS

 

Prezadas familias, a continuación detallamos a información relativa á finalización do curso:

 

  • O día 21 de xuño, as clases rematarán ás 14:15 horas. Os servizos de comedor e transporte funcionarán con normalidade.

  • Os boletíns de cualificacións serán entregados o luns día 25 de xuño polos respectivos titores nas aulas ás 11:00 horas. O titor/a soamente poderá dar os boletíns ao alumnado que entregue todos os libros de texto do centro das materias que teñan aprobadas no mes de xuño.

  • Do mesmo xeito, para recibir o boletín deberán ter entregados todos os libros collidos en préstamo na biblioteca.

  • En relación coas taquillas, o alumnado pasará por conserxería a devolver a chave da súa taquilla e a recuperar a súa fianza.

  • Durante a mañá do día 25 de xuño, ata as 14:00 horas, estará dispoñible todo o profesorado para aclaracións ás cualificacións.

  • As reclamacións ás cualificacións poderanse facer os días 26 e 27 de xuño, por escrito, na Secretaría do centro.

 

Visita do alumnado de 6º de primaria dos coles adscritos ao noso centro.

O alumnado de 6º de primaria do CEIP Monforte de Lemos (Colexio Novo) e do CEIP A Gándara acudiron o luns 18 de xuño ao noso centro para coñecer as instalacións do que para moitos deles será o seu centro de ensino a partires do curso académico 2018/2019.

Dámoslles a benvida e aquí tedes unha foto da súa visita, despois de rematar a ruta polas diferentes aulas, biblioteca e instalacións do IES Río Cabe:

 

Inscrición nas probas de acceso ás ensinanzas deportivas 2018 - Fútbol

O día 18 de xuño publicouse no Diario Oficial de Galicia a RESOLUCIÓN do 6 de xuño de 2018, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convocan probas de acceso ás ensinanzas deportivas para o curso 2018-2019.

 Ten acceso ás ensinanzas deportivas de grao medio o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

a) Dispor do título de graduado en educación secundaria, ou equivalente para os efectos académicos, e superar unha proba específica. Para o acceso ao segundo nivel de grao medio, ter superados os estudos do primeiro nivel na correspondente modalidade ou especialidade deportiva.
b) O alumnado que non dispoña do título de graduado en educación secundaria, ou equivalente para os efectos académicos, deberá ter 17 anos e superar a proba de madureza que se establece no anexo III desta resolución, ademais da correspondente proba específica.
c) A proba de madureza poderase substituír pola proba de acceso a ciclos formativos de grao medio de formación profesional ou de artes plásticas e deseño, ou a de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

 

O prazo de inscrición será o comprendido entre o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e o día 10 de xullo de 2018.

No IES Río Cabe o próximo curso está previsto impartir o Nivel 1 das ensinanzas de Técnico deportivo en fútbol, polo que calquera alumno interesado pode obter máis información na Secretaría do centro ou chamando ao teléfono 982828034.

A continuación pódese descargar o modelo de inscrición e un impreso de solicitude de exención, por se fose necesario, ainda que se tería que aboar as tasas correspondentes e será o tribunal nomeado para a avaliación de ditas probas quen resolverá a exención solicitada.

É necesario cubrir o impreso de solicitude de admisión ás probas de acceso xunto coa documentación que proceda:

– Título de graduado na ESO.

- Impreso de ter aboado as taxas correspondentes. Pódese cubrir directamente na páxina da Consellería de Facenda ou recoller o impreso na Secretaría do centro para o seu pago. Esta imaxe pode servir de axuda:

Están exentos do pago de taxas as persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %. A acreditación desta condición realizarase ao formalizar a matrícula mediante exhibición do certificado ou resolución sobre o recoñecemento do grao de discapacidade ditada polo órgano competente nesta materia.

Terán unha exención do 100% os/as membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial e unha bonificación do 50 % para os/as de categoría xeral. Esta condición acreditaraa o/a alumno/a no momento de formalizar a matrícula, mediante exhibición do libro de familia numerosa ou do documento acreditativo de tal condición.

 

 

Máis información sobre estas ensinanzas na seguinte páxina web: http://www.edu.xunta.gal/centros/iesriocabe/node/510

STEMweek para alumnado de 3º e 4º ESO

Convocadas axudas para a realización de actividades formativas STEM en lingua inglesa, STEMweek, no ano 2018 destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos

No DOG do martes 13 de xuño publícase a ORDE do 23 de maio de 2018 pola que se aproban as bases e se convocan axudas para a realización de actividades formativas STEM en lingua inglesa, STEMweek, no ano 2018. Esta é unha convocatoria para alumnado de 3º e 4º de ESO que cumpran, entre outros requisitos, ter acadado no curso 2016/2017 unha nota mínima de 6 na materia de inglés.

O lugar onde se realizará esta actividade será o Centro Residencial Docente da Coruña, en réxime de internado de domingo ao sábado seguinte e a organización das actividades levarase a cabo por medio de empresas coa debida cualificación e contratadas directamente pola Consellería.

As datas para o alumnado seleccionado serán do 26 de agosto ao 1 de setembro no caso de alumnado de 3º ESO e do 2 ao 8 de setembro para o alumnado de 4º ESO.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 12 de xullo de 2018 e para calquera dúbida poden poñerse en contacto coa Secretaría do centro educativo ou enviar un email a stemweek@edu.xunta.es

Boletín familiar: Internet

No documento adxunto, ou facendo click na imaxe, podedes descargar o Boletín de información para pais/nais/titores legais do mes de Xuño de 2018 elaborado pola Unidade Asistencial de Drogodependencias de Monforte de Lemos e o Equipo de Prevención: 

Nel atoparemos un interesante cuestionario da Universidade de Santiago de Compostela, que pode axudarnos a comprobar se os nosos fillos (ou nós mesmos) estamos a facer un uso problemático de Internet ou do móbil.

Se tedes interés en consultar algún boletín anterior podedes descargar os mesmos a través da páxina do Concello de Monforte. (Área de sanidade, apartado folletos informativos), solicitalo na UAD, consultar o seu facebook ou persoalmente a través do Telf. 982 400 495.

Acto de graduación do alumnado de 2º de Bacharelato - 2018

O venres 25 de maio celebrouse o tradicional acto de graduación da promoción que remata os seus estudos de bacharelato no curso académico 2017/2018.

A partires das 20 horas tivo lugar no Salón de Actos do Edificio Multiusos de Monforte un acto no que interviron en primeiro lugar o director do centro, Manuel Sánchez Seco, para darlle a despedida aos alumnos/as e desexarlle o mellor no seu futuro académico e profesional; Gael Verao Fernández, ex-alumno do centro entre os cursos 2001 a 2007, enxeñeiro de caminos e profesor no Master de Enxeñaría Civil da Universidade de Gante nas materias de Enxeñaría de Costas e Hidrodinámica de Costas;  e, por último, en representación do Concello de Monforte de Lemos, o Alcalde José Tomé Roca.

Tamén deron un emotivo discurso dous alumnos de Bacharelato (Iago Díaz Iglesias e Sara Moya Rodríguez) para rememorar anécdotas e despedirse do IES Río Cabe ao finalizar a súa estadía neste centro. Disfrutamos da actuación musical dalgús alumnos e alumnas (Sara Losada, Lucas López e Manuel Veloso) e visionamos un vídeo de despedida.

E por último, alumnado máis profesorado compartiron mesa e mantel na cea que tivo lugar no restaurante "O Grelo".

Clickando na seguinte imaxe accédese a unha galería de fotos do acto de graduación de Bacharelato:

Final do concurso "Childrens Chef" na Escola de Hostalería de Rosende

As probas finais de concurso "Childrens Chef" organizado pola Escola de Hostalería de Rosende celebráronse na mañá de hoxe. Os alumnos finalistas chegaron sobre as nove da mañá para ser entrevistados polos xornalistas acerca das elaboracións que ían realizar. Logo de tomar algo foron entrando en cociñas por orde para preparar os seus pratos. Os finalistas eran 5: dous do IES Río Cabe (Mario e Sandra), e os outros tres do Colexio Ferroviario e do IES A Pinguela. Durante a espera puideron degustar un "mojito vírgen", un cóctel de froitas delicioso!! Finalmente o xurado, formado por profesionais, decidiu que o mellor prato era "huevo en flor con gulas y champiñones", elaborado por Sara, do colexio Ferroviario, aínda que a decisión parece que foi difícil, porque as cinco preparacións foron moi celebradas. Como remate, a Escola ofreceu unha selección de aperitivos.

En conclusión, a experiencia foi realmente positiva para todos. E recibiron as chaquetillas e mandilóns para seguir practicando ese arte culinario!!!.

Álbum: Extraescolares -> Childrens Chef 2018

Reserva Programa CUALE 2018/2019 - Preparación para as probas das EOIs

Para o vindeiro curso 2018-2019 o IES Río Cabe vai solicitar por quinto ano consecutivo o PROGRAMA CUALE, curso para a formación complementaria en Linguas Estranxeiras do alumnado. 

O programa CUALE, impulsado pola Consellería de Educación, pretende preparar aos alumnos de institutos de educación secundaria para a obtención dos certificados oficiais dos distintos niveis das escolas oficiais de idiomas. No IES Río Cabe ofertamos os seguintes cursos CUALE para os niveis e requisitos do alumnado que se indican a continuación:

 

Programa

Finalidade do curso

Requisitos do alumnado

CUALE B1 – Francés

Preparación para presentarse á proba para obter o certificado B1 en francés, nivel intermedio, da Escola oficial de idiomas.

Alumnado que se matricule nalgún dos cursos de bacharelato ou formación profesional de grao medio e superior no curso 2017-2018 ou alumnado que posúa o certificado de nivel A2.

CUALE B1 - Inglés

Preparación para presentarse á proba para obter o certificado B1 en inglés, nivel intermedio, da Escola oficial de idiomas.

Alumnado que se matricule nalgún dos cursos de bacharelato ou formación profesional de grao medio e superior no curso 2017-2018 ou alumnado que posúa o certificado de nivel A2.

 

Os cursos desenvolveranse no IES Río Cabe de outubro a xuño, en xornada de tarde, en tres sesións semanais de 50 minutos de duración cada unha. A inscrición dos alumnos é voluntaria e gratuíta. O número de prazas para cada curso é de 10-20 alumnos.

A formación para cada modalidade organizarase cunha duración dun curso escolar, de xeito que, ao finalizalo, o alumnado estea en condicións de superar as probas de certificación das escolas oficiais de idiomas. Os alumnos do CUALE poderán presentarse as probas da EOI nas mesmas condicións cos alumnos oficiais das EOI e non teñen que aboar os prezos públicos.

O profesorado responsable desta formación realizará probas ao remate do curso correspondente a cada modalidade. A superación das devanditas probas suporá a expedición por parte do centro dun certificado de aproveitamento do curso preparatorio para as probas de certificación das EOI.

O alumnado que desexe preinscribirse nestes cursos deberá facer a reserva na Secretaría do IES Río Cabe ou enviar un email  antes do 7 de xuño de 2018.

Descarga o impreso de reserva facendo click na imaxe. Se estás interesado podes cubrilo e envialo por email ao centro: ies.rio.cabe@edu.xunta.es

Convocatoria do "Fondo de Libros" e "Axudas de Material" para o curso 2018/2019

No DOG do luns 21 de maio publicouse a ORDE do 9 de maio de 2018 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2018/19. Hai 2 tipos de axudas:

1.- FONDO SOLIDARIO DE LIBROS DE TEXTO – Todo o alumnado de ESO:

Proporcionaránselle ao alumnado os libros de texto que existan no fondo solidario até que se esgoten, en orde inversa á renda per cápita do alumnado.

Esgotados os libros disponibles no fondo solidario, o centro docente adquirirá os libros de texto que sexan necesarios para garantir:

- Ao alumnado con renda per cápita igual ou inferior a 5.400 €: seis libros de texto.

- De 5.400 € até 9.000 € de renda per cápita: catro libros de texto.

2.- AXUDAS PARA MATERIAL ESCOLAR – Todo o alumnado de ESO

Sempre que non se superen os 5.400 € de renda per cápita, vale por 50 €.

 

SOLICITUDES:

As solicitudes en papel, entregaranse na secretaría do centro, xunto coa documentación correspondente (fotocopia do libro de familia ou certificado de conviencia). O prazo para presentar a solicitude remata o venres 22 de xuño. O impreso pode obterse na Secretaría do centro ou  pódese descargar e cubrir no seguinte enlace:http://cort.as/-63MO ou telemáticamente na web do programa https://www.edu.xunta.es/fondolibros/ Cubrirase unha soa solicitude por alumno/a e, se hai varios  membros da unidade familiar  no mesmo centro, tamén cubrirán un só impreso.

DEVOLUCIÓN DE LIBROS 2017/2018:

Os libros do curso actual 2017-18, adquiridos con axudas, devolveranse no centro o día da entrega de notas, agás aquel alumnado que os necesite para preparar a convocatoria extraordinaria de setembro, que poderá ter o libro que necesite ata o 7 de setembro. Tamén se agradece a todo aquel alumnado que os adquiriu con fondos propios, a súa entrega ao centro para incrementar o Fondo Solidario.

ENTREGA DE LIBROS 2018/2019 na ESO:

Os libros entregaranse ao alumnado beneficiario do fondo a partir do 15 de setembro. A relación provisional de solicitudes admitidas e excluídas publicarase no taboleiro de anuncios e na páxina web do centro o día 12 de xullo de 2018. Poderase formular reclamación contra a mesma durante o prazo dos 2 días seguintes. A relación definitiva publicarase polos medios anteriormente mencionados o 14 de setembro.

Nos vindeiros días repartirase unha folla informativa nas aulas, para que o alumnado afectado a leve ao seu domicilio e informar así ás familias.

Distribuir contido