Skip to Content

Complementarias

Visita do 2ºcurso de ESO a Santiago de Compostela

Hoxe o alumnado de 2°ESO, acompañado polas profesoras Marta Rivadulla Bendaña e Milagros García Rajoy, visitou a catedral de Santiago de Compostela.
Alí coñeceu de primeira man o Pórtico da Gloria do Mestre Mateo e as principais características estilísticas do románico e do barroco galego.

A saída rematou no Museo do Pobo Galego, onde visitaron o Panteón de Galegos ilustres e a única escaleira triple helicoidal de Domingo de Andrade.

Parabéns ao departamento de xeografía e historia pola iniciativa e organización. 

Presentación da Lectura Continuada da obra « A República dos Sonhos » de Nélida Piñón.

Onte tivemos o pracer de realizar no noso centro a presentación da Lectura Continuada da obra « A República dos Sonhos » de Nélida Piñón.
Esta interesante iniciativa parte da AGAL (Associaçom Galega da Língua) e conta coa colaboración do noso concello de Cerdedo-Cotobade.

Obradoiro do Programa Coeducación e Educación non sexista da Cruz Vermella Xuventude

Hoxe o alumnado de 2º e 3ºESO asistiu ao obradoiro do Programa Coeducación e Educación non sexista da Cruz Vermella Xuventude, enmarcado na Campaña do 8 de marzo polo Día Internacional da Muller. Obradoiro dirixido por Marta Peón Filgueira, Educadora Social da Cruz Vermella.


Día de Rosalía de Castro 2024

 

Programa Quérote +

Dende as titorías de 3ºESO seguimos traballando a educación afectivo-sexual co programa Querote + . Que é a sexualidade? Que é o desexo e a identidade sexual? Dende o respecto pola diferenza,  nos xeitos de sentir e desexar.
Velaquí algunhas fotografías relacionadas coas actividades 2 e 3 do programa.

 

Visita ao Xulgado de Pontevedra

Esta mañá o noso alumnado do 3º curso de ESO visitou o Xulgado de Pontevedra dentro do programa “Educar en Xustiza” promovido polo TSXG. 

Parabéns ao departamento de xeografía e historia pola organización e iniciativa. 

Visita ao museo de Pontevedra e teatro en inglés

O pasado xoves 11 de xaneiro, os grupos de 1º e 2º curso de ESO asistiron á representación da obra de teatro en inglés I Spy, na sede da Fundación ABANCA en Pontevedra.

O noso alumnado desfrutou da interpretación dos membros da compañía Face to Face e dalgúns dos grandes artistas que temos entre nós.

Ademais, o alumnado de 1ºESO fixo unha visita guiada ao Museo de Pontevedra, polos edificios Castelao e Sarmiento. Coñeceron o Tesouro de Caldas, a historia da fábrica de cerámica de Sargadelos, a pintura do século XVIII e a obra completa de Castelao.

Parabéns aos departamentos de inglés e de EPVA pola iniciativa e organización.

Obradoiro loita contra o VIH

Hoxe a Cruz Vermella Xuventude ofreceu un taller ao noso alumnado de 3º e 4º curso de ESO. Obradoiro enmarcado na « Campaña 1 de decembro. Día mundial da loita contra o VIH. » Cruz Vermella Xuventude - Xunta de Galicia.


Obradoiro de Zentangle con Elisabet Hillerud

Hoxe os/as nosos/as pequenos/as artistas desfrutaron dun obradoiro de Zentangle con Elisabet Hillerud #zengoala. 

A actividade está enmarcada no Proxecto Competencial « Zentangle » de 1ºESO A e 1ºESO B, coordinado pola profesora de EPVA, Beatriz Pérez Espiña. Velaquí as mostras das súas creacións. Destacamos o seu esforzo por comunicarse en inglés coa artista ao longo do taller.
Parabéns pola actividade!!!

Conferencia: "Pequenas heroínas. As bacterias que degradan o plástico".

O pasado martes 21 de novembro, o noso alumnado do 4° curso de ESO tivo a oportunidade e o honor de asistir a unha conferencia científica organizada pola Deputación de Pontevedra.


Tivemos o privilexio de contar con Dona Alicia Estévez Toranzo, vicepresidenta da Real Academia Galega das Ciencias, e mentora da investigadora Dona Sabela Balboa Méndez, principal encargada da conferencia. A actividade foi presentada polo noso alcalde, e deputado provincial Don Jorge Cubela López.


Durante hora e media, tivemos a oportunidade de coñecer o seu traballo de investigación sobre as bacterias que poderían degradar plásticos, e da importancia da súa contribución cara a un futuro sostible.


Ao longo da exposición, ademais de presentar o seu traballo dunha forma moi amena e ben axustada ao nivel do alumnado, fixeron partícipe ao alumnado, invitándoo a intervir con apreciacións, dúbidas e inquedanzas sobre a temática.
Salientamos que na rolda de preguntas finais xurdiron cuestións de gran interese, polo que as científicas animaron aos nosos estudantes a non ter medo a dirixir o seu futuro cara a investigación.

Distribuir contido


by Dr. Radut