SERVIZOS

Conversa con Natalia, nai de día

Hai uns días, desde os ciclos de Integración social e Educación infantil, tivemos a oportunidade de conversar con Natalia Gómez Bayón arredor das familias acolledoras, como nai de acollida que é.

Ao tempo, visibilizounos que o acollemento segue a ser un asunto pendente e urxente. Falounos tamén do labor da Asociación de familias acolledoras de Galicia (Acougo), que enlazando vidas, acompaña todo o proceso, con programas de apoio a crianzas e adolescentes (encontros entre irmás e irmáns, ocio positivo entre iguais, apoio educativo, fins de semana de respiro, campamento de verán…), programas de apoio ás familias e programas de difusión e sensibilización arredor da necesidade de priorizar o acollemento fronte outras medidas, espallando a cultura do acollemento.

Respondeu a innumerábeis preguntas e achegounos a súa experiencia ao respecto das circunstancias que xiran arredor do acollemento: emocións, decisións, necesidades a cubrir, despedidas, reencontros, continuidade, rupturas, posibilidades…

Deixounos claro que hai que reivindicar a acollida fronte ao internamento nos centros, nos que se esvaece a posibilidade de medrar sentíndose parte dunha familia, pois como sentirse parte da sociedade sen antes ser parte da túa familia?

A clave?

Ter claro que hai que moverse no círculo da influencia, o que podemos facer, e non no da preocupación, o que non está nas nosas mans.

En realidade, as aprendizaxes que Natalia nos achegou son para a vida, non só para o acollemento.

Son precisas máis nais e pais de acollida en Galicia e a través de Acougo hai programas que exploran as posibilidades de acollida: ao longo do curso, en fins de semana, acollida temporal ou tamén, permanente se fose o caso.

É posible tamén participar da cultura do acollemento formando parte do voluntariado de Acougo, por se te animas!

Moitas grazas, Natalia, por abrirnos a porta á acollida e convidarnos a reflexionar arredor do que significa acoller!

Xornadas "Miradas diversas na infancia"

A semana do 26 de febreiro ao 1 de marzo imos celebrar no IES de Chapela as Xornadas "Miradas diversas na infancia", organizadas polo Departamento de Servizos. Nestas xornadas levaranse a cabo distintas actividades para coñecer de primeira man experiencias de intervención e acompañamento a menores con diversidade funcional, así como para sensibilizar acerca da realidade que viven estes menores e as súas familias. Para iso contaremos con profesionais de recoñecido prestixio neste eido, procedentes de distintas entidades e centros da contorna.

Tedes o tríptico informativo aquí.

Estrea da obra "Disparos de luz"

O grupo de teatro inclusivo Xanela, conformado por alumnado e profesorado de modular do CM Atención a persoas en situación de dependencia e o CS Integración social, persoas usuarias e profesionais da Asociación Xaruma para a inclusión social das persoas con trastornos mentais, e alumnado e profesorado da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADg), estrea  “Disparos de luz” o próximo venres 2 de xuño ás 19:30 horas no Multiúsos de Chapela (Piñeiral do Crego). A entrada é de balde ata completa aforo. Esperámosvos!

 

 

O departamento de Servizos, en Instagram

O Departamento de Servizos xa está nas redes, podes seguirnos na conta @servizoschapela de Instragram (https://www.instagram.com/servizoschapela/).

Con esta iniciativa tratamos de estar máis preto do alumnado, informando de ofertas de traballo, formacións que poidan ser de interese para a familia profesional e actividades que realicemos ao longo deste curso. Non dubides en seguirnos para estar ao día do que facemos no centro.

Presentación-Difusión dos resultados do Plan Proxecta

No mes de maio realizáronse dúas dinámicas para presentar e difundir os resultados obtidos no desenvolvemento do Plan Proxecta a toda a comunidade educativa do IES Chapela.

As actividades consistiron na difusión, no vestíbulo do centro, duns vídeos que recompilaban o traballo realizado polo alumnado.

A proxección dos vídeos realizáronse en dous momentos:

- Na tarde do mércores 5 de maio, aquel vencellado ao alumnado matriculado no réxime de persoas adultas (modular).

- Na mañá do xoves 6 de maio, o vinculado ao alumnado matriculado no réxime xeral-ordinario.

 

No Plan Proxecta participaron case a totalidade dos grupos de alumnado do Departamento de Servizos Socioculturais e á Comunidade.

Agradecemento ás alumnas do Master en Profesorado

Durante os meses de xaneiro, febreiro, marzo e abril; 4 alumnas do Máster en Profesorado da Universidade de Vigo cursaron as prácticas da súa formación no IES Chapela, máis concretamente no Departamento de Servizos á Comunidade.

As alumnas, con experiencia profesional e formación propia do eido social, participaron activamente no desenvolvemento das clases das diferentes titulacións ofertadas dende o centro, así como en Actividades Complementarias á Formación como saídas formativas, charlas, etc.

Nesta liña, todas elas experimentaron a práctica docente de xeito autónomo, aproximándose á súa futura labor profesional.

Dende o Departamento de Servizos á Comunidade queremos agradecer a Patricia, Erea, María Belén e Alba o seu compromiso e traballo, así como felicitalas pola súa eminente titulación.

 

Visita da asociación ADA

 

Hoxe, martes 22 de xaneiro, viñeron a visitarnos dúas responsables e unha voluntaria da Asociación ADA ademáis de Tango, un precioso can que traballa con elas. O alumnado de 2° Educación Infantil e 2° APSD tiveron a oportunidade de coñecer como se traballa coa "Caninoterapia" en terceira idade, infancia e familia, diversidade funcional, saúde mental, persoas en exclusión, prisión, etc.

Agradecémoslle a ADA a súa entrega nesta divertida e instructiva xornada.
Caninoterapia 1 Caninoterapia 2 Caninoterapia 3 Caninoteriapia 4
Caninoterapia 5 Caninoteriapia 6 Caninoterapia 7 Caninoterapia 8
Distribuir contido