Actos, Día de

III Encontro de Comandos de Igualdade da provincia de Pontevedra

Un curso máis, a nosa Brigada Violeta participou no Encontro de Comandos de Igualdade da provincia de Pontevedra, que este ano celebrou a súa terceira edición no Museo Verbum (Vigo) o día 26 de abril. Foi unha xornada chea de momentos inesquecibles onde o alumnado puido compartir experiencias e impresións arredor do tema da igualdade e das moitas desigualdades que aínda persisten. Ademais puidemos gozar da actuación musical de Su Garrido Pombo, elaborar un mural colectivo entre todas e todos, asistir a distintas charlas e obradoiros formativos e participar en actividades creativas como o modelado con barro, a realización de chapas ou a introdución á papiroflexia. Moitas grazas ao alumnado e profesorado dos centros organizadores (IES Álvaro Cunqueiro e IES Primeiro de Marzo) e longa vida aos comandos! 

Chapela con Palestina

 

O IES de Chapela sumouse hoxe, 12 de abril, ás concentracións convocadas no ensino co lema “Paremos o masacre en Palestina”. Xunto con outros moitos centros, hoxe alumnado, profesorado e persoal non docente do IES de Chapela alzamos a nosa voz para denunciar o xenocidio do pobo palestino e esixir o cese da violencia. No acto limos o manifesto conxunto subscrito polos centros que apoiamos a iniciativa e un poema sobre Palestina de Luísa Villalta (autora homenaxeada este ano polas Letras Galegas). Paz e xustiza para Palestina!

Podedes ver o vídeo do acto de diúrno aquí.

2 de abril - Día mundial de concienciación sobre o autismo

Desde o IES de Chapela queremos recordar neste 2 de abril, Día mundial de concienciación sobre o autismo, o noso compromiso por mellorar a calidade de vida das persoas con trastorno do espectro autista e por avanzar cara á construción dunha sociedade inclusiva.

Aproveitamos tamén esta data para compartir convosco un recurso que coidamos que pode ser do voso interese, a nova web de Aspanaes: www.aspanaes.org

8M - O IES de Chapela coeducando pola igualdade

Un 8M máis, seguimos reivindicando a igualdade real e efectiva. E dende o IES de Chapela facémolo coeducando. Dende un ensino público e laico, asumimos o compromiso de ofrecer ao noso alumnado e a toda a comunidade educativa experiencias, formación, orientación e unha educación en valores libre de estereotipos de xénero para contribuír á construción dunha sociedade feminista e xusta. Hoxe e todos os días son 8M, día de defender e loitar polos dereitos de todas as mulleres.

Velaquí vos deixamos unhas fotos dos actos de conmemoroación do 8M no centro, así como da nova pancarta que loce a fachada do edificio nestes días e do acto institucional do Concello de Redondela no que participou unha representación do alumnado e profesorado do IES.

Visita de Rosalía

O 23 de febreiro, Día de Rosalía de Castro, visitounos pola mañá a mesmísima Rosalía. Comprobamos que se atopa máis viva ca nunca.

Preme aquí para ver o vídeo.

Entroido 2024

Hoxe, venres 16 de febreiro, a climatoloxía permitiunos pechar a festa de Entroido por todo o alto cos tradicionais desfiles e coreografías do noso alumnado na pista deportiva. Moitas grazas a todas as persoas participantes no baile de disfraces pola vosa enerxía e atrevemento!

Pola súa banda, as nosas compañeiras e compañeiros de nocturno gozaron tamén da súa particular festa de Entroido a semana pasada co seu enterro de modular, en recordo dos ciclos presenciais perdidos, que agardamos que poidan resucitar.

Podedes picar na imaxe para acceder á galería de fotos.

 

 

Día dos dereitos da infancia

Hoxe, 20 de novembro, celebramos o día dos dereitos da infancia coa lectura dun manifesto por parte do alumnado de 1º do CFGS de Ed. Infantil en defensa das crianzas desprotexidas.

   

   

 

Xornada de Magosto / Samaín no IES de Chapela

O 31 de outubro celebramos o noso Magosto / Samaín, nunha xornada chea de castañas, doces, bailes, xogos e sustos. Deixámosvos aquí algunhas fotos e este vídeo do túnel do terror organizado polo grupo de 1º de Educación Infantil.

Acto de Graduación AFD 2023

O pasado xoves 6 de Xullo, o alumnado do IES de Chapela que cursa o Certificado de profesionalidade de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais celebrou un íntimo acto de graduación acompañado dos seus familiares, amigos e amigas, profesorado e equipo directivo que os acompañou durante toda a súa etapa formativa. Esperamos que este acto servise de alento para o período de prácticas que agora comeza e futura incorporación no ámbito laboral.

Desexámosvos moita sorte neste novo camiño que emprendedes e agardamos que a formación acadada no IES de Chapela vos axude a ser uns bos e boas profesionais empapando de sorrisos, coidados, amor e cariño aos vosos futuros residentes e familiares.

Graduación do alumnado de modular

O alumnado dos ciclos de Farmacia e Parafarmacia, Dietética, Atención a Persoas en Situación de Dependencia e Educación Infantil do réxime modular celebrou o venres 16 de xuño o seu acto de graduación conxunto ante unha emocionada concorrencia formada por unha morea de familiares e amigas e amigos, así como por membros do profesorado e o equipo directivo. Na cerimonia non faltaron os traxes de gala, as becas, os diplomas nin, por suposto, os discursos das persoas participantes, cheos de anécdotas e reflexións arredor dos últimos anos de vivencias compartidas, tras os cales puidemos gozar duns merecidos pinchos preparados por Estela. Tampouco faltaron as reivindicacións contra os recentes cambios na oferta de ciclos de modular anunciados pola Consellería de Educación. Non queremos que a gran familia de modular do IES de Chapela deixe de existir!  

Distribuir contido