Actos, Día de

Graduación XXII Promoción - 2º Bacharelato - 2018

       

O día 25 de maio de 2018 celebramos na Aula de Conferencias do IES Chapela o remate de Bacharelato da nosa XXII Promoción. Foi un momento para compartir lembranzas entre o alumnado de 2º Bacharelato, nais, pais e profesorado.

No mesmo puidemos visionar un pequeno audiovisual que por problemas de copyright coa música non podemos subir a plataformas como youtube ou vimeo. Deixámosvos un enlace máis abaixo para que poidades visionalo e descargalo desde a nosa páxina.

Moita sorte a todas e a todos co que a partir de agora enfrontedes. Foi un pracer.

Visionar e/ou descargar o audiovisual (342 MB)

Descargar zip con fotos do grupo (26 MB)

Concentración 8 de Marzo - Día Internacional da Muller

 
Hoxe, 7 de marzo de 2018, as mulleres do IES Chapela baleiraron as aulas e os seus postos de traballo ás 12:00, para visibilizar a súa presenza e berrar alto e claro que non están dispostas a esperar sentadas pola chegada da igualdade de xénero. Basta de discriminacións e marxinacións, de violencia machista, de brecha e discriminación salarial... As mulleres están convocadas mañá 8 de marzo para parar o mundo e esixir a plena igualdade de dereitos e condicións de vida. Na foto Susana Villaverde García le o manifesto da concentración.

Exposición 8 de Marzo - Mulleres Escritoras

O activo grupo de mulleres que xestiona e dinamiza a Biblioteca do IES Chapela ofrécenos no vestíbulo do centro este panel no que lembrar a tantas e tantas mulleres escritoras. Algunhas delas abriron brecha para as que viñeron despois. Aínda hoxe, no século XXI, cómpre non esquecelas.

Exposición 8 de Marzo - Non á violencia de xénero

O alumnado de 3º ESO expresa o seu rexeitamento contra a violencia de xénero a través desta mostra plástica que podes contemplar xa no vestíbulo do instituto. A mesma foi realizada na materia de Educación Plástica e Visual coa profesora Emilia Fernández.

A Asociación Galega San Francisco visita o IES Chapela

A Asocaciación Galega San Francisco (AGASFRA) visita o IES Chapela co fin de obsequiarnos cos agasallos que elaboraron para o Departamento de Servizos Socioculturais e á Comunidade. Moitas grazas amigas e amigos!

Trobadores no IES Chapela

Vídeo da confección e inauguración do Mural dos Trobadores no IES Chapela.

Día Internacional da Diversidade Funcional

  

Os Ciclos de Infantil e APSD, en horario diúrno e modular, reivindican o 3 de decembroDía Internacional da Diversidade Funcional, fotografándose colectivamente baixo o lema ESTAMOS CAPACITADAS/OS. Alumnado e profesorado súmase así á proposta feita pola Asociación ANDAINA de Redondela, para  persoas con necesidades especiais.

      

Cidades Amigas da Infancia

 

O 22 de novembro de 2017 o IES de Chapela a través da alumna Carme Castro Viaño, e dos alumnos Rubén García Oliveira e Pablo Pérez Melón, participou nun pleno celebrado en Redondela, presidido polo Sr. Alcalde do Municipio, dentro do programa Cidades Amigas da Infancia. Dito programa quere contribuír a mellorar as condicións de vida dos nenos, nenas e adolescentes, mediante a promoción e a implantación de políticas municipais eficaces que garantan o seu desenvolvemento integral cun enfoque de dereitos.

Outros centros como o CEIP Quintela, CEIP Igrexa, CEIP Alexandre Bóveda, CEIP Laredo, CEP Santa Mariña e institutos como o Illa de San Simón, participaron na xornada deste 22 de novembro. Son os primeiros pasos na elaboración dun futuro Plan da Infancia e Adolescencia que determinará as medidas prioritarias ou actuacións concretas que se porán en marcha os próximos anos.

O IES de Chapela, con Carme Castro como voceira, apostou por rexenerar espazos naturais e urbanos degradados, mellorar as instalacións deportivas e a comunicación dentro do Concello, facendo do lugar onde vivimos un espazo seguro, de convivencia, pensado para as súas cidadás e cidadáns.

Parabéns ao alumnado que nos representou e ao profesorado que apoiou a iniciativa.

Xabier Pérez Davila

 

 

 

Hoxe, 29 de setembro de 2017, despediuse do IES Chapela o noso compañeiro Xabier Pérez Davila. Xubílase despois dunha dilatada carreira profesional na docencia, da que durante moitos anos tivemos a gran sorte de escoitar, aprender e compartir. Fíxoo a pé de aula, abordado a traizón polo persoal non docente do instituto, o profesorado e o seu alumnado. Home de recursos como é, e difícil de intimidar, regalounos nunha improvisada aula na que se converteu o corredor da primeira planta do instituto, a súa última clase. Un discurso cheo de razóns, de emocións e de futuro, no que nos invitou a loitar e a ser felices. Coa súa lectura da Ítaca de Konstantino Kavafis e entre o aplauso de toda a comunidade educativa despedimos a Xabier. Grazas, grazas, grazas! Que o teu camiño sexa longo, compañeiro!

 
         Ítaca - Konstantino Kavafis  

Graduación XXIV Promoción - 4º ESO - 2017

     

O día 20 de xuño de 2017 celebramos na Aula de Conferencias do IES Chapela o remate da ESO da nosa XXIV Promoción. Foi un momento para compartir lembranzas entre o alumnado de 4º ESO, nais, pais e profesorado.

No mesmo puidemos visionar un pequeno audiovisual que por problemas de copyright coa música non podemos subir a plataformas como youtube ou vimeo. Deixámosvos un enlace máis abaixo para que poidades visionalo e descargalo desde a nosa páxina. Tamén, no zip adxunto, tedes unha foto do grupo, a orla da promoción, e dous momentos do acto conmemorativo.

Moita sorte a todas e a todos co que a partir de agora enfrontedes. Foi un pracer.

Visionar e/ou descargar o audiovisual (484 MB)

Descargar zip coas fotos (20 MB)

Distribuir contido