CS Educación Infantil

Xogos Populares 2024

Hoxe, venres 22 de marzo, puidemos gozar dunha nova edición dos Xogos Populares. Nesta actividade, que se desenvolve nas instalacións do CEIP Plurilingüe Alexandre Bóveda e do noso centro, participan conxuntamente alumnado de 6º de Primaria dos colexios adscritos (CEIP Plurilingüe Alexandre Bóveda, CEIP Plurilingüe Igrexa e CEIP de Laredo) e alumnado de 2º da ESO do IES de Chapela. A través dunha divertida xornada de xogos colectivos coordinados polo noso alumnado de 1º curso do ciclo superior de Educación Infantil, buscamos crear vínculos entre o presente e o futuro alumnado do IES, así como achegar a rapazada á parte máis lúdica da cultura tradicional galega. Unha xornada para recordar... bañada polo espléndido sol que luciu toda a mañá!

Pica na foto para acceder á galería.

 

 

Vestimenta e meteoroloxía

                
                 

O alumnado de 2º de Educación Infantil, dentro do programa Meteoescolas deste curso, realizou un traballo para relacionar a vestimenta infantil coa meteoroloxía. Rematouno con esta exposición que se pode ver no 1º andar do centro. Agradecemos a súa implicación.

Información sobre o Ciclo Superior de Educación Infantil

Na Biblioteca Pública Municipal Xela Arias

 O último día de febreiro, este martes pasado, foi un día diferente para o alumnado e a profesora do módulo de Desenvolvemento socioafectivo da quenda modular do ciclo de Educación Infantil no Chapela.

Achegámonos ata a Biblioteca Pública Municipal Xela Arias, no Multiusos de Chapela, para descubrir como se artella unha biblioteca por dentro, para comprobar se poderiamos levar no peto un, ou un cento de libros, e que libros! e aproveitamos tamén para facernos unha idea dos espazos e dos recursos que poderemos empregar cando, alá por abril ou principios de maio, voltemos con propostas para mergullarnos nos afectos, nos valores e na coeducación.

Abriunos a porta Mª José, a bibliotecaria, e contounos contos marabillosos, como o de Nariz de ouro, ademais de facernos ver que as bibliotecas de hoxe en día non son meras conserveiras de libros, senón que pousan a mirada nas persoas que, por curiosidade, ou por despiste, que haberá, deciden levar para casa un libro, ou dous, ou achéganse a consultar os xornais ou para atopar un recanto tranquilo para ler e gozar de abrir un libro que, durante un tempo, lles acompañe.

Gustounos tamén descubrir que temos a posibilidade de preguntarlles ás bibliotecas por fontes documentais ao respecto da temática que nos interese, e sempre obteremos resposta, tan só, temos que preguntar na ligazón do servizo: Pregunte: as bibliotecas responden.

Hai moito máis, malia que o mellor é que vos acheguedes ata alí e descubrades todas as posibilidades que achega unha das bibliotecas máis dinámicas do mundo (e non esaxeramos!).

O vindeiro martes, por poñer só un exemplo, poderemos disfrutar, dentro da Programación municipal do 8 de marzo, da magnífica Raquel Queizás, quen dá máis? Que máis poderiamos dicir? Grazas por estar! Por ser!

Pechamos a información abrindo unha porta a un dos libros que máis nos chamou a atención: El muro en mitad del libro, de Jon Agee, oxalá o publiquen en galego!

 

1º Educación Infantil co ARTELIXO

O grupo de 1º de Educación Infantil participou este ano novamente en Artelixo cun xogo de mesa adaptado con probas e preguntas sobre o coidado dos nosos montes. Está exposto na entrada ao Multiusos Piñeiral do Crego. Podedes pasar a coñecelo.

1º Educacion Infantil visita o Salón do Libro

O pasado luns, 14 de marzo de 20202, as alumnas de Educación Infantil visitaron o Salón do Libro, no Pazo da Cultura de Pontevedra. Encadrada a formación no módulo de Expresión e Comunicación, o alumnado puido gozar dunha visita guiada e de tempo suficiente para visitar a multitude de mostras das diferentes editoriais, asociacións e entidades que colaboran nesta edición. Neste senso, desfrutaron da riqueza educativa que se aglutina nesta iniciativa, engadindo á súa formación múltiples estratexias e recursos didácticos.

Análise dos parques infantís de Chapela - 1º Educación Infantil

   

No marco do módulo Desenvolvemento Cognitivo e Motor o alumnado do Ciclo de Educación Infantil visitou as instalacións do parque infantil María Miramontes (Piñeiral do Crego) e o parque infantil da Alameda Rosalía de Castro, ambos os dous pertencentes á parroquia de Chapela.

A actividade, levada a cabo o pasado 17 de febreiro, consistiu en realizar unha análise dos recursos presentes nos mesmos para comprobar que as súas características se adaptaban aos fitos evolutivos das crianzas en función da idade recomendada polos fabricantes.

A maiores, o alumnado confeccionou un rexistro fotográfico do estado de conservación parques, os seus recursos e os arredores, así como dos medios de seguridade existentes. A finalidade do mesmo foi verificar o cumprimento da normativa vixente, traballo encadrado no módulo O Xogo Infantil e a súa Metodoloxía.

Mayte Celeiro Mallo, responsable de CaixaProinfancia, no IES de Chapela

 

O pasado venres, día 4 de marzo, Mayte Celeiro achegouse ao IES Chapela para compartir co alumnado do 2º curso do CFGS en Educación Infantil o traballo en prevención e protección infantil.

A charla, encadrada no módulo de IFAM, xirou en torno a dous eixos diferenciados. Por unha banda, explicouse o traballo realizado dende CaixaProinfancia, onde Mayte é coordinadora, para combater o risco social das crianzas e as súas familias. Por outra banda, afondouse nas medidas de protección da infancia en desamparo, máis concretamente no traballo realizado por Arela nas Casas de Familia e tamén nos Centros de Atención de Día.

A maiores, o alumnado puido preguntar en torno ao perfil profesional, ao desgaste emocional das persoas traballadoras, ao traballo directo coas familias, entre outras moitas cuestións.

 

Obradoiro de locución oral - Educación Infantil

O luns 20 de decembro, o alumnado do 1º e 2º curso de Educación Infantil do IES Chapela desfrutou dun obradoiro de locución e narración oral impartido por Damián, da empresa Solo Voz. Esta actividade contribuíu a mellorar a expresión oral do alumnado e a perfeccionar a súa capacidade de empregar a voz como ferramenta fundamental do seu futuro desempeño profesional. 

Visita a FORESTA

O grupo de 2º de Educación Infantil visitou o espazo de aprendizaxe activo de Foresta, unha escola na natureza. Todas e todos percorrerron os espazos exteriores e interiores, xogaron cos materiais, fixeron preguntas e resolveron inquedanzas. Moitas grazas a Olga e a Noa por compartir connosco e acompañarnos nesta tarde de aprendizaxe!

Distribuir contido