Na Biblioteca Pública Municipal Xela Arias

 O último día de febreiro, este martes pasado, foi un día diferente para o alumnado e a profesora do módulo de Desenvolvemento socioafectivo da quenda modular do ciclo de Educación Infantil no Chapela.

Achegámonos ata a Biblioteca Pública Municipal Xela Arias, no Multiusos de Chapela, para descubrir como se artella unha biblioteca por dentro, para comprobar se poderiamos levar no peto un, ou un cento de libros, e que libros! e aproveitamos tamén para facernos unha idea dos espazos e dos recursos que poderemos empregar cando, alá por abril ou principios de maio, voltemos con propostas para mergullarnos nos afectos, nos valores e na coeducación.

Abriunos a porta Mª José, a bibliotecaria, e contounos contos marabillosos, como o de Nariz de ouro, ademais de facernos ver que as bibliotecas de hoxe en día non son meras conserveiras de libros, senón que pousan a mirada nas persoas que, por curiosidade, ou por despiste, que haberá, deciden levar para casa un libro, ou dous, ou achéganse a consultar os xornais ou para atopar un recanto tranquilo para ler e gozar de abrir un libro que, durante un tempo, lles acompañe.

Gustounos tamén descubrir que temos a posibilidade de preguntarlles ás bibliotecas por fontes documentais ao respecto da temática que nos interese, e sempre obteremos resposta, tan só, temos que preguntar na ligazón do servizo: Pregunte: as bibliotecas responden.

Hai moito máis, malia que o mellor é que vos acheguedes ata alí e descubrades todas as posibilidades que achega unha das bibliotecas máis dinámicas do mundo (e non esaxeramos!).

O vindeiro martes, por poñer só un exemplo, poderemos disfrutar, dentro da Programación municipal do 8 de marzo, da magnífica Raquel Queizás, quen dá máis? Que máis poderiamos dicir? Grazas por estar! Por ser!

Pechamos a información abrindo unha porta a un dos libros que máis nos chamou a atención: El muro en mitad del libro, de Jon Agee, oxalá o publiquen en galego!