Escoitar, Aprender e Compartir

Benvida

 
EnderezoCamiño do Penisal, 29 - 36320 Chapela (Redondela)
Tfno.: 886 110 610  //  Fax: 886 110 623
e-mail: ies.chapela@edu.xunta.gal
Código de Centro: 36019566

Despedida de Avelino

Hoxe, 20 de maio, despedímonos con moita gratitude e cariño do noso compañeiro Avelino Seoane Arjones, que deixa o centro tras máis de dous anos e medio de traballo incansable como conserxe. Durante este tempo, foi unha peza fundamental do noso instituto, sempre disposto a axudar e a facer que todo funcionase o mellor posible. A súa dedicación e a súa amabilidade deixan unha pegada profunda en nós.

Grazas polo teu labor, Avelino! Botaremos de menos a túa presenza diaria. Agardamos que esta nova etapa que comezas fóra do noso centro estea para ti chea de momentos tan fermosos como os que ti nos regalaches no IES de Chapela!   

10º TORNEO INTERESCOLAR CLUB BALONCESTO REDONDELA

ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR! PODEDES ENVIAR A FICHA AO CORREO QUE INDICA OU ENTREGARLLO AOS PROFES DE EF O LUNS 20!

FICHA INSCRIPCIÓN

CARTA PAIS AUTORIZACIÓN

Día da Nakba

Este 15 de maio, día da Nakba, docentes do IES de Chapela sacan a kufiya en solidariedade co pobo palestino.

Torneo intercentros de xadrez de Redondela - 24 de maio

Acreditación de competencia dixital para o alumnado de FP

O alumnado de 2º curso de ciclos medios do réxime ordinario, así como o alumnado de ciclos medios do réxime de persoas adultas que titulase ou titule durante este curso 2023-24, pode solicitar inscribirse ás probas de competencia dixital.

O alumnado interesado que reúna os requisitos indicados deberá cubrir esta solicitude (marcando a opción de inscrición na Área 4 do nivel intermedio e, no caso de menores de idade, incluíndo a autorización da nai / pai / persoa titora legal que figura no impreso) e presentala na secretaría do centro ou en xefatura de estudos ata o 22 de maio ás 13:00 horas.

Tedes toda a información da convocatoria nesta ligazón e un resumo da información aquí.

Nunca mandadas: inauguración do mural dedicado a Yolanda Castaño

O 8 de maio a premio nacional de poesía Yolanda Castaño visitou o IES de Chapela para asistir á inauguración dun mural inspirado na súa obra, realizado polas alumnas Celia Santamariña, Tea Escribano, Iris Cordeiro, Sara Cordeiro e polo alumno Eiden Rodríguez baixo o deseño e dirección da profesora en prácticas María Pereira. Tamén realizamos un recitado colectivo do poema "Modas Lolita Rivas" por parte dunha representación do alumnado, profesorado e persoal non docente. Moitas grazas por facer posible esta xornada histórica.

Pica na imaxe para acceder á galería ou preme nesta ligazón para acceder ao vídeo do acto.

 

 

Visita da escritora Sonia Mirón

O martes 7 de maio, da man do Dpto. de Lingua castelá, visitounos a escritora Sonia Mirón para falar ao alumnado de 4° ESO do seu proceso creativo e das súas novelas. Un pracer contar con ela.

Conversa con Natalia, nai de día

Hai uns días, desde os ciclos de Integración social e Educación infantil, tivemos a oportunidade de conversar con Natalia Gómez Bayón arredor das familias acolledoras, como nai de acollida que é.

Ao tempo, visibilizounos que o acollemento segue a ser un asunto pendente e urxente. Falounos tamén do labor da Asociación de familias acolledoras de Galicia (Acougo), que enlazando vidas, acompaña todo o proceso, con programas de apoio a crianzas e adolescentes (encontros entre irmás e irmáns, ocio positivo entre iguais, apoio educativo, fins de semana de respiro, campamento de verán…), programas de apoio ás familias e programas de difusión e sensibilización arredor da necesidade de priorizar o acollemento fronte outras medidas, espallando a cultura do acollemento.

Respondeu a innumerábeis preguntas e achegounos a súa experiencia ao respecto das circunstancias que xiran arredor do acollemento: emocións, decisións, necesidades a cubrir, despedidas, reencontros, continuidade, rupturas, posibilidades…

Deixounos claro que hai que reivindicar a acollida fronte ao internamento nos centros, nos que se esvaece a posibilidade de medrar sentíndose parte dunha familia, pois como sentirse parte da sociedade sen antes ser parte da túa familia?

A clave?

Ter claro que hai que moverse no círculo da influencia, o que podemos facer, e non no da preocupación, o que non está nas nosas mans.

En realidade, as aprendizaxes que Natalia nos achegou son para a vida, non só para o acollemento.

Son precisas máis nais e pais de acollida en Galicia e a través de Acougo hai programas que exploran as posibilidades de acollida: ao longo do curso, en fins de semana, acollida temporal ou tamén, permanente se fose o caso.

É posible tamén participar da cultura do acollemento formando parte do voluntariado de Acougo, por se te animas!

Moitas grazas, Natalia, por abrirnos a porta á acollida e convidarnos a reflexionar arredor do que significa acoller!

Olimpíada Matemática

O pasado 25 de abril, Xiana, Nora, Irene, Ania, Yeray, Iago, Pau e Breixo participaron na Olimpíada Matemática de 2º ESO organizada por Agapema e celebrada no IES Castelao de Vigo.

Distribuir contido