CS Guía, información e asistencia turísticas

Visita guiada para coñecer Monforte o alumnado de Turismo

Ao comezar o curso 2017/18 o alumnado e profesorado do  Ciclo de Guía, información e asistencia turísticas quixemos facer unha primeira aproximación aos principais recursos monumentais de Monforte de Lemos.

Na  visita guiada pola cidade percorremos o Conxunto Monumental de San Vicente,  visitamos a zona de ámbito xudeu , a Ponte Vella e o edificio de Nosa Señora da Antiga.

O alumnado do CS de Turismo na presentación do libro "A Ribeira Sacra - Guía Práctica"

O xoves, 5 de outubro, no Centro do Viño da Ribeira Sacra, asistimos á presentación do libro “A Ribeira Sacra. Guía práctica” de Manuel Garrido.

O evento contou coa participación de  José Tomé, alcalde de Monforte; José Manuel Balseiro, Delegado da Xunta de Galicia; Luís Guitián, Presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra; Felipe Aira, historiador; Manuel Garrido, autor e Manuel Bragado, Director de Xerais.

No acto o autor reinvidicou os praceres que proporciona visitar a Ribeira Sacra: mosteiros románicos, silencio, viticultura heroica, paisaxes, canóns, soutos, gastronomía,…

O Concello de Monforte convoca unha praza de Técnico Superior en Turismo

Comeza o prazo para presentar solicitudes para unha praza de persoal laboral temporal que pode resultar de interese do alumnado que teña cursado o Ciclo Superior de Turismo no noso centro.

As bases da convocatoria están colgadas na web municipal:

Para calquera dúbida os aspirantes poden chamar o 982402501.

Asistimos ao III Encontro do Clúster de Turismo de Galicia

O xoves, 27 de abril, o alumnado e o profesorado do ciclo de Guías, información e asistencia turísticas viaxamos a Ourense para asistir ao III Encontro do Clúster de Turismo de Galicia.

Tras a aprobación da nova Estratexia de Turismo de Galicia 2020, que marca a folla de ruta do sector para os próximos catro anos, o Encontro pretendía dar unha visión de conxunto das tendencias e trazar a orientación do futuro do sector.

Resultou unha boa experiencia, que nos permitiu afondar no coñecemento de Galicia como destino turístico, sensibilizarnos coa importancia de consolidar destinos turísticos sostibles ademais de poder interaccionar con profesionais de referencia do sector.

O alumnado do CS de Turismo en Pantón

Este curso, o grupo do Ciclo Superior de Turismo, tivemos o privilexio de repetir visita por Pantón coa historiadora local, Flora Enríquez. Nesta ocasión visitamos o Mosteiro do Divino Salvador e a igrexa de San Fiz de Cangas.

O primeiro, popularmente coñecido como “Monasterio de las Madres Bernardas”, é o único mosteiro cisterciense femenino que mantén actividade en Galicia.

Na  igrexa de San Fiz de Cangas, que formou parte dun mosteiro de monxas beneditinas, apreciamos un interesante exemplo de arquitectura románica do século XII con elementos de transición.

Agradecémoslle a Flora a súa sempre boa disposición á hora de compartir coñecementos e entusiasmo polo patrimonio da zona.

A nosa compañeira Alba puxo a guinda da visita agasallándonos cun estupendo pic-nic. Graciñas, Alba.

Presentación dos proxectos de emprendemento empresarial

O martes, 14 de marzo, o alumnado e profesorado do ciclo de Turismo desplazouse ao Centro do Viño para asistir á presentación dos proxectos de emprendemento empresarial resultado do coworking IGAPE-EOI levado a cabo durante cinco meses no centro Expolemos.

Ao finalizar o acto os alumnos e alumnas do ciclo superior de Guía, información e asistencia turística tiveron a ocasión de departir co alcalde de Monforte, José Tome e co Conselleiro de Economía e Industría, Francisco Conde, sobre a importancia da posta en marcha de empresas que axuden a fixar poboación no rural.

 

Visita do alumnado do CS de Turismo á Escola de Hostalería de Rosende

O luns, 30 de xaneiro, o grupo do Ciclo de Turismo desplazouse á Escola de Hostalería Belarmino Fernández Iglesias para degustar o xantar elaborado polo alumnado de dito Centro e, posteriormente, asistir á charla impartida polos docentes da Escola sobre protocolo da mesa.

O protocolo e a organización de actos sociais, tipos de mesas e protocolo a seguir segundo o tipo de acto, prácticas de montaxes de mesas e o seu axeitado servizo foron algún dos temas tratados nesta interesante xornada.

Presentación do libro "Monasterios del Sil"

O grupo do Ciclo de Guías, información e asistencia turísticas e varios profesores do Centro estivemos, o día 27 de xaneiro, no salón de actos do Centro do Viño na presentación do libro, “Monasterios del Sil”, obra de nosa compañeira, Mª Elena López Álvarez.

O alumnado do CS de Turismo no IV Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais

O venres, 16 de decembro, o alumnado do ciclo de Guía, información e asistencia turísticas viaxou  a Lugo para asistir ao IV Congreso de Cultura Digital y Redes Sociales #INLUGO16 organizado pola  Deputación.

O evento consistía en varias presentacións e paneis de debate sobre os cambios de hábitos, actitudes, formas de comunicación e estilos de vida que produce a Rede en diferentes sectores da nosa sociedade, con especial atención aos sectores estratéxicos da provincia de Lugo.

A seguinte instantánea corresponde á  conferencia inaugural “Instagram, la revolución social fotográfica”. A cargo de Phil González, fundador da rede  mundial de Instagramers e director dixital da productora Amc Networks International para España e Latinoamérica.

Visita ao Pazo de Tor do alumnado co C.S. de Turismo

Para rematar ben o mes de novembro decidimos ir a visitar o Pazo de Tor.
Alí estaban Susana e Paula, alumnas en prácticas do noso Ciclo de Guía, información e asistencia turísticas, esperando por nós para guiarnos por tan importante mostra da arquitectura pacega galega.
Percorremos as diferentes salas ambientadas co mobiliario orixinal e coas coleccións artísticas que a familia foi atesourando ao longo dos séculos, o tempo que desfrutábamos da información e asistencia que nos proporcionaron as nosas compañeiras.
¡Unha estupenda visita! Grazas, Paula. Grazas, Susana.

Distribuir contido