CS Guía, información e asistencia turísticas

Visita ao Pazo de Tor do alumnado co C.S. de Turismo

Para rematar ben o mes de novembro decidimos ir a visitar o Pazo de Tor.
Alí estaban Susana e Paula, alumnas en prácticas do noso Ciclo de Guía, información e asistencia turísticas, esperando por nós para guiarnos por tan importante mostra da arquitectura pacega galega.
Percorremos as diferentes salas ambientadas co mobiliario orixinal e coas coleccións artísticas que a familia foi atesourando ao longo dos séculos, o tempo que desfrutábamos da información e asistencia que nos proporcionaron as nosas compañeiras.
¡Unha estupenda visita! Grazas, Paula. Grazas, Susana.

Saída educativa do alumnado do CS de Turismo

Este martes, oito de outubro, o alumnado do CS de Guía, Información e Asistencia Turísticas estivo de visita no Centro de Interpretación do Viño da Ribeira Sacra, a Oficina de Información Turística e en Nosa Señora da Antiga, claustro, escaleiras e pinacoteca.

No espazo museístico realizaron unha viaxe polo patrimonio artístico, histórico e natural da Ribeira Sacra, rematando cunha cata de viños.

Nos Escolapios tiveron a sorte de contar cunha guía xenial, Noelia López Pereiras, alumna en prácticas do noso Centro. Documentada, amena, boa comunicadora,... o dito, xenial.

O alumnado do CS de Turismo coñecendo o Camiño de Inverno

A asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra organizou un ciclo de conferencias que rematou o venres, 21 de outubro, coa intervención do historiador Javier Raposo.

A charla, na que participou o alumnado do Ciclo Superior de Guía, información e asistencia turística, versou sobre "El Camino de Invierno: valoración, patrimonio artístico y retos de futuro".

Curso Formativo "10 anos tecendo redes"

As alumnas e os alumnos do CS de Guía, información e asistencia turística participaron no curso formativo: "10 anos tecendo redes. Menús para visitar museos dunha forma lúdica, creativa e participativa".

O curso, convocado a través da Rede Museística Provincial, foi impartido por Patricia Torres, prestixiosa educadora en museos, e Encarna Lago, xerente da Rede.

A interesante experiencia desenvolveuse no Museo Pazo de Tor e no Museo Fortaleza San Paio de Narla.

O grupo agradécelle a Encarna Lago a posibilidade de asistir, xunto co persoal da Rede Museística, a tan enriquecedor e apaxionante curso.

 

O Concello de Monforte convoca unha praza de Técnico Superior en Turismo

Hoxe comeza o prazo para presentar solicitudes para unha praza de persoal laboral temporal que pode resultar de interese do alumnado que teña cursado o Ciclo Superior de Turismo no noso centro.

As bases da convocatoria están colgadas na web municipal e o prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro luns 18 de xullo:

http://www.monfortedelemos.es/recursos/perfil/BASES_TURISMO.pdf

Para calquera dubida os aspirantes poden chamar o 982402501.

 

VISITA A BETANZOS-PAZO DE MARIÑÁN-FERROL.

O Luns 6 de xuño, o alumnado do Ciclo Superior de Guía, Información e Asistencia Turística, viaxamos ás terras das Mariñas, para coñecermos Betanzos.

Acompañados pola guía oficial do Concello de Betanzos, Helena, desfrutamos da beleza e patrimonio da Cidade dos Cabaleiros, e do cariño das suas xentes. E non esquecemos probar a famosa tortilla.

Logo, visitamos o Pazo de Mariñán, en Bergondo, antiga casa fidalga que acolle nos seus muros, eventos, conferencias e actos oficiais da Deputación da Coruña, no que destacan as súas maravillosas obras de arte nun entorno natural privilexiado.

Para rematarmos fixemos unha ruta pola costa da ría de Ares e Betanzos co fin de achegarmonos á cidade de Ferrol, e percorrer o barrio da Magdalena coas súas rúas comerciais de edificios modernistas.

Unha excursión moi agradábel como despedida da Materia de Marketing turístico.

Excursión a Gundivós e a Adegas Guímaro

O xoves catorce de Abril de 2016, o Ciclo Superior de guía, información e asistencia turísticas estivemos de visita polo Concello de Sober.

Asistimos a unha magnífica charla por parte de Pedro Rodríguez, propietario da Adega Guímaro, sobre os segredos e virtudes dos viños da Ribeira Sacra; ademais obsequiounos coa cata dos caldos que con tanto esmero elaboran.

Rematamos a visita a Sober na Reitoral de Gundivós, da man de Elías González, un dos derradeiros oleiros da comarca, que nos ensinou a rehabilitación do edificio do século XVIII, mentres nos falaba das potencialidades do mundo rural e artesán. Agasallounos ao fin coa elaboración dunha peza cerámica, dende o torno ao afumado, até dar a capa de pez; co que aprendimos as características únicas desta nosa cerámica.

Ruta do románico por Pantón

Nesta saída os alumnos e alumnas do ciclo superior de guía, información e asistencia turísticas percorremos algunas das xoias do románico de Pantón como o Mosteiro de San Salvador de Ferreira e a igrexa de San Miguel de Eiré.

A visita foi guiada pola historiadora Flora Enríquez, que foi quen de transmitirnos a súa paixón polo patrimonio da zona. E, para rematar, a nosa compañeira Alba agasallounos cun picnic sorpresa.

¡Repetiremos!

XIV Feira Medieval de Monforte

O alumnado do Ciclo Superior de Guía, Información e Asistencia Turísticas participou na XIV Feira Medieval de Monforte, fixeron a montaxe e, grazas ao Concello de Monforte de Lemos, traballaron no stand de información da feira, ao que se achegaron moitos dos visitantes para coñecer os lugares, as actividades e as casetas da Feira Medieval. Unha experiencia divertida e práctica para a materia de "Marketing turístico". Ademais a alumna Nahir González foi premiada co 2º lugar no concurso individual de persoas adultas. Facendo click na imaxe accédese a unha pequena galería de fotos da actividade:

Distribuir contido