Printemps à Paris

29 de marzo. A expedición a París acaba de chegar a Chapela. Todas e todos sans e a salvo. Moitos parabéns a Ángeles e a Teresa polo seu traballo!
     
28 de marzo. Isto acábase, pero a loita continúa. Estación de Saint-Lazare, Galeries Lafayette, Montmartre, Place de la République... Ata houbo tempo para pasarse polo Moulin Rouge e achegarse á Opéra National. En medio de todo, un feito insólito recollido polas nosas reporteiras gráficas, alumnado folleando un libro sen estar obrigado. Todo un síntoma de que comeza a chegar a morriña polo instituto e as gañas de estudar. Non se fale máis, mañá de volta á terra. Esperámosvos!
     
27 de marzo. Isto é un non parar. Musée du Louvre, Cathédrale Notre-Dame, Jardin du Luxembourg, Centre Pompidou… Aí os tedes posando en Notre-Dame, e iso que en Chapela non pisan unha igrexa nin para dar os bos días. As profes son fotografadas diante de Scène des massacres de Scio de Delacroix, no Louvre, e comentan que o grupo está afrancesado. Non hai máis que ver a escena co acordeonista na que Ainara e Adrián lucen xa as típicas boinas parisinas. Vaia pintas! Non deixa de ser irónico que mentres a cidade de Vigo se prepara estes días para celebrar a reconquista e a expulsión dos franceses, os de Chapela tomen París. Aux armes, citoyens!   
     
26 de marzo. Mentres Merkel, Juncker e Macron, negociaban con Xi Jinping en París as condicións comerciais co xigante asiático chinés, o alumnado de Chapela sorteaba os duros controis policiais e as esixentes restricións de circulación para visitar o Arc de Triomphe ou o Musée d'Orsay, no que Teresa se fotografou diante da La Danse au Moulin Rouge de Toulouse -Lautrec. A Ángeles e ao noso alumnado moloulles máis o rinoceronte de Jacquemart que había á entrada e alí quedaron. Aínda houbo tempo de realizar un paseo en barco e ir visitar a tumba dun tal Napoleón, no Hôtel des Invalides. Iso de sorrir diante dunha sepultura non volo ensinamos no IES de Chapela.
     
25 de marzo. Os de Chapela continúan o seu paso triunfante por Paris. Fatigados, pero como nos conta Teresa desde a capital francesa "París ben vale un cansazo". Aí están coa Torre Eiffel de fondo a onde chegaron logo de coller un transporte chamado metro, seica alí non teñen Vitrasa. Non confundades a Anxo cun dos "chalecos marelos" que saen estes días nos telexornais, el leva "chupa marela", sen máis connotacións. Seguiremos informando.    
     
 
Chegada. A expedición do IES Chapela, comandada por Ángeles Alemparte e Teresa Da Cuña, aterrou hoxe 25 de marzo de xeito exitoso no aeroporto de Orly. Pola tarde tiñan previsto achegarse a Torre Eiffel, un dos monumentos máis fermosos e coñecidos do mundo despois da Ponte de Rande. Aí os tedes, ilusionados e dispostos a poñer en acción todos os seus coñecementos da lingua de Molière. Pasádeo ben!