Obradoiro de teatro en colaboración coa asociación Xaruma: retrospectiva de outubro a decembro

                    

O alumnado do ciclo de Atención a Persoas en Situación de Dependencia (horario 2) do réxime de persoas adultas está a desenvolver este curso un obradoiro de teatro inclusivo en colaboración coa asociación Xaruma, centrada no traballo en prol da integración das persoas con trastornos mentais. Neste obradoiro, que se leva a cabo cada dous luns no auditorio do multiusos Piñeiral do Crego, está a participar alumnado e profesorado do ciclo, persoas usuarias e profesionais de Xaruma, e profesorado e alumnado da ESAD (Escola Superior de Arte Dramática).

O obradoiro inscríbese no proxecto de aprendizaxe “En compañía”, co que perseguimos que o alumnado se achegue aos colectivos de intervención a través do contacto directo con persoas reais do noso contorno pertencentes a estes colectivos, dándolles voz e protagonismo para coñecermos as súas características e necesidades a partir dos seus propios testemuños e experiencias.

Ao longo destas primeiras sesións do obradoiro puidemos tomar contacto coas outras persoas participantes, desinhibirnos pouco a pouco, apropiarnos do espazo, iniciarnos nalgunhas técnicas de teatro-imaxe e reflexionar sobre o que cada unha de nós podemos aportar no que esperamos que culmine cunha pequena peza teatral de creación colectiva. E agora somos xa todas e todos un só grupo ao que decidimos denominar Xanela (de Xaruma + Chapela).

Volveremos en xaneiro con moitas ganas de seguir dándolle forma a esta iniciativa de arte comunitaria. Moitas grazas a todas e todos os que estades a facer posible esta aventura!