Skip to Content

CROSS 2020

Un ano máis o alumnado de 1º e 2º da ESO do noso centro participou na proba de Cross, celebrada en Caritel, xunto cos compañeiros dos I.E.S. de Pontecaldelas e Forcarei.

Esta proba desenvólvese dentro do programa XOGADE sendo a antesala das probas polideportivas a realizar no mes de abril.

Parabéns a todo o alumnado participante, a Salvador Rodríguez pola súa implicación e a José Luis Murio pola iniciativa e coordinación.

Felices festas!

Obradoiros de Nadal 2019.

 

Como xa é tradición no I.E.S. de Cotobade, para despedir o ano, o noso alumnado participou en 9 obradoiros simultáneos dirixidos polo profesorado do Centro.

Os 105 estudantes apuntados previamente en dous talleres da súa elección, foron rotando para gozar e aprender das diversas actividades ofertadas: drons con José Luis Murio e Salvador Rodríguez, rap con Víctor Álvarez, teatro con Xosé Carlos Morgade, decoración de nadal con Victoria Carrera, modelaxe con Beatriz Pérez, ciencia con Laura Pérez e Marisa Vidal, pulseiras con Charo Pérez e Luisa Cousillas, lóxica con Julita Gómez, e deseño 3D con Mario Rey.

Un final de trimestre merecido que rematou nun ambiente integrador e socializador por medio de actividades lúdico-educativas.

Podedes visionar o vídeo no seguinte enlace:

https://www.youtube.com/watch?v=zyHNNMt2vWQ

Acto de presentación do grupo de Mediación do I.E.S. de Cotobade

O pasado Xoves 29 de Decembro, María Rosario Pérez Espiña e Salvador Rodríguez Villaverde do departamento de Orientación do I.E.S. de Cotobade xunto co Educador Social do Concello de Cerdedo-Cotobade, Xosé Lois Díaz Fernández presentaron o grupo de mediación do I.E.S de Cotobade composto por 12 alumnos e alumnas de diversos cursos e proxectaron a toda a Comunidade Educativa un vídeo que recolle o traballo de formación de mediadores e mediadoras desenvolvido o curso pasado, baixo a dirección de Xosé Lois Díaz.

O acto contou coa presenza do Alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela.

https://www.farodevigo.es/portada-pontevedra/2019/12/24/ies-cotobade-crea-grupo-mediacion/2222307.html

Navegando polo Universo no I.E.S. de Cotobade.

No interior dun moderno planetario móbil empregando unha metodoloxía interactiva e práctica adaptada a diferentes niveis escolares, o noso alumnado de 1ºE.S.O. experimentou unha viaxe no espazo e no tempo, que os levou a descubrir - entre outras materias - o Universo e as galaxias ou o movemento das estrelas, os planetas e os satélites máis importantes que integran o noso Sistema Solar. Aprenderon a orientarse observando o ceo nocturno e coñeceron os mitos e lendas que as civilizacións clásicas atribuíron ás principais constelacións e como situalas na bóveda celeste.

O planetario recreou con total precisión o ceo nocturno desde calquera lugar da Terra e a visión do Universo desde calquera lugar do espazo, mostrando as posicións exactas dos elementos que o integran en calquera momento presente, pasado ou futuro.

Parabéns á xefa do Departamento de Bioloxía do I.E.S de Cotobade, Laura Pérez Codesido, pola súa iniciativa.

Obradoiro Inclusivo. Customización de paraugas coa Asociación Xoán XXIII.

Un ano máis, o I.E.S de Cotobade únese a campaña Baixo o mesmo paraugas.

Este xoves 28 de novembro, o I.E.S de Cotobade recibiu aos compañeiros e compañeiras da Asociación Xoán XXIII cos que leva desenvolvido diversas actividades de inclusión, deportivas e artísticas, desde o pasado curso.

Nesta ocasión , tocoulles aos máis pequenos e 35 estudantes de 1ºE-S.O foron o foco da campaña de concienciación sobre a dis-capacidade que os usuarios da Asociación levan realizando este mes en diversos Centros Educativos de Pontevedra.

Con soporte dixital transmitiron o seu día a día, o seu sentir, os seus deberes e dereitos así como as súas reivindicacións. Nun contexto participativo invitaron ao noso alumnado a reflexionar sobre o seu papel e responsabilidade como cidadáns na constitución dunha sociedade equitativa, inclusiva, empática e solidaria.

Nunha segunda parte, participaron todos xuntos en dous talleres de customización de paraugas, dirixidos por Beatriz Pérez, profesora de plástica e Carina Vales, coordinadora da actividade e contaron coa participación e implicación de Victoria Carrera, coordinadora da Biblioteca Rosario Pérez, xefa do departamento de Orientación e Patricia García, coordinadora do Club de Lectura. Os paraugas personalizados representarán aos dous Centros este martes 3 de decembro na Praza da Ferrería de Pontevedra, no Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Cada paraugas dará conta dunha xuntanza, dun proceso máis que dun produto onde primou a interacción, os sorrisos, os xestos de amizade e complicidade que foron crecendo ao longo da mañá e aos que queremos dar continuidade e preservar ao longo do ano.

O alumnado de 1ºE.S.O foi testemuña do reencontro do alumnado de Xoán XXIII cos nosos estudantes de 2ºE.S.O no que non faltaron emotivos abrazos, indicio dunha bonita relación de amizade que se mantén desde o curso pasado.

Rematouse a mañá cunha sesión fotográfica no photocall personalizado na Biblioteca Nélida Piñón do I.E.S, un espazo de inclusión, igualdade, equidade e diversidade como pretende ser no seu conxunto este Centro educativo.

 

25N. Contra as violencias, Educación!

Na semana do 18 ao 20 de novembro desenvolvemos no noso Centro unha serie de actividades de sensibilización para a igualdade insistindo na detección e prevención da violencia de xénero en calquera dos ámbitos.

En todos os cursos visionaron a película Quero ser como Beckham de Gurinder Chadha sobre a que traballaron e reflexionaron nas titorías.

O pasado luns 25 de novembro, dirixido por Marisa Vidal Collazo o alumnado de 4º E.S.O puxo en escena a Historia de Pepa e Pepe, nunha adaptación en galego do conto orixinal da socióloga cordobesa Carmen Ruíz Repullo. O relato de Carme baséase no seu traballo con adolescentes en obradoiros sobre violencia de xénero aos que intenta axudar a detectar posibles situacións de maltrato ao verse reflectidos nelas. Podedes ver a Carme relatando o conto no seguinte enlace:

https://www.youtube.com/watch?v=IpaabDdQNO8

Para pechar a dramatización, dez estudantes de 4ºE.S.O leron e amosaron cada un o seu cartel lila no que se reflectía o número de vítimas (mulleres, fillos e fillas, familiares,...) que a violencia de xénero deixou no estado español desde o ano 2010 ata hoxe.

Por outra banda, elaborouse unha pancarta co lema “EN NEGRO CONTRA AS VIOLENCIAS” e tras ela toda a comunidade educativa, erguendo os 10 carteis das vítimas, saíu en manifestación ata a estrada para gardar alí un minuto de silencio. O alumnado de 4ºE.S.O acompañado do profesorado subiu á pasarela para obter un maior alcance e darlle visibilidade a súa reivindicación, e rematouse o acto colgando a pancarta na cancela do instituto.

A Historia de Pepa e Pepe dou moito que falar no noso Centro. Nas titorías cada curso seguiu reflexionando sobre a violencia de xénero, de como avanza sen que a muller que a sofre se dea conta, de como rompe as amizades e illa ás mulleres e tamén do que temos que facer nós, as amigas e amigos que estamos ao redor para freala. Insistimos na empatía, en poñerse na pel dos demais e de non dar as costas a quen se afasta das amizades por un mozo, por unha moza, e estar atentos para detectar a toxicidade nas relacións propias e de quen temos ao lado. Apostamos por unha educación na igualdade e no respecto  para aprender a poñer límites e a dicir non, para non deixar de ser un/ unha mesmo/a aínda que esteamos namorado/a e non afastarse das amizades que nos apoian.

Contra as violencias, educación!

20N. Día Mundial da Infancia.

No día de hoxe alumnado de 2ºE.S.O reflectiu nun mural os Dereitos dos nenos e nenas, para difundilos e recordalos no día Internacional dos Dereitos da Infancia. A actividade foi dirixida por MªLuisa Cousillas, profesora de Valores Éticos de 2ºE.S.O e coordinadora de actividades complementarias e extraescolares.

Ao longo da semana realizaron actividades para coñecer os dereitos das nenos/*as, reflexionaron sobre as actitudes que se viven a diario na escola, na casa e contorna social. Debateron sobre cada dereito e o deber que conleva, aprendendo a velar polo seu cumprimento.

Exposición : Animais en perigo de extinción na Península Ibérica.

O alumnado de 1º E.S.O, nas materias de Bioloxía e Xeoloxía bilingüe e non bilingüe, presentaron unha exposición dirixida polas profesoras Laura Pérez Codesido e Marisa Vidal Collazo sobre os animais vertebrados da nosa contorna en perigo de extinción.

O alumnado elaborou de forma individual unha  ficha cos datos científicos, hábitat e características de distintos mamíferos, peixes, anfibios, réptiles e aves en galego e en inglés. Estas fichas forman parte do mural da exposición, participando así os máis pequenos na concienciación da conservación das especies na nosa Península."

Taller de ecopercusión con Didier Díaz e alumnado de 2ºESO.

O pasado martes 5 de Novembro o alumnado de 2º da ESO participou nunha entretida e didáctica actividade musical, gozando dun taller de ecopercusión impartido polo percusionista Didier Diaz. Aprenderon a tocar ritmos con material de refugallo. Paso a paso, con moita maña e entusiasmo, Didier conseguiu que o grupiño tocara coma unha banda musical  e o resultado foi o descubrimento de 30 magníficos e novos percusionistas. Parabéns a Didier que participa con nos por segundo ano e á profesora de música Elena Villar pola iniciativa e por suposto a todos os participantes e ós que fan posible e fomentan estes encontros e ensinanzas das artes. 

Distribuir contido


by Dr. Radut