Skip to Content

Je vole, Carla Túñez e Eva Villar. 1ESO B

Carla Túñez, Carina Vales e Eva Villar

Alumnado do IES de Cotobade limpa o Roteiro do Foxo do Lobo en memoria de Antonio Fraguas.

Alumnado de 3ºESO e 4ºESO do IES de Cotobade Integrante da actividade no Roteiro

do Foxo do Lobo co alcalde Jorge Cubela e o director do IES de Cotobade, José Luis Murio.

 

Petición de man en Cotobade. Teatro.

Petición de man en Cotobade, unha adaptación en galego da obra teatral de Chéjoz, foi escrita e dirixida polo profesor Xosé Carlos Morgade, coordinador do EDNL.

A obra enmárcase nun conxunto de actuacións desenvolvidas o pasado martes 4 de Xuño, no segundo festival das Letras Galegas 2019.

A obra protagonizada por tres alumnos de 4ºESO, Norberto Noya (Don Cesáreo), Antía Salgueiro (Dona Sabela) e Rubén Santamarina (pai) foi representada para todo o noso alumnado, pais e familiares.

A gravación e montaxe de vídeo foi realizada pola profesora Carina Vales e vestiario e maquillaxe a cargo da profesora Beatriz Pérez, coordinadora de actividades e profesora de EPV.

O alumnado do IES de Cotobade loita pola lingua galega

O IES de Cotobade finalista no Primeiro Certame Internacional de posdcast Xosé Mosquera

 

O pasado 28 de Maio, o alumnado participante na gravación do podcast Antonio Fraguas e os seus mestres, xunto cos compañeiros que ilustraron o libreto (audiolibro) e o audiovisual do mesmo nome, recolleron no Museo do pobo galego en Compostela o premio de finalista.

 

Aproveitando a viaxe percorreron as rúas compostelás acompañados tres profesores do EDNL, María Xosé Balo, xefa do departamento de lingua galega, Xosé Carlos Morgade, coordinador do EDNL e profesor de historia e Beatriz Pérez, dinamizadora de actividades e profesora de E.P.V.

 

Parabéns ao alumnado participante polo seu traballo e ao profesorado responsable da actividade pola súa dedicación, Xosé Carlos Morgade Martínez (texto e guión), Beatriz Pérez Espiña (ilustracións e dirección artística), Carina Vales Rey (ensaios, gravación e montaxe).

 

Histórico acto celebrado no IES de Cotobade. Letras Galegas 2019


Na mañá do sábado 11 de maio, e dentro do programa de actividades que está a desenvolver o noso centro con motivo da celebración do día das Letras Galegas, dedicado este ano a Antonio Fraguas Fraguas, persoeiro nado no noso concello, o IES de Cotobade celebrou un acto que queremos resumir achegando a nota de prensa que o profesor de Xeografía e Historia do centro, Xosé Carlos Morgade Martínez, redactou para os medios de comunicación.

Ligazón á nota de prensa publicada polo Faro de Vigo

Fina Casalderrey no Acto do IES de Cotobade. Retrato Antonio Fraguas de Beatriz Pérez Espiña. 

Durante a celebración é de destacar a posta en escena e a interpretación da Historia de Florentina historia real acontecida en Loureiro e que, ó parecer, o pai de Antonio Fraguas contoulle un día a Castelao o que fixo que este incorporara, anos máis tarde, a historia e unha dedicatoria no seu segundo libro de Cousas. A posta en escena baseouse nas  acuarelas pintadas pola alumna Helen Gamallo Cuena, que ían ilustrando e acompañando a historia relatada polos alumnos Andrea Abelleira Souto, Rubén Bugallo Fentanes, Ánxela Soto Lamas e Iván Fraguas Porto, nun cantar de cego.

Para ver o texto do cantar de cego da historia de Florentina prema aquí.

Ligazón ao artigo A Historia de Florentina publicado por Victor F. Freixanes na Voz de Galicia

Non menos destacable foi a proxección dun audiovisual que relata a vida de Antonio Fraguas e a influencia que tiveron nel os seus mestres, desde as “primeiras letras” ata a universidade. O vídeo basease na obra de teatro Antonio Fraguas e os seus mestres escrita polo profesor Xosé Carlos Morgade Martínez, e nas  ilustracións deseñadas e pintadas pola profesora Beatriz Pérez Espiña, axudada polo seu alumnado, e que se inspiran nos debuxos de Rodríguez Castelao, mestre de Antonio.

Parabéns ó alumnado participante que lle deron vida e voz ás personaxes das ilustracións. Os ensaios, gravación e a edición de vídeo foron feitos pola profesora Carina Vales Rey.

Ligazón ao artigo de Pontevedra Viva onde se pode visionar o vídeo

Bronce por equipos no Campionato Provincial de bádminton escolar

 O pasado sábado 11 de maio, un grupo de alumnas e alumnos do noso centro, acompañados polos profesores José Luis Murio Ozores e Salvador Rodríguez Villaverde, desprazáronse ata Ponteareas para participar, en xornada de tarde, no Campionato Provincial de bádminton escolar organizado polo Club Bádminton Ponteareas.

Na categoría cadete feminina as nosas alumnas Erika Abilleira Costal, Andrea Abilleira Souto, Ángela Soto Lamas, Emma Belmonte González, Sara Fernández Quinteiro, Antía Salgueiro Fraga e Marta Sobral Fraga, acadaron o terceiro posto e polo tanto a medalla de bronce.

Parabéns ás gañadoras e a todas e todos os participantes e todo o agradecemento ó profesorado acompañante por dedicar boa parte do seu tempo de lecer a favorecer a convivencia social e a práctica deportiva e competitiva do noso alumnado.

Ligazón á nova no Facebook do Club Bádminton Ponteareas

Sara Fernandez Quinteiro gañadora do premio do concurso de poesía 'A miña nai traballa'

O pasado 1 de maio, o Presidente da Xestora que rexe o concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela López, desprazouse ata o IES de Cotobade para facerlle entrega a nosa alumna de 4º de E.S.O. Sara Fernández Quinteiro do premio do concurso de poesía 'A miña nai traballa”, na categoría de Educación Secundaria, un certame que se organizaba para celebrar o 8 de marzo, Día internacional da Muller.

Parabéns a nosa alumna.

 

Ligazón a nova no xornal dixital Pontevedra Viva

Amigos de Galicia

No día de hoxe, dúas voluntarias da fundación Amigos de Galicia achegáronse ao noso Centro para dar a coñecer ao noso alumnado a labor da Fundación na atención a persoas que se atopan en risco de exclusión social en Galicia e a súa loita contra a pobreza infantil. Fixeron fincapé na solidariedade e nas vías para ser voluntario/a ou colaborar coa fundación e coa contorna de xeito directo ou indirecto.

Visita a Santiago de Compostela

O pasado martes 26 de febreiro, o alumnado de 1º e 4º de ESO fixo unha saída didáctica a Santiago de Compostela organizada polos departamentos de Bioloxía e Xeoloxía e Xeografía e Historia.

Comezamos a mañá coa visita ao Museo de Historia Natural da USC, antigamente situado na Facultade de Químicas, que foi trasladado en 2013 ao novo edificio no parque de Boa Vista, mostrando un excelente aspecto renovado. Ademais da visita guiada á exposición, o alumnado participou en dous obradoiros niveis, sobre os ecosistemas galegos para 1º da ESO e de investigación e identificación de especies para 4º.


Proseguimos a visita camiñando polo casco histórico da cidade cara o Museo do Pobo Galego onde o alumnado de 1º visitou a Biblioteca de Antonio Fraguas e a continuación visitamos a Sala de Arquitectura. Os estudantes de 4º de ESO visitaron a exposición "Alba de Gloria" sobre o célebre discurso de Castelao, na veciña igrexa de San Domingos de Bonaval.


Estaba próxima a hora do xantar e gozamos do día camiñando (e dos alumnos preguntando insistentemente canto quedaba) ata o Centro Comercial As Cancelas onde almorzamos.


Ás 16:30  acudimos ó Centro de Exposicións da Cidade da Cultura de Galicia no Monte Gaiás, e gozamos dunha visita guiada da  exposición "Castelao Maxistral" entorno á obra procedente do Centro Galego de Bos Aires e en relación á educación durante a Segunda República.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut