Skip to Content

Complementarias, Extraescolares

Programa de Saúde Sexual da Cruz Vermella para os cursos de 3ºESO

 

Debido ao interese mostrado polo alumnado de 3º ESO, estamos desenvolvendo en colaboración coa Cruz Vermella- Xuventude unhas actividades formativas a través da aplicación Microsoft Teams. O programa de Saúde sexual aproxima ao alumnado a conceptos básicos sobre sexualidade; orientacións sexuais; anatomía e ciclo menstrual;infeccións de transmisión sexual e métodos anticonceptivos. Agradecemos a dispoñibilidade de Cruz Vermella e das titoras de 3ºESO. 

Día do libro 2021

Co motivo da celebración do día Internacional do libro, o 23 de abril organizamos para o alumnado de 1º de ESO unha "cita a cegas cun libro".

 

Esta actividade tivo como obxectivo o fomento da literatura nos máis novos, que decubriron títulos da litratura xuvenil recomendados polos seus compañeiros e compañeiras. E un ano máis, a pesar da pandemia, foi todo un éxito!

Celso Fernández Sanmartín no IES de Cotobade

8M- Día Internacional da Muller



 

No IES de Cotobade queremos render a nosa particular homenaxe ás mulleres importantes cuxos nomes non sairán na Wikipedia nin ocuparán unha presadiña de minutos en ningún documental. Unhas mulleres fortes, valentes, decididas, traballadoras, xenerosas, curtidas en moitas batallas case desde o instante de nacer. Uns seres feitos dunha pasta especial, enfundadas as máis das veces nunha bata de cadros coas mans sempre abertas e dispostas. Unhas mans que noutrora agarraron a zapatilla para aplicar o “tough love” á súa prole e que hoxe arrincan amodiño as follas do almanaque ata que nos poidan acariñar de novo. A esas criaturas que dormen cun ollo aberto e outro pechado, capaces de afrontar calquera revés da vida con serenidade e de dicir a calquera hora da madrugada “séntate aí que che frito un ovo”, a elas, ás que están e ás que tiveron que marchar, a todas, por todas as luces que acenderon para nós: GRAZAS, AVOAS!!!

Participantes do Concurso “Declárate en galego”

 

Para visualizar a lectura dos relatos dos / das finalistas, prema aquí.

Velaquí as e os participantes do concurso Declárate en galego, que recibiron un doce agradecemento en forma de piruleta pola súa participación. Alumnado, persoal docente e persoal non docente botaron man da lingua máis amorosa para escribir dedicatorias a destinatarias e destinatarios de todo tipo: familiares, amizades, compañeiras e compañeiros do instituto, mascotas, obxectos etc. Todas foron tan diferentes coma especiais, así que GRAZAS por participar. E tede en conta que DECLARARSE EN GALEGO CORRE O RISCO DE NAMORAR!

Actividade: As diferenzas

No día de hoxe, a  presidenta da Asociación de Déficit de Atención e Hiperactividade de Pontevedra (ADAHPO) Monserrat Álvarez e as terapeutas Jésica Fraguas Vieitez e Natalia García Meijueiro impartiron un obradoiro co alumnado de 1º ESO, en colaboración coas profesoras das materias de Relixión Católica e Valores Éticos e o Departamento de Orientación do noso centro.

A curtametraxe O Cazo de Lorenzo presenta a Lorenzo , un neno que carga cun cazo, un cazo vermello que lle oprime, deprímelle e que fai que lle custe máis que aos demais nenos e nenas conseguir certas cousas. Este cazo é a materialización da súa diferenza respecto dos demais.

O alumnado reflexionou sobre a importancia de desenvolver valores como o respecto ás diferenzas , a colaboración e  o compañeirismo.

11F- Día da Muller e da Nena na Ciencia

O principal obxectivo dos departamentos de Ciencias, foi implicar  a todo o alumnado do Centro na procura de información sobre o rol das mulleres na Ciencia, artellando prácticas e tarefas que favorezan a igualdade de xénero.  

As exposicions de traballos desenvolvidos por cada grupo pretenden 

no seu conxunto darlle visibilidade o labor das mulleres nestes eidos

e dar a coñecer os roles femininos no campo da Ciencia ao longo da

Historia.

ENTROIDO 2021

Este venres día 12 de febreiro, a pesar da pandemia, o noso centro respectando todo o protocolo COVID quixo premiar ao alumnado polo comportamento e seguimento das normas a cumprir ao longo destes meses, pese ás dificultades emocionais e ás adaptacións que isto supuxo.

A Dirección, ofreceu as tradicionais "orellas de entroido" a todo o alumnado do centro para merendar no recreo. O alumnado púidose disfrazar e só se acercaron a menos dun metro e medio para a toma de fotografías, sempre no exterior, aportando unhas pinceladas de cor e alegría nestes duros momentos!

Día Escolar da Non Violencia e da Paz

Para conmemorar o día Escolar da Non Violencia e da Paz, o alumnado de relixión e de valores éticos dos primeiro e segundo cursos da ESO, dirixidos por Patricia García Rodríguez e Paula Ríos Estévez, uníronse para reflexionar sobre os valores e actitudes que evitan a violencia e conseguen a Paz. Multitude de pombiñas recollen esas reflexións voando en harmonía. Colabora a profesora de EPVA, Beatriz Pérez Espiña, no deseño da pomba xigante e do cartel central. 

Declárate en galego 2021

Para ver as bases do concurso, prema no arquivo PDF adxunto na parte baixa da sección.

Deixa a túa declaración no buzón da mesa de conserxaría. 

Distribuir contido


by Dr. Radut