En memoria de Manuel Guede

Ás 20:00 horas do día 27 de novembro celebrouse no Paraninfo do IES Valle Inclán unha homenaxe a Manuel Guede, profesor de Grego do instituto recentemente falecido. Presentaron o acto as súas dúas compañeiras do grupo de teatro Avelaíña, Pilar Rodríguez Braga e Patricia Puime Montero. Participaron nel Xulio Leal (que leu o texto que enviaron os seus curmáns Moncho, Abelardo e Toño), Antón Fernández (amigo da xuventude), Manuel Rosales (compañeiro no IES Aquis Celenis de Caldas de Reis), Leticia Folgar (ex-alumna), Ornela Fernández (tenente-alcalde de Vilaboa), María Álvarez (compañeira no IES Valle Inclán e na Aula Castelao), Manolo Ayán (compañeiro no IES Valle Inclán e no grupo Avelaíña) e Pilar Freitas (directora do IES Valle Inclán). A través de todos eles foise rememorando a infancia de Manuel Guede en Bouzas (Baños de Molgas, Ourense), “nunha época anterior á luz eléctrica!”, a xuventude no Seminario dos Paúles, o seu paso pola Universidade de Salamanca, os veráns de traballo en Alemaña, a súa docencia en Bilbao, Sevilla, Ribadeo, Arteixo, Marín, Cangas, Caldas e Pontevedra, o seu paso pola Aula Castelao e polo teatro Avelaíña. Rematouse o acto coa proxección deste vídeo que intentou fixar en imaxes as lembranzas da súa biografía. Este home, que regalaba libros cun poema do seu puño e letra, que fixo a súa casa coas propias mans, comprometido coa terra, coa lingua e coa xente, que facía da hospitalidade o seu emblema, de quen os alumnos falan como dun “dos mellores agasallos que nos ten dado a vida” e quen “podendo estar nas alturas intelectuais preferiu andar polo chan”, convocou onte a muller da súa vida, os seus fillos, os seus amigos e os seus alumnos e todos xuntos fixeron unha cariñosa e sentida lembranza que ninguén se atreveu a cualificar de adeus: “(ás palabras e ás obras) non lles deu o ser a raza mortal dos homes, nin xamais as dominará o esquecemento. Un gran deus hai nelas que non envellece” (Edipo rei).

Nesta foto do Diario de Pontevedra (28/11/2013) podemos ver o público asistente, e na da dereita un banco feito por el cun nariz de pallaso enriba.