Curso 2013-2014

Xubilacións 2014

Un ano máis, chega a fin de curso e con ela o xantar de despedida ao profesorado que acaba a súa vida activa no ensino para iniciar una nova etapa vital. Desta volta foron dúas teachers, Mª Carmen López e Marisa Lozano, que en realidade xa levaban varios meses xubiladas aínda que fose agora cando lles demos o noso adeus... con algo de envexa. Ímolas botar de menos!! (Máis fotos)

Teatro: Prescrición facultativa

 

Como xa informamos no seu momento, o pasado día 22 de xuño o grupo de teatro Argallada representou no Teatro Principal a súa nova montaxe, Prescrición facultativa, e non foi para nós ningunha sorpresa a boa acollida que tivo por parte do numeroso público presente, igual que xa sucedera nas anteriores obras representadas.

Queremos deixar constancia de dúas pequenas anécdotas: que, dada a súa caracterización, Manuel Lastra estaba irrecoñecíbel e que nos saúdos finais (aínda que parte do público pensase que formaba parte da posta en escena) José Antonio Pérez Graña sufriu unha aparatosa caída sobre a mesa de cristal; por sorte o incidente só lle provocou pequenos cortes superficiais nas mans.

E xa agardamos impacientes por unha nova representación!! (Máis fotos)

Prezis das etapas da Historia da Tecnoloxía (English)

Aquí tedes as presentacións feitas con Prezi dos alumnos da sección bilingüe de Tecnoloxía de 4º de ESO sobre as diferentes etapas da Historia da Tecnoloxía. (English)

Parabéns a Chus Sanguos

 
Desde aquí queremos darlle os nosos parabéns á profesora Chus Sanguos, quen -xunto con outros 34 deportistas galegos- recibirá a Distinción ao Mérito Deportivo de Galicia 2014 o próximo 11 de xullo ás 19:30 no Auditorio Municipal de Cangas nun acto solemne presidido polo Presidente da Xunta. (Diario de Pontevedra)

Viaxe de fin de curso de 4º ESO

 
Como cada ano por estas datas, o alumnado de 4º ESO vén de realizar a excursión a Asturias e Cantabria. Do 17 ao 21 de xuño  visitaron Cudillero, Covadonga, Cangas de Onís, Santillana del Mar, as neocovas de Altamira, Santander e Mondoñedo. Tamén fixeron rutas polos Lagos de Covadonga e realizaron diversas actividades na natureza como o descenso do Sella en canoa e paintball.
Foron días de moito lecer, como se pode comprobar nas seguintes fotografías.  

Visita a Campolameiro


O xoves 19 de xuño o alumnado de 3º ESO foi visitar o Parque Arqueolóxico de Campolameiro. Esta visita, que forma parte das actividades programadas polo Departamento de Lingua Galega e Literatura, consistiu nun percorrido pola área arqueolóxica na que se encontran os petróglifos e a reconstrución dunha aldea da Idade de  Bronce, outro pola exposición que se atopa no interior do edificio onde, entre outras cousas, visualizaron un vídeo sobre o significado das distintas figuras  que conforman a arte rupestre, principalmente o das enigmáticas formas circulares e as máis que evidentes coincidencias que todas elas presentan nos lugares máis afastados do mundo; finalmente realizaron un obradoiro de caza que incluía unha charla na que se lles amosaban as distintas armas utilizadas con este fin,  explicándolles os materiais de que estaban feitas e como se utilizaban.


Na área arqueolóxica puideron admirar especialmente a famosa “Pedra dos  Carballos”, que coñecían pola referencia que se fai a ela na novela O centro do labirinto de Agustín Fernández Paz, libro de lectura obrigatoria neste curso.       


Así pois, unha visita na que de seguro aprenderon moitas cousas que descoñecían sobre os nosos antepasados da Idade de Bronce  e na que tamén se divertiron intentando emulalos disparando as armas de caza que aqueles utilizaban.  (Máis fotos)

Visita ao parque eólico experimental de Sotavento

Neste mes de xuño, o alumnado de 3º ESO visitou o parque eólico experimental de Sotavento, principalmente orientado a que o alumnado se achegue ás enerxías renovables.

Tras unha breve charla de introdución ás fontes de enerxía, visitaron -divididos en dous grupos- unha vivenda bioclimática (onde se analizou de xeito especial a importancia do aforro enerxético) e un aeroxerador. Coñeceron as placas solares térmicas e fotovoltaicas e os principios físico-químicos que determinan o seu funcionamento, así como un sistema de aproveitamento de enerxía hidráulica. Como remate xogaron un pasapalabra divididos en dous equipos (con grande competitividade entre eles pero sen chegaren ás mans) sobre os conceptos relacionados coa enerxía comentados ao longo da visita. (Máis fotos)

Fin de Bacharelato

 

Como todos os anos, ao chegarmos aos días finais de maio chega tamén a despedida e outra promoción de alumnos deixa o instituto para iniciar unha nova etapa das súas vidas. E como todos os anos tamén, invádennos sentimentos contraditorios: por un lado a ledicia de ver a evolución que tiveron ao longo dos seis cursos que a marioría pasou no centro, mais por outro a tristeza de ver como marchan para sempre... aínda tendo a certeza de que non esquecerán esta época.

Pero antes dese adeus, puidemos xuntarnos todos nesa despedida "oficial" que por segunda vez se celebrou no Teatro Principal para poder dar cabida a todas as familias e, como sempre, houbo discurso da directora, discurso divertido á vez que emotivo dos representantes do alumnado e algunhas actuacións musicais. Máis tarde chegou a cea e seguro que unha looooooonga noite de troula... antes de comezar o estudo para a Selectividade ou para as materias que quedaron para setembro.

De momento non temos moitas fotos, pero estamos á espera de recibir máis.

E "buceando" por Youtube, descubrimos este vídeo de Marta Rosales Carbajo, que resume os mellores momentos desta xeración.

Proxectos da sección bilingüe de 4º ESO de Tecnoloxía

Aquí tedes unha mostra dos proxectos elaborados polo alumnado da sección bilingüe de Tecnoloxía. Para ver todos os demais, premede aquí.

Projects of Electronics systems 4º ESO

Projects of Electronics systems 4º ESO C 2013-2014

Charla de Sergio Raposeiras

 

Onte, día 14 de maio, estivo no centro o noso ex-alumno Sergio Raposeiras, actualmente sonado cardiólogo, para dar unha charla ao alumnado de 1º de Bacharelato contando a súa experiencia profesional e así poder servir de guía aos que neste momento se debaten nun mar de dúbidas planeando o seu futuro. O paraninfo estaba cheo e o alumnado, moi atento, fixo multitude de preguntas.

A actividade enmárcase dentro do programa Ubi sum ideado por un grupo de profesores do centro con intención de pervivir no tempo e ofrecer cada ano unha ou dúas charlas de ex-alumnos que volvan ao centro a compartir unhas horas cos que hoxe estudan nel. (Máis fotos)

Bolsas High School para os Estados Unidos

Os nosos parabéns para Ana Luz Loira Lorenzo e Alejandra Pita Milleiro, alumnas de 4º ESO que acaban de conseguir cadansúa bolsa de estudos high school para estudaren o equivalente a 1º de Bacharelato en Estados Unidos o próximo curso, o que con toda certeza será una experiencia única e inesquecíbel para elas.

Lembramos que só se outorgan 200 bolsas para toda Galiza, e que deberon pasar una proba escrita e outra oral de inglés, ademáis de teren una cualificación media de 7,5 ou máis.

Finalización do programa Monte Vivo

  Mostraxe de especies vexetais

O alumnado de 2º da ESO, completou o programa de educación ambiental, centrado no coñecemento dos montes do entorno e na toma de conciencia da necesidade da súa protección para a conservación fronte ás dúas ameazas máis importantes: os incendios forestais e a expansión das especies invasoras.

O programa comezou en outono, no mes de novembro, cunha visita a montes de Berducido que sufriron incendios este verán para comprobar os efectos do lume e da erosión posterior provocada polas chuvias; como medida de prevención de futura erosión realizouse unha sementeira de plantas de crecemento rápido que fixasen o terreo permitindo un certo grao de conservación do solo. Posteriormente realizouse unha plantación de árbores de especies autóctonas nos montes da Fracha, en zonas degradadas por incendios.

Agora, nesta segunda fase que se realiza na primavera, os alumnos aprenden a poñer en práctica os métodos utilizados en ecoloxía para a mostraxe das especies vexetais e para a súa identificación. Esta actividade realizouse nos montes de Santa María de Xeve, nun monte  tamén degradado polos lumes no que os alumnos do instituto levan traballando na súa recuperación dende o ano 2006. Tamén, dada a importancia que posúen as especies invasoras para os nosos ecosistemas, que están a substituír á vexetación natural e favorecen a propagación dos lumes, se realizou un control deste tipo de vexetación centrado na mimosa, unha especie que está ocupando o lugar das especies autóctonas en moitas zonas do municipio e nomeadamente a do bosque de ribeira en amplas zonas no entorno do Río Lérez.

Control de mimosa por descortizado 

O soño dunha noite de verán

O venres 9 de maio o grupo de teatro do centro, Skene, cun amplísimo elenco este ano e dirixido por Manuel Solla representou no Teatro Principal unha adaptación da obra O soño dunha noite de verán, de Shakespeare. Salvados os problemas de última hora (como por exemplo un actor lesionado un par de días antes) a velada foi todo un éxito; cunha coidada escenografía e unha boa actuación de todos eles resultou moi amena para todos os espectadores. Os nosos parabéns a todos os participantes, cunha mención especial para aqueles actores que tiveron que aprender un novo papel a contrarreloxo.  (Máis fotos)

Ben veñas, maio

 

Os nosos parabéns á alumna do centro Ana Uhía Pérez, que gañou dous premios (nada menos!) no certame literario de Ben veñas, maio. Acadou o 1º premio de poesía e tamén o 1º de narrativa curta (este último ex aequo con outra alumna do IES Torrente Ballester).

Nesta foto podemos vela (a primeira pola esquerda) recollendo os seus dous premios durante o festival celebrado o día 10 de maio.

Distribuir contido