Finalización do programa Monte Vivo

  Mostraxe de especies vexetais

O alumnado de 2º da ESO, completou o programa de educación ambiental, centrado no coñecemento dos montes do entorno e na toma de conciencia da necesidade da súa protección para a conservación fronte ás dúas ameazas máis importantes: os incendios forestais e a expansión das especies invasoras.

O programa comezou en outono, no mes de novembro, cunha visita a montes de Berducido que sufriron incendios este verán para comprobar os efectos do lume e da erosión posterior provocada polas chuvias; como medida de prevención de futura erosión realizouse unha sementeira de plantas de crecemento rápido que fixasen o terreo permitindo un certo grao de conservación do solo. Posteriormente realizouse unha plantación de árbores de especies autóctonas nos montes da Fracha, en zonas degradadas por incendios.

Agora, nesta segunda fase que se realiza na primavera, os alumnos aprenden a poñer en práctica os métodos utilizados en ecoloxía para a mostraxe das especies vexetais e para a súa identificación. Esta actividade realizouse nos montes de Santa María de Xeve, nun monte  tamén degradado polos lumes no que os alumnos do instituto levan traballando na súa recuperación dende o ano 2006. Tamén, dada a importancia que posúen as especies invasoras para os nosos ecosistemas, que están a substituír á vexetación natural e favorecen a propagación dos lumes, se realizou un control deste tipo de vexetación centrado na mimosa, unha especie que está ocupando o lugar das especies autóctonas en moitas zonas do municipio e nomeadamente a do bosque de ribeira en amplas zonas no entorno do Río Lérez.

Control de mimosa por descortizado