Curso 2013-2014

Viaxe a Italia

Como é habitual o alumnado de 1º de bacharelato vén de realizar a súa excursión por Italia. Entre os días 21 e 28 de abril estiveron en Roma, Siena, Pisa, Florencia e Venecia.

En Roma visitaron o Panteón de Agripa, Coliseo, S. Pietro in Vincoli, Basílica de S. Pedro e museos Vaticanos, Sta. María do Popolo e Fontana di Trevi. Gozaron da prazas: República, Navona, España, Venecia, Popolo e dos Foros Imperiais, Castell Sant' Angelo, Quirinale, Arco de Constantino, Capitolio e das vistas dende os xardíns do Pincio.

En Siena viron a súa catedral e a Praza do Campo, ademais do Palacio Chigi e a Loggia do mercado.

En Pisa o conxunto monumental: Duomo, Campanille e e Battisterio.

En Florencia admiraron o David de Miguel Anxo xunto co Duomo, praza da Signoria, Ponte Vecchio, ademais de gozar das súas rúas, mercados e prazas.

En Venecia admiraron os seus Palacios dende o Gran Canal e, por suposto a Praza de S. Marcos, Ponte dos Suspiros e Rialto.

Ademais de toda esta arte relacionáronse con todos os seus compañeiros e disfrutaron ao longo destes oito días que ben seguro non esquecerán nunca, como queda patente nas seguintes fotografías. (Máis fotos)

Conferencia de Valeriano Bozal

O profesor Valeriano Bozal deu unha conferencia no noso centro sobre a obra de Goya dirixida ao alumnado de 2º de Bacharelato, á que tamén asistiu algún alumnado e profesorado do IES Monte da Vila.

O profesor Bozal é un recoñecido especialista na obra de Goya, sobre a que publicou numerosos traballos, entre os que podemos destacar: Imagen de Goya, Goya y el gusto moderno e Pinturas negras de Goya (1999), tamén ten importantes estudos sobre arte española contemporánea (en especial os dous volumes de Arte del siglo XX en España) e sobre arte internacional.

A conferencia centrouse nos "Desastres de la guerra" e o tratamento que o pintor deu aos acontecementos bélicos. Analizou a súa visión da época histórica que lle tocou vivir e a posición de Goya ante a guerra, a situación política de España e a modernidade.

O alumnado mostrouse moi interesado, realizaron numerosas preguntas e gozaron da presenza do destacado intelectual.

Desde o centro queremos agradecer á Aula Castelao a súa colaboración, sen a que sería moi difícil realizar este acto, así como a desinteresada aportación de Valeriano Bozal, que nos transmitiu o seu coñecemento e entusiasmo pola arte.

Intercambio con Dieppe (Normandía)

Entre os días 31 de marzo e 9 de abril tivo lugar a segunda parte do intercambio co lycée Jehan Ango, de Dieppe (Normandía). Agora foi o alumnado galego, acompañado polos profesores Mª Carmen Alonso e Enrique Piñeiro, o que tivo tres días de inmersión escolar no instituto francés, ademais de realizar unha visita guiada por Dieppe e coñecer os seus lugares históricos e o Museo de Belas Artes, pasaron unha xornada en París, e compartiron a fin de semana coas súas familias francesas. (Máis fotos)

O mércores 11 de febreiro o grupo de alumnos franceses, acompañados dos seus profesores e mais dos profesores do departamento de francés do noso centro, fixeron unha visita ao CIFP Carlos Oroza onde foron recibidos por alumnos de Turismo que lles deron a benvida en francés e despois visitaron as instalacións.

Un grupo de alumnos amosoulles uns power points sobre Galiza e os nosos costumes, a gastronomía, a paisaxe, a cultura...

A xornada rematou cun estupendo xantar que lles permitiu degustas pratos típicos da gastronomía de diferentes comunidades españolas.

Desde aquí queremos agradecerlle ao profesorado e ao alumnado do CIFP Carlos Oroza a súa atención. (Máis fotos da visita)

O IES Valle Inclán acolle durante 9 días un grupo de 26 estudantes de Dieppe (Normandía) e os seus profesores, Catherine et Dominique, como parte dun intercambio que ten programado o Departamento de Francés.

Os alumnos franceses están aloxados nas casas dos alumnos do noso centro para que a inmersión lingüistica sexa efectiva e acoden tamén a algunhas clases no instituto. Ademais teñen programadas visitas aos diferentes museos de Pontevedra, un paseo guiado polo casco antigo, unha xuntanza no CIFP Carlos Oroza e outras excursións pola xeografía galega.

O mércores foron recibidos no Concello polo tenente de alcalde, Antón Louro, quen lles deu a benvida a Pontevedra. (Diario de Pontevedra, 06/02/2014)
No vindeiro mes de abril os estudantes de Pontevedra irán a Dieppe acompañados polos seus profesores de francés Enrique Piñeiro e Macamen Alonso, como segunda parte do intercambio.

Esperamos que a súa estancia entre nós sexa para todos unha experiencia inesquecíbel.

Charla de Xosé Neira Vilas

                            (Foto de PontevedraViva.com)                   

Preme na imaxe para ver un pequeno vídeo da charla

O xoves 10 de abril o alumnado de 1º ESO  acudiu ao Teatro Principal para asistir á conferencia que pronunciou o escritor Xosé Neira Vilas. Este encontro foi posible grazas á colaboración da Concellería de Normalización lingüística do Concello de Pontevedra e á Editorial Galaxia.

A presenza do admirado autor pontevedrés estivo arroupada por un nutridísimo grupo de estudantes de  varios centros da cidade que encheron por completo o teatro e que puideron realizarlle todas as preguntas que consideraron oportunas, pois este era ademais o desexo do escritor, que comezou referíndose a distintos aspectos da súa vida, agasallándonos con curiosas anécdotas e experiencias.

Os alumnos e alumnas asistentes interesáronse por distintas cuestións relacionadas coa súa traxectoria  narrativa e principalmente coa novela Memorias dun neno labrego, cuxa lectura foi a que propiciou o encontro. (Máis fotos)

Pontevedra Viva

Teatro: Da Vinci tiña razón!!

O alumnado de 4º ESO foi ver a peza Da Vinci tiña razón! dirixida por Quico Cadaval, no Teatro Principal dentro da programación do Salón do Libro acompañado polos profesores  Fátima Cobas, Charo Valcárcel, Xosé Francisco Godón e Rita Enguídanos. Todos saíron encantados da sesión. (Máis fotos)

Medalla de bronce na L Olimpíada de Matemáticas


Actualización do 02/04/2014:

Entre os días 27 e 30 de marzo celebrouse a fase final da L Olimpíada Matemática en Requena (Valencia), na que participaron 77 alumnos/as de todas as comunidades española. Entregáronse 36 medallas: 6 de ouro, 12 de prata e 18 de bronce, e unha destas últimas foi para o noso alumno Miguel Cidrás Senra, un dos tres representantes galegos. Unha vez máis as nosas felicitacións convencidos de que o seu futuro será igualmente brillante.

Constou de dúas probas escritas de tres horas e media cada unha. A primeira desenvolveuse na mañá do día 28 e a segunda na do día 29. Nelas resolveron un total de seis problemas que non requiren coñecementos específicos, senón capacidade de raciocinio e certa dose do que se coñece como "idea feliz". O resto do tempo estivo dedicado a unha convivencia entre participantes.

O obxectivo destes concursos é estimular o estudo das matemáticas e desenvolver novos talentos nesta ciencia.

Entrevista en La Voz de Galicia, 03/04/2014

Tamén Diario de Pontevedra se fixo eco da nova.

O pasado día 17 de xaneiro celebrouse na Facultade de Matemáticas de Santiago a fase galega da Olimpíada de Matemáticas na que resultou clasificado en 3º lugar, e polo tanto representará a Galicia na fase estatal que se celebrará en Requena a finais de marzo, o noso alumno Miguel Cidrás Senra de 1º Bach. A. Os nosos parabéns polo éxito acadado e os mellores desexos para o reto que o agarda. E non nos esquecemos do segundo participante, Gibrann Molho López. (Máis fotos)

Dálle á lingua

O alumnado de 1º ESO A e D participou na actividade Dálle á lingua, de Onda Cero. Gravaron varios programas nos que compartirán con todos nós algunhas actividades realizadas na aula: os de 1º A unha serie de romances e contos elaborados por eles mesmos a partir da lectura de Historias e algún percance todas ditas en romance, de Antón Cortizas e os de 1º D un traballo sobre as lendas de Galicia.

Non vos perdades a súa emisión en directo entre os días 14 e 25 de abril, de luns a venres e de 11.50 a 12.00 horas aproximadamente. Podedes sintonizalo no dial 103.6 de FM ou en internet: http://www.ondacero.es/directo/galicia/pontevedra/

E se non podedes escoitalo en directo, estará dispoñíbel na páxina web: www.ondacero.es/emisoras/galicia/pontevedra/

Idiomas a través da música

Vídeo tomado de La Voz de Galicia                                         

Un grupo de alumnos de 2º ESO do noso centro, da man da súa profesora de Música, María de los Santos Gago, prepararon unha actividade integrada de música e linguas que será presentada no marco dun curso de formación Comenius en Finlandia o próximo mes de abril.

A partir dunha obra coral do compositor inglés Bob Chilcott desenvolvéronse dúas actividades, unha individual de lectura expresiva e dramatizada co texto da canción e outra de canto colectivo. A canción incorpora, por outra parte, linguaxe de signos.

O curso, que leva por título European Music Portfolio: A creative way into languages, céntrase na integración de actividades musicais na aprendizaxe das linguas como unha maneira de optimizar a adquisición de coñecementos e estratexias en ambas as áreas .

Agradecemos desde aquí a xentileza do concello por cedernos o Teatro Principal para realizar a gravación   así como a axuda inestimable de Álvaro Rodríguez Carballo, ex -alumno do noso centro que actualmente cursa estudos na Escola de Audiovisuais de Vigo, que se encargou da mesma.

 

Premio extraordinario de educación secundaria obrigatoria

Actualización 20/03/2014:

Na edición de hoxe, La Voz de Galicia, faise eco da entrega oficial dos premios extraordinarios de ESO que tivo lugar na semana pasada. Na portada do xornal vemos esta foto de Andrea xunto cun dos premiados do IES Sánchez Cantón e outra máis acompaña o texto interior. (Máis información)

 

Actualización 25/01/2014:

Onte, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores recibiu no Concello aos catro alumnos pontevedreses que obtiveron premio extraordinario de ESO, felicitounos e animounos «a continuar por esta senda, dado que son un exemplo para a sociedade de Pontevedra e unha representación da mocidade de Pontevedra, o que supón un orgullo para o Concello e para o seu alcalde. Ademais, resaltou a importancia de que todos os premiados en Pontevedra estuden en centros de ensino públicos, e «de aí a súa importancia para construír unha sociedade cohesionada e igualitaria».

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Á esquerda, Úrsula durante a recepción nunha foto tomada do Faro de Vigo, e enriba todos os galardoados, acompañados por algúns profesores e pais, co alcalde.

 

 

Máis información en:

Diario de Pontevedra

Faro de Vigo

Pontevedraviva.com

Os nosos parabéns a Úrsula Martínez Álvarez, que obtivo un dos vinte premios extraordinarios de ESO concedidos pola Consellería de Educación e Cultura, o que lle supón unha distinción no seu expediente académico, diploma acreditativo e 750 €. Debemos destacar ademais que obtivo a cualificación máis alta de todo o alumnado presentado, 47,6 puntos. (Entrevista en La Voz de Galicia do día 14/11/2013) Pero este non foi o primeiro éxito de Úrsula fóra do noso centro, pois o curso pasado quedou en terceiro lugar no premio convocado polo Congreso juvenil internacional OCEÁNTICA13 convocado polo Campus do Mar. Ver aquí.

Tamén queremos felicitar aos outros dous alumnos do centro que se presentaron,  Miguel Gallego Veiga e Mateo Guillermo Gómez-Randulfe Rodríguez, pois aínda que non conseguiron quedar entre os vinte primeiros fixeron tamén un bo exame.

Viaxe a París

 

Os alumnos da Sección Bilingüe de Música en francés de 3º ESO, veñen de realizar unha viaxe educativa a París acompañados polas súas profesoras Mª del Carmen Alonso González e María de los Santos Gago.

A actividade, organizada polo departamento de música,  incluíu a visita aos lugares e monumentos máis emblemáticos da cidade (Notre Dame, Place Concorde, Champs Élysées, Arc du Triomphe, Montmartre, Sacre Coeur….) así coma un paseo en bateau-mouche, a subida á Tour Eiffel ou a visita ao Teatro da ópera “Palais Garnier”.

Durante a nosa estancia gozamos dun tempo magnífico que nos permitiu contemplar a cidade en toda a súa plenitude.

Ao longo do terceiro trimestre os alumnos realizarán dous traballos a partir das súas experiencias na viaxe que serán publicados nos blogs das profesoras (maboiteajoujoux e classe (en)chantée)

Coidamos que a viaxe foi dun gran proveito para todos eles, polo que o próximo ano agardamos repetir a experiencia tras o éxito da presente edición.

Campionato escolar de orientación

O mércores 12 de marzo celebrouse o campionato galego escolar de orientación nas instalacións do Casino Mercantil, no que participaron dous atletas de 1º ESO. Santi Rodilla proclamouse vencedor na súa categoría e Mateo Antoñón conseguiu a sexta posición. A nosa noraboa para os dous. (Máis fotos)

24 de febreiro, día de Rosalía

Ademais de animar á cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor nese día, a Asociación de Escritores en Lingua Galega convocou para o día 24 de febreiro o programa graffitiRosalía, dirixido a toda a sociedade galega, e especialmente aos centros de ensino de toda Galiza.

Propúxose a todos os centros educativos de Galicia que, en muros ou paredes habilitadas a tal efecto, grafittearan algún verso de Rosalía de Castro, de modo que o alento da súa voz se faga presente continuo para toda a cidadanía galega.

Esta intervención visual e artística podía ir acompañada do recitado dos seus versos, ou de calquera outra actividade que contribuíra a dinamizar e dar pulo á obra poética de Rosalía de Castro en canto símbolo colectivo.

No noso centro, varios grupos de diferentes cursos participaron na biblioteca nun recitado de poemas de Rosalía, ao tempo que viron un powertpoint sobre a súa obra. No corredor pódense ver os graffiti confeccionados por tres alumnas do centro. (Máis fotos)

 

Tríatlon

Na terceira semana de febreiro recibimos a visita da atleta e adestradora de tríatlon Alba Cuba, quen compartiu coas seccións bilingües dos grupos de 3º e 4º ESO os seus coñecementos do deporte e aproveitou para lembrarnos que durante a última fin de semana de maio vai celebrarse en Pontevedra o campionato do mundo de dúatlon.  (Máis fotos)

Club de debate

Un ano máis, este sábado día 22 de febreiro celebrouse o Club de Debate, organizado pola Concellaría de Normalización Lingüística en colaboración cos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino secundario. Representando ao IES Valle Inclán participaron dous equipos, que foron axudados na súa preparación polas profesoras Ana Bugallo Fuentes e Rosa Gómez Cuerpo. Xunto a eles mediron as súas forzas dialécticas equipos dos centros IES A Xunqueira I, IES Luís Seoane, IES de Ponte Caldelas e IES Torrente Ballester. Resultou gañador o IES Luís Seoane que, xunto co IES A Xunqueira I -clasificado en segundo lugar-, participará na final galega que se celebrará proximamente en Ferrol.

O equipo A estivo formado por Úrsula Martínez, Mateo González, María Martínez, Alba Calderón e Alba Vilar e o equipo B por Miguel Rózpide, Anxela Vilariño, Alba Parga, Paula Romero, Cristina Outeda e Claudia Solé. Tamén participou en todo o proceso de preparación María Seoane, que finalmente non puido asistir á exposición. A experiencia foi moi positiva (aínda que non conseguisen o obxectivo de gañar), pois fomentou o traballo en equipo e a actitude crítica.

As nosas felicitacións para todos eles, que quedaron en terceiro e sexto lugar.  (Máis fotos)  

Nesta ligazón podedes ver en Ponte.tv o debate entre o equipo A do Valle Inclán e o IES de Pontecaldelas.

Nesta ligazón podedes ver en Ponte.tv o debate entre o equipo B do Valle Inclán e o IES Luis Seoane.

Camiseta

Gústavos a camiseta que deseñou o alumnado da sección bilingüe de Educación Física? A idea inicial foi de Laura Garnil (4º D), e o debuxo de Nadal Viñas (4º D), finalmente Selo Blanco, a profe de Deseño, deulle o toque definitivo. Se queredes tela. distribúese a prezo de custe (3€ para o alumnado da sección bilingüe e 5€ para o resto). Falade con Ana Santos.

Distribuir contido