Curso 2013-2014

Visita de Ramón Caride Ogando

O pasado día 6 de febreiro visitou o  noso centro o escritor Ramón Caride Ogando para ter un encontro co alumnado de 3º de ESO a propósito dos seus libros Exogamia 03 e Endogamia 02 que figuran na lista do plan lector do Departamento de Lingua Galega e literatura para este nivel. Foi unha experiencia moi amena e interesante. (Máis fotos)

Sesión de loita libre

 

Durante a última semana de xaneiro visitaron o centro Marcos e Jose, monitores da Federación galega de loita libre, para compartiren parte dos seus coñecementos co alumnado dalgúns grupos de 3º e 4º de ESO e mais 1º de Bacharelato. Foi unha clase inesquecíbel para moitos. (Máis fotos)

Exposición de fotografía

Miguel Rózpide Pazó, alumno de 1º Bacharelato A acaba de inaugurar a súa primeira exposición de fotografía, "Ciudad y ciudadanos", no café Savoy. Esta afección, que practica desde hai un par de anos, xa lle valeu máis dun premio en concursos on line convocados por Rinconesgallegos ou Welcometogalicia. Os nosos parabéns co desexo de que sexa o inicio dunha exitosa carreira. (Máis información)

Visita ao centro da concelleira Carmen Fouces

Foto tomada de Pontevedraviva.com                                                                    

Dentro do Plan de Prevención de Condutas Aditivas, hoxe visitou unha aula de 1º ESO a concelleira de Benestar Social. (Máis información)

Visita á Semana da Ciencia

O pasado 12 de novembro, o alumnado de 1º de Bacharelato de Ciencias  visitou a Semana da Ciencia organizada pola Escola Superior de Enxeñeiros de Minas de Vigo, onde participaron en diferentes actividades relacionadas coas enerxías renovábeis, prospección de recursos, novos materiais e conservación do medio ambiente. Das enquisas realizadas dedúcese que a visita foi interesante e aprenderon cousas.

Bo Nadal

Autoras: Rosa do Carme Araújo Castelo e Ainoa Sampedro Rey (1º ESO C)

Tarxeta gañadora do concurso de Nadal

O Equipo de Dinamización Lingüística e o Equipo Directivo do IES Valle Inclán

deséxanvos un bo Nadal e un feliz ano 2014

(Máis fotos)

Monte vivo

 

Un ano máis o alumnado de 2º A da ESO participou en actividades de concienciación e loita contra os incendios forestais grazas á colaboración do Concello de Pontevedra, que vén facendo posíbeis estas actividades dende hai anos. Este curso, ademais, o instituto asinou un acordo de cooperación coa Mancomunidade de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra (como xa informamos máis abaixo), polo que o Instituto se compromete no coñecemento e na defensa dos montes comunais do entorno de Pontevedra e as comunidades proporcionan os montes para que este obxectivo sexa posíbel.

A actividade consistiu na visita a un monte queimado este mes de agosto en Berducido, no que puideron comprobar os fenómenos erosivos que se tiñan producido e onde se sementaron gramí­neas coa intención de restaurar de forma rápida a cuberta vexetal protectora e frear a erosión e perda de solo fértil. Logo, no monte da Fracha, plantáronse árbores de especies autóctonas (carballos, bidueiros e castiñeiros, todos micorrizados con fungos produtores de setas) nunha zona aínda degradada polos incendios do ano 2006. Cando crezan, estas árbores non só protexerán o solo e os ecosistemas, tamén proporcionarán outros recursos como os micolóxicos. (Máis fotos)

Charla de Cristina Gallo

 

 

 

 

Onte, 2 de decembro, a escritora Cristina Gallo presentou no paraninfo do centro ao alumnado de 4º ESO (e mais un grupo e 1º Bacharelato) o seu libro Lágrimas por una medalla grazas á colaboración do ex alumno Pablo Arca. Interveu tamén Rosa Paredes, ex-alumna do Valle, montañeira e participante na ascensión ao pico Leni este verán. Nas fotos podemos ver diversos momentos do acto e unha emocionada Ana xunto á autora, que tivo que dedicar moitos libros.

Clases de surf

Na semana pasada o ex alumno do noso centro Ignacio Ansín impartiu clases de surf a todo o alumnado, acompañado polo seu irmán Luis -monitor coma el desta especialidade-. Todos tiveron a oportunidade de practicaren sobre unha táboa colocada enriba dun balón que simulaba o movemento efavorecia a práctica do equilibrio.

Desde aquí o noso agradecemento a Nacho pola súa paciencia e dedicación.

Presentación de "Pontevedra nos anos do medo"

(Fotos tomadas de www.xerais.es)

 

A presentación do libro Pontevedra nos anos do medo. Golpe militar e represión (1936-1939) de Xosé Álvarez Castro, que se celebrou no Paraninfo do centro o pasado luns, 11 de novembro e no que participaron Xosé Carlos Morgade Martínez, Manuel Bragado e Xosé Álvarez Castro resultou todo un éxito, pois non quedou un só asento libre nin no piso inferior nin no superior, como se pode ver nas fotos publicadas polo Diario de Pontevedra. Máis información sobre o libro.

 

Convenio entre o centro e a Mancomunidade de Montes de Pontevedra

(Diario de Pontevedra, 08/11/2013)                                                                                 

A directora do centro asinou en días pasados un convenio co presidente da Mancomunidade de Montes de Pontevedra para que o alumnado poida visitar e estudar as peculiaridades dos nosos montes.

Ladaíñas pola morte do Meco

Como xa sabedes, o venres 15 de novembro o grupo Argallada (formado por profesorado do centro) ofreceunos unha nova  representación de Ladaíñas pola morte do Meco, de Roberto Vidal Bolaño -autor homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas-. E como era de esperar, foi un éxito semellante ao da actuación de xuño. Agora temos máis fotos -e mellores-. O vídeo segue sendo o da representación de xuño.

En memoria de Manuel Guede

Ás 20:00 horas do día 27 de novembro celebrouse no Paraninfo do IES Valle Inclán unha homenaxe a Manuel Guede, profesor de Grego do instituto recentemente falecido. Presentaron o acto as súas dúas compañeiras do grupo de teatro Avelaíña, Pilar Rodríguez Braga e Patricia Puime Montero. Participaron nel Xulio Leal (que leu o texto que enviaron os seus curmáns Moncho, Abelardo e Toño), Antón Fernández (amigo da xuventude), Manuel Rosales (compañeiro no IES Aquis Celenis de Caldas de Reis), Leticia Folgar (ex-alumna), Ornela Fernández (tenente-alcalde de Vilaboa), María Álvarez (compañeira no IES Valle Inclán e na Aula Castelao), Manolo Ayán (compañeiro no IES Valle Inclán e no grupo Avelaíña) e Pilar Freitas (directora do IES Valle Inclán). A través de todos eles foise rememorando a infancia de Manuel Guede en Bouzas (Baños de Molgas, Ourense), “nunha época anterior á luz eléctrica!”, a xuventude no Seminario dos Paúles, o seu paso pola Universidade de Salamanca, os veráns de traballo en Alemaña, a súa docencia en Bilbao, Sevilla, Ribadeo, Arteixo, Marín, Cangas, Caldas e Pontevedra, o seu paso pola Aula Castelao e polo teatro Avelaíña. Rematouse o acto coa proxección deste vídeo que intentou fixar en imaxes as lembranzas da súa biografía. Este home, que regalaba libros cun poema do seu puño e letra, que fixo a súa casa coas propias mans, comprometido coa terra, coa lingua e coa xente, que facía da hospitalidade o seu emblema, de quen os alumnos falan como dun “dos mellores agasallos que nos ten dado a vida” e quen “podendo estar nas alturas intelectuais preferiu andar polo chan”, convocou onte a muller da súa vida, os seus fillos, os seus amigos e os seus alumnos e todos xuntos fixeron unha cariñosa e sentida lembranza que ninguén se atreveu a cualificar de adeus: “(ás palabras e ás obras) non lles deu o ser a raza mortal dos homes, nin xamais as dominará o esquecemento. Un gran deus hai nelas que non envellece” (Edipo rei).

Nesta foto do Diario de Pontevedra (28/11/2013) podemos ver o público asistente, e na da dereita un banco feito por el cun nariz de pallaso enriba.

Distribuir contido