Visita a Campolameiro


O xoves 19 de xuño o alumnado de 3º ESO foi visitar o Parque Arqueolóxico de Campolameiro. Esta visita, que forma parte das actividades programadas polo Departamento de Lingua Galega e Literatura, consistiu nun percorrido pola área arqueolóxica na que se encontran os petróglifos e a reconstrución dunha aldea da Idade de  Bronce, outro pola exposición que se atopa no interior do edificio onde, entre outras cousas, visualizaron un vídeo sobre o significado das distintas figuras  que conforman a arte rupestre, principalmente o das enigmáticas formas circulares e as máis que evidentes coincidencias que todas elas presentan nos lugares máis afastados do mundo; finalmente realizaron un obradoiro de caza que incluía unha charla na que se lles amosaban as distintas armas utilizadas con este fin,  explicándolles os materiais de que estaban feitas e como se utilizaban.


Na área arqueolóxica puideron admirar especialmente a famosa “Pedra dos  Carballos”, que coñecían pola referencia que se fai a ela na novela O centro do labirinto de Agustín Fernández Paz, libro de lectura obrigatoria neste curso.       


Así pois, unha visita na que de seguro aprenderon moitas cousas que descoñecían sobre os nosos antepasados da Idade de Bronce  e na que tamén se divertiron intentando emulalos disparando as armas de caza que aqueles utilizaban.  (Máis fotos)