Recital de Luis Eduardo Aute

 

 O venres 2 de marzo, o polifacético Aute (pintor, cantautor, poeta...) deu un ameno recital dalgúns dos seus "poemigas" -como el os chama por seren breves textos que teñen algo de poético- seleccionados do libro AnimalHada. Mestura de aforismos, greguerías, ocorrencias e xogos de palabras lembrounos o Elucidario de Gonzalo Navaza, publicado por Xerais no ano 1999 e que xa vira a luz anteriormente no desaparecido Diario de Galicia.

Presentado por Antón Sobral, membro do Ateneo, e a deputada provincial Ana Isabel Vázquez, é o primeiro do proxecto "Pontevedra, imán de palabras" no que en datas futuras intervirán Luis García Montero, Luis Alberto de Cuenca e Yolanda Castaño. Agardamos que todos teñan a altura deste, pois Aute durante unha hora recitou os poemigas acompañándoos en ocasións con comentarios e explicacións, como o que di "Por una vez, perdió el juicio el juez", do que asegurou que non estaba dedicado ao xuíz Garzón, pero que aproveitaba a ocasión para dedicarllo, e provocando constantemente o sorriso, o aplauso ou a reflexión.