Salvando libros: un proxecto colaborativo

 Unha vez máis, un bo feixe de bibliotecas escolares galegas puxéronse á tarefa de botar adiante un proxecto conxunto. A raíz dunha proposta inicial, a través de correos electrónicos de ida e volta, foise perfilando a idea de SALVAR UN LIBRO a fin de "chamar a atención sobre a importancia de apreciar, coidar e manter o noso patrimonio cultural escrito". Un total de 96 bibliotecas escolares de distintos niveis de ensino sumáronse a este traballo conxunto. Despois dunha fase interna, cada centro educativo elixiu un libro galego para salvar, que son os que se recollen nuns carteis, deseñados polo ilustrador Jaime Eizaguirre Santillán, ex-alumno do IES Sánchez Cantón e que xa ten colaborado en proxectos anteriores, sempre de forma desinteresada. O traballo estivo coordinado polas responsables das bibliotecas de EEI de Vide (As Neves) e do IES Luís Seoane (Pontevedra), coa colaboración tamén da responsable do IES Sánchez Cantón (Pontevedra).