Educación documental

Recursos para Investigación e Tratamento da información. ALFIN

Desde a biblioteca do CEIP Canosa-Rus, de Coristanco (A Coruña) chéganos esta infografía que describe moi ben o proceso dun traballo de busca documental e que constitúe un material de interese para o profesorado que está a traballar as competencias no uso, tratamento e produción de información co seu alumnado, ben sexa a través das materias de libre configuración de primaria ou de 1º/2º Curso de ESO, ou en calquera outra materia na que se pretenda habituar ao alumndo á realización de pequenos traballos de investigación, con consulta de diversas fontes, contraste da información e elaboración de traballos propios. 

Nesta páxina hai xa recollidos moitos materiais elaborados polo profesorado nos últimos anos que pode resultar útil á hora de abordar os contidos de alfabetización informacional e mediática (baixo a etiqueta ALFIN ou Educación Documental), pero imos recoller algúns tamén nesta entrada [EN CONSTRUCIÓN]

1. MATERIAIS DE FORMACIÓN DE USUARIOS:

2. RECURSOS PARA O TRABALLO COA INFORMACIÓN

3. RECURSOS PARA O TRABALLO POR PROXECTOS

 

 

 

4. OUTROS RECURSOS PARA ALFABETIZACIÓN INFORMACIONAL E MEDIÁTICA

8 de marzo, Día Internacional da Muller - 2016

 

O calendario civil ofrece oportunidades para que as bibliotecas escolares exerzan o seu papel de apoio ao desenvolvemento do currículo e ás actividades formativas de carácter "transversal" como é a educación en valores. Todos os días son días de traballo pola igualdade pero nestas datas de marzo volve ser urxente lembrar a presenza das mulleres na sociedade e preparar as alumnas (e os alumnos) para exercer os seus dereitos nunha sociedade máis xusta. 

Comezan a chegar novas das actividades nas bibliotecas escolares galegas  arredor desta data:

30 de xaneiro, Día Escolar da Non Violencia e a Paz - 2016

capa guía de lectura IES Lucus AugustiA última semana de xaneiro garda unha data ben significativa no ámbito educativo, o Día EScolar da Non Violencia e a Paz (30 de xaneiro) que conmemora a morte de Mahatma Gandhi en 1948. Os centros educativos acostuman aproveitar esta data para traballar de forma intensiva contidos propios da Cultura de Paz:

"Posto que as guerras nacen na mente dos homes, é na mente dos homes onde deben erixirse os baluartes da paz" (Declaración da Constitución da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura).

Velaquí algúns exemplos do traballo nas bibliotecas escolares galegas por mor desta celebración:

Outros recursos:

10 de decembro, Día dos Dereitos Humanos, nas bibliotecas escolares

Entre os moitos "días D" do calendario civil o 10 de decembro é un dos máis siginificativos en termos educativos e así o entenden as bibliotecas dos centros, que aproveitan esta data para lembrar o imprescindible: a norma da que se dotou a humanidade para poder seguir avanzando na construción dunha sociedade máis xusta para todas e todos. En momentos coma estos, lembrar os Dereitos Humanos é insoslaiable. Así, por exemplo, desde a biblioteca do IES Manuel García Barros (A Estrada), achégannos un documento elaborado para dar a coñecer a realidade dos albinos en Tanzania, unha mostra do moito que queda por facer en materia de dereitos humanos en distintos lugares do mundo.

 

 

Algunhas outras propostas desde bibliotecas escolares galegas:

  •  IES Lucus Augusti: Conmemoriación do Día dos Dereitos Humanos
  • IES Manuel García Barros (A Estrada): Dereito á educación - Día dos Dereitos Humanos
  • IES Santiago Basanta Silva (Vilalba): Dereitos Humanos (exposición de fondos, guía de lectura, guía de películas, música sobre dereitos humanos, actividades...) 
  • IES Xoán Montes (Lugo): Día dos Dereitos Humanos
  • Traballos premiados no II Concurso de Traballos por Proxectos (curso 2014/2015)

     
    O Portal Educativo publica a Resolución de 3 de decembro de 2015, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se dan a coñecer os traballos galardoados no II Concurso de Traballos por Proxectos, coordinados ou apoiados pola biblioteca escolar, e que corresponden a actividades levadas a cabo durante o curso 2014/2015. Presentáronse un total de 79 traballos de distintas modalidades e coas máis variadas temáticas.
    Os 16 centros premiados recibirán as asignacións previstas para cada modalidade e que se detallan na resolución, que deberán destinar a atender necesidades da biblioteca escolar, especialmente no ámbito da información. 
    En breve  comezarase a difusión dos diferentes proxectos a través desta mesma páxina. 
    Na imaxe, alumnado do IES Lagoa de Antela, nunha sesión de traballo na biblioteca.

    25 de novembro: Día Internacional contra a Violencia de Xénero

    Fóra de control

    A quen chamo, como visto, onde andabas metida...

    En canto valoras, my boy, este corte de mangas?

    Carlos Negro.  Penúltimas tendencias

    Desde o IES Lucus Augusti (Lugo) chéganos este  vídeo informativo sobre as orixes da celebración do 25 de novembro como Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Desde as bibliotecas escolares apóiase a conmemoración deste día no que os actos han ser coherentes coa finalidade: desterrar o machismo da nosa sociedade,  a través da educación e a "tolerancia 0" coas actitudes e manifestacións que o expresan e o alimentan. 

     

    Aprender a investigar. Proposta para 4º e 6º de primaria (libre configuración)

    A normativa curricular vixente para as ensinanzas de primaria contempla unha hora semanal de libre configuración para 4º e 6º de primaria, que os centros poden dedicar a diferentes cuestións en función das necesidades do alumnado e do proxecto educativo de centro. Trátase dunha excelente oportunidade para traballar co alumnado contidos de uso, tratamento e produción de información, os denominados contidos ALFIN (Alfabetización Informacional) a través de pequenos proxectos de investigación. Esta sería unha intervención decidida a favor da competencia informacional do alumnado, integrada na chamada "competencia dixital", unha das chamadas competencias "clave" que agocha un complexo entramado de habilidades, destrezas, coñecementos e actitudes imprescindibles para se mover na sociedade da información.
    A partir do desenvolvemento curricular que a Consellería de Cultura, Educación e O.U. ten publicado para unha materia de libre configuración denominada, INVESTIGACIÓN E TRATAMENTO DA INFORMACIÓN, destinada a 1º e 2º curso de ESO,  e coa bagaxe da súa longa experiencia de traballo neste ámbito como responsables da biblioteca escolar, as profesoras, Isabel Vázquez, do CEIP Quintela (de Moaña, Pontevedra), e Olga Rodríguez, do CEIP Milladoiro (de Malpica, A Coruña), coa colaboración da Asesoría de bibliotecas escolares, veñen de realizar unha adaptación  para 4º e 6º curso de primaria, baixo o título APRENDER A INVESTIGAR, á que se dá difusión pola axuda que pode supoñer ao profesorado dos centros nos que xa se está a traballar neste ámbito. Pode, así mesmo, espertar o interese entre o conxunto do profesorado, que pode incluír estes contidos na súa práctica pedagóxica nas distintas áreas de aprendizaxe. 
    Na imaxe, nenas e nenos do CEIP de Leirado, nunha sesión de traballo coa información na súa biblioteca escolar.

    Como atopar un libro na biblioteca

    Desde o CEIP Sofía Casanova, de Culleredo (A Coruña), chéganos esta ferramenta para a formación de usuarios e usuarias da biblioteca escolar: Como atopar un libro na biblioteca. Coñecemos tamén que a biblioteca ten un STAB, un Servizo Técnico de Axuda á Biblioteca, formado polo alumnado colaborador, cunhas funcións moi concretas que aparecen tamén recollidas nesta presentación:

    30 de xaneiro: a Cultura de Paz nas bibliotecas escolares

    Avanza o mes de xaneiro cara unha data ben significativa no ámbito educativo, o Día EScolar pola Paz (30 de xaneiro) que conmemora a morte de Mahatma Gandhi, hai agora 67 anos. Os centros educativos acostuman aproveitar esta data para traballar de forma intensiva contidos propios da Cultura de Paz:

    "Posto que as guerras nacen na mente dos homes, é na mente dos homes onde deben erixirse os baluartes da paz" (Declaración da Constitución da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura)

     

     

    Proxecto Interdisciplinar 1º ESO: Xogos. CPI Cernadas de Castro

     

    O alumnado de 1º de ESO do CPI Cernadas de Castro, de Lousame, traballou nun proxecto denominado XOGOS, na materia de Proxecto Interdisciplinar, durante o curso 2013/2014. Este traballo mereceu un dos premios do Concurso de Traballo por Proxectos, na modalidade de Proxecto Interdisciplinar de 1º ESO, de temática científica (boa parte do traballo está relacionada relaciona os xogos e as ciencias ou a tecnoloxía). 

    Inveestigar sobre xogos e xoguetes, construílos, aprender a xogar, ensinar a outros, realizar maquetas, amosar os seus traballos nun blogue, facer a presentación das súas investigacións a través do kamishibai... foron algunhas das actividades levadas a cabo durante o desenvolvemento do proxecto. 

    Proxecto Interdisciplinar 1º ESO: Danzas tradicionais de Cangas. IES Monte Carrasco

    O Proxecto Interdisciplinar é unha materia de 1º de ESO, cunha carga lectiva dunha hora semanal, que está orientada a que o alumnado adquira as habilidades necesarias para poder realizar traballos de investigación con distintas fontes informativas, e a guiar a súa propia aprendizaxe, a través da realización de traballos concretos mediante a metodoloxía de proxectos, cun enfoque interdisciplinar. Cando a biblioteca escolar ten clara a súa función, apoia de forma incondicional ao profesorado que imparte esta materia e, en ocasións, son os membros do equipo de biblioteca quen se encargan de impartila, porque atopan unha ocasión única para impartir os contidos ALFIN, esa cuestión urxente no ensino secundario. 

    AS DANZAS TRADICIONAIS DE CANGAS é o proxecto presentado polo IES Monte Carrasco (Cangas do Morrazo) que acadou premio no Concurso de Traballos por Proxectos, na modalidade de Proxecto Interdisciplinar de 1º de ESO. O traballo desenvolvido ao longo do curso 2013/2014 conseguíu que o alumnado de 1º de ESO coñecese en profundidade as danzas tradicionais do seu concello, un patrimonio cultural de gran valor; que interrelacionase con  membros da comunidade  escolar e con institucións culturais de Cangas para recabar información, para aprender a facer os traxes e mesmo a bailar unha das danzas, a danza de Darbo, parroquia na que está ubicado o centro. O proxecto estivo coordinado por un membro da biblioteca escolar e esta foi unha ferramenta fundamental para todo o traballo de documentación, como é a súa función. 

    Proxectos de investigación: A Arte da Natureza. CPI Virxe da Saleta

     

    Os alumnos e alumnas de ensino secundario do CPI Virxe da Saleta, de San Cristovo de Cea, xunto co profesorado dos departamentos de Bioloxía e Lingua Castelá e Literatura, embarcáronse durante o curso 2013/2014 nun proxecto sobre as árbores que titularon "A Arte na Natureza",a través do cal coñeceron en profundidades as árbores máis comúns na súa contorna. Un traballo descriptivo, con recompilación de textos poéticos, imaxes artísticas e traballo lingüístico coa identificación do nome de 35 árbores en galego, castelán, inglés e francés. Toda a información está recollida en láminas, que pasaron a formar parte dos fondos da biblioteca escolar, ademais de estar dispoñibles en formato electronico. 

    Este traballo foi merecedor dun premio no concurso de Traballos por Proxectos, na modalidade de proxectos de investigación, con temática científica. 

     

     

    Proxecto de investigación: O niño de Cecilia. CEIP Juan Rey

    O alumnado de ensino infantil do CEIP Juan Rey (Lourenzá, Lugo) aprendeu moito sobre os paxaros e os seus niños con este proxecto titulado "O niño de Cecilia", que levaron a cabo no 3º trimestre do curso 2013/2014. Este traballo mereceu un dos premios da modalidade Proxecto de investigación de ciclo/departamento (temática científica), no Concurso de Traballos por Proxectos.

    A partir dunha anécdota real (A Cecilia trouxéranlle seus pais como agasallo, logo dunha viaxe a Francia, un niño artificial de paxaros), iinventaron un conto "O niño de Cecilia", nvestigaron sobre as aves e os seus niños, observáronas con atención e tomaron boa nota nas correspondentes  fichas de observación, fixeron un libro sobre os paxaros, elaboraron un libro de recitas con ovos... 

    Proxecto de investigación: Proxecto Chuny Vázquez. CEIP Manuel Rodríguez Sinde

     

    Chuny Vázquez é o nome polo que se coñece á escritora e pintora de A Guarda María Asunción Vázquez Vicente. E Chuny Vázquez é o título do proxecto de investigación que levaron a cabo os alumnos e alumnas de 1º e 2º cursos de ensino primario, coas súas titoras e a colaboración da biblioteca e do Equip de Dinamización da Lingua Galega. Este traballo mereceu un dos premis outorgados na resolución do Concurso de Traballos por Proxectos desenvolvidos durante o curso 2013/2014, na modalidade de proxecto de inveestigación de ciclo/departamento, de temática xenérica. 

    O alumnado traballou concretamente o xénero da biografía e para realizar a desta artista da súa localidade, tiveron que facer pescudas bibliográficas, achegarse ás súas pinturas e aos seus escritos, preparar e levar a cabo unha entrevista coa pintora, planificar e desenvolver todo o traballo de investigación e elaborar a biografía final, entre outras actividades.

    Proxecto de investigación: Tralas pegadas do home (e da muller) na Historia

    Tralas pegadas do home na Historia é un proxecto de investigación levado a cabo por alumnado e profesorado de ensino infantil do CEIP Porto Cabeiro, de Redondela, durante o curso 2013/2014 (de xaneiro a abril) e que mereceu un premio no Concurso de Traballos por Proxectos na modalidade de Proxectos de investigación de ciclo/departamento, de temática xenérica. 

    Foron moitas as actividades xeradas por este proxecto e moitos os coñecementos e habilidades adquiridas sobre os petroglifos, o tallado da pedra, as receitas prehistóricas, os animais prehistóricos, as pinturas das covas ou a maneira de vivir das persoas na prehistoria.

    Proxecto de investigación: Viaxe polo Universo. CEIP A Rúa

     

    O alumnado de 6º Curso de primaria do CEIP A Rúa, de Cangas do Morrazo, xunto coa súa profesora titora, as profesoras de inglés e de pedagoxía terapéutica e o orientador do centro, embarcáronse nunha viaxe de ida e volta que chamaron VIAXE POLO UNIVERSO e que lles levou todo o curso escolar 2013/2014. Nesta viaxe aprenderon a orientarse, traballaron con astrónomos e enxeñeiros, investigaron sobre a materia ou a forza de gravidade, entre outros moitos contidos. Visitaron o Observatorio Astronómico de Cotobade e o  Museo Massó, de Bueu, entre outras moitas actividades. 

    Este traballo mereceu un premio no concurso de Traballos por Proxectos, na modalidade de Proxectos de investigación de grupo/nivel, na modalidade de ciencias. 

    Proxecto de investigación: Comesán 2014. CPI San Vicente

    O alumnado de 3º ciclo de Primaria do CPI San Vicente (A Baña), coa participación da biblioteca escolar, a súa profesora titora e outro profesorado do centro, ademáis do persoal do comedor escolar, embarcáronse no curso 2013/2014 nun proxecto de investigación e de aprendizaxe que chamaron COMESÁN 2014, para o que tamén contaron coa implicación das familias. Este traballo foi premiado no Concurso de Traballos por Proxectos na modalidade de Proxectos de investigación de grupo/nivel e temática científica. 

    Proxecto Documental Integrado: Mulleres con valor. IES Xoán Montes

     

    MULLERES CON VALOR é o título do proxecto documental integrado presentado polo IES Xoán Montes, de Lugo, desde o Departamento de Lingua e Literatura Galega, en colaboración coa biblioteca escolar e no que participou alumnado de 1º de ESO. Trátase dun estudo sobre a presenza da muller no papel moeda dos diversos países europeos, coa elaboración de pequenas biografías a partir da investigación realizada sobre as mulleres representadas nos distintos billetes. Un traballo de gran interese que nos dá a coñecer a mulleres científicas, políticas, artistas..., traballadoras en campos moi variados, e entre elas, a escritora galega Rosalía de Castro. Este traballo acadou un galardón no Concurso de Traballos por Proxectos, na categoría de Proxectos de investigación de grupo/nivel, de temática xenérica. 

     

    Unha ferramenta ALFIN desde o CEIP Frián-Teis

    Desde o CEIP Frián-Teis de Vigo achégannos este titorial para a formación do alumnado na escolla de imaxes respectando os dereitos de autor. Unha ferramenta imprescindible para traballar contidos ALFIN, concretamente o uso ético da información, e neste caso, o uso ético das imaxes que se poden descargar de Internet. Podémolo ver no blogue da biblioteca
    É de agradecer á responsable da biblioteca do Frián-Teis a xenerosidade ao ofrecer este titorial ao colectivo das bibliotecas escolares. Teñen elaborado xa outros materiais para a educación no tratamento da información igualmente interesantes e tamén dispoñibles AQUÍ

    Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas ESCOLARES

    Vai andado medio mes de novembro e xa temos noticia dalgunhas bibliotecas escolares en relación coas súas actividades arredor das ciencias:

    Ciencias na cociña, desde a EEI de Vide (As Neves), onde asistimos á elaboración de "castañas en almibre", nas voces dos pequenos e pequenas. Imprescindible!



    Proxecto de investigación: En marzo pintamos con Miró. EEI de Vide

    A Escola de Educación Infantil de Vide (As Neves) ten unha longa traxectoria no traballo por proxectos. Entro outros moitos, cada ano adican un tempo a coñecer un pintor ou unha pintora. Desta vez tocoulle a Miró e con este proxecto obtiveron un dos galardóns do Concurso de Traballos por Proxectos, a modalidade de proxectos de investigación de grupo/nivel, de temática xeral. E este foi o traballo realizado polo alumnado, un grupiño de 10 alumnos coa súa profesora e a impliciación de toda a comunidade educativa:

     

    Proxecto Documental integrado: Medindo e contando. CEIP P. Alexandre Bóveda

     

    "Medindo e contando" é o proxecto documental que desenvolveron no CEIP plurilingüe Alexandre Bóveda, de Redondela, durante o curso 2013/2014 e que foi recoñecido cun premio no Concurso de Traballos por Proxectos, na modalidade de Proxectos Documentais Integrados, coordinados desde a biblioteca escolar, na temática de ciencias. 

    As matemáticas na vida cotía, con actividades en todas as áreas de aprendizaxe e propostas orixinais, das que fan tomar "medidas" á realidade máis próxima. 

    Proxecto Documental Integrado: E agromará outro bosque. CPI Manuel Suárez Marquier

    "E agromará outro bosque" é o título do proxecto documental que o CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal) desenvolveu ao longo do curso 2013/2014, e que mereceu un dos premios no Concurso de Traballo por Proxectos, na modalidade de Proxectos Documentais Integrados, coordinados desde a biblioteca escolar, de temática xenérica. 

    Tralos incendios do verán do 2013, o Equipo de Bbilioteca, o Equipo de Normalización Lingüística e os responsables do centro do Programa Proxecta deseñaron un proxecto interdisciplinar no que participou practicamente a meirande parte do alumnado e profesorado do centro. 

    Proxecto Documental Integrado: As plantas. CEIP Espiñeira-Aldán.

    No curso 2013/2014 o CEIP Espiñeira-Aldán (Cangas) desenvolveron un proxecto documental sobre as plantas do seu  patio, e  a partir deste estudio botánico abordaron outras aprendizaxes do seu medio máis próximo. Esta experiencia foi unha das premiadas no Concurso de Traballos por Proxectos, na súa primeira convocatoria, na modalidade de PDI, coordinados desde a biblioteca escolar, con temática científica. 

    Proxecto Documental Integrado: Bergondo nun conto. CPI Cruz do Sar

     

    O CPI Cruz do Sar, de Bergondo, acadou galardón con este proxecto "Bergondo nun conto", no Concurso de Traballos por Proxectos, na modalidade de Proxectos Documentais Integrados de temática xenérica. 

    Trátase dun proxecto anual, deseñado e coordinado desde a biblioteca escolar e destinado a que profesorado e alumnado coñezan o seu concello e profundicen na súa xeografía, historia, patrimonio arquitectónico, industria, actividades agropecuarias, natureza, ou  personaxes importantes que naceron ou viviron en Bergondo.