2008/2009

Para a reflexión...

Ao fío da lectura das memorias e proxectos dos centros do Plan de mellora de bibliotecas escolares, algunhas oportunidades para a reflexión e mesmo o debate:

"Neste momento, os fondos adquiridos son o suficientemente variados, están actualizados e inclúen diferentes formatos (libros, revistas, cdroms, dvds, etc.). O problema que observamos é que están infrautilizados, tanto por parte do alumnado (especialmente en secundaria), pero, sobre todo, polo profesorado. A nosa biblioteca non é utilizada dun xeito xeralizado polos profesores como centro de recursos (nin para eles nin para os seus alumnos). Cremos que existe unha excesiva dependencia do libro de texto e os materiais complementarios que ofrecen as editoriais, e o profesorado non considera importante traballar con outras fontes. Asemade, o alumnado manifesta importantes carencias á hora de buscar, cotexar, seleccionar e utilizar información (tanto en fontes tradicionais como  electrónicas). Por iso, consideramos que a B.E. debería ir camiñando cara á súa constitución como elemento e lugar fundamental de aprendizaxe." (Extracto das liñas prioritarias para o curso 2009/2010 dun centro PLAMBE)

Un motivo máis: esta excelente invitación a facer das bibliotecas escolares un espazo "mellor que Internet" para facer fronte aos retos da sociedade actual: Teresa Calçada, coordenadora do programa de Bibliotecas Escolares Portuguesas 

Memoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares - 2008/2009

Lembramos que a data de presentación da xustificación de gastos e da memoria correspondente ao curso 08/09 remata o 15 de xuño, tal e como aparece recollido no punto oitavo da  correspondente orde de convocatoria.

Caderno informativo 2008/2009

Coma os anos anteriores, pero esta vez en formato Pdf, edítase una caderniño informativo cunha relación dos centros integrados neste curso 2008/2009 no Plan de mellora de bibliotecas escolares, así como unha exhaustiva relación de recursos bibliográficos e electrónicos de interese para o profesorado dos equipos das bibliotecas escolares. Complétase o caderno con informacións referidas ao modelo de biblioteca escolar, os proxectos lectores de centro, o programa de fomento da lectura Hora de ler, etc.

Dispoñibles os materiais dos encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 08/09

Os materiais correspondentes aos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares, celebrados os pasados 16 e 17 de abril, en Compostela, están dispoñibles no seguinte enderezo:

http://www.edu.xunta.es/biblioteca/redeBE/

Tamén estarán dispoñibles, nos vindeiros días, os vídeos correspondentes ás conferencias dos diversos relatores convidados.

Encontros dos centros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2008/2009

Os vindeiros 16 e 17 de abril, en Santiago de Compostela (Escola Galega de Administración Püblica, EGAP), terán lugar os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2008/2009, nos que se reunirán integrantes dos equipos de biblioteca daqueles centros que están incluídos neste programa da Consellería de Educación no actual curso 2008/2009.

Esta actividade de formación está pensada como un espazo de encontro entre o profesorado responsable destas bibliotecas escolares, con tempos para a reflexión conxunta e o intercambio de experiencias e materiais sobre os aspectos básicos relacionados coa xestión, dinamización e visibilización destes imprescindibles recursos educativos. As achegas de expertos como Glòria Durban, Ana Bernal, Felipe Zayas, Concha Costas, César Iglesias, Encarnación López Chicano, Juana Vázquez ou Emilio Pascual, axudarán con toda seguridade aos profesionais das bibliotecas escolares a avanzar na súa formación, o que garante apoios decisivos para a mellora da calidade do ensino que se imparte nos centros.  PROGRAMA

Anexos para a xustificación de gastos do PLAMBE 08/09

Os centros incluídos no Plan de mellora de bibliotecas escolares no curso 2008/2009 deberán presentar a memoria de actividades, xunto coa xustificación de gasto das cantidades asignadas no orde de resolución (DOG de 5/09/08), antes do 15 de xuño de 2009. Achéganse os impresos que se remitirán á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa (Asesoría de bibliotecas escolares).

Plan de mellora de bibliotecas escolares 2008/2009. Resolución

No DOG do 5 de setembro aparece publicada a Orde de 28 de agosto de 2008 pola que se resolve a convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2008-2009. Incorpóranse ao PLAMBE 70 novos centros. Trala baixa por propia vontade de tres centros, son xa 224 bibliotecas escolares as que integran a rede.

Publicado no Portal Educativo da Consellería de Educación.

Relación provisional de centros que se incorporan ao Plan de mellora de bibliotecas escolares-08/09

Públicase con data 10 de xullo, no Portal Educativo, sección Bibliotecas Escolares (convocatorias), a relación provisional de centros seleccionados para incorporarse no curso 2008/2009 ao Plan de mellora de bibliotecas escolares. A resolución definitiva incluirá o listado completo de centros incluídos neste programa, así como as asignacións concedidas en cada caso.

Convocatoira do Plan de mellora de bibliotecas escolares - 2008/2009

 

 O DOG do 7 de maio publica a Orde de 25 de abril pola que se convoca o PLAN DE MELLORA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES para o curso 2008/2009. Coma en ocasións anteriores, poderán participar os centros xa integrados no programa e todos aqueles centros públicos de titularidade da Consellería de Educación que desexen a súa inclusión neste programa de reactivación das bibliotecas escolares, como recursos imprescindibles para unha educación de calidade.

Texto da convocatoria

Enlace con documentos para cubrir directamente e imprimir