Voluntariado de lectura-A

Resolución "Voluntariado de lectura-A" e Selo "Biblioteca Escolar Solidaria"

O Portal Educativo publica hoxe, 22 de maio, a resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se resolve a convocatoria do programa Bibliotecas Escolares Solidarias en dúas das súas accións: Voluntariado de lectura-A (Primaria) e o Selo "Biblioteca Escolar Solidaria" 

  1. Voluntariado de lectura-A: Seleccionaráronse 8 centros, vistas as memorias de actividades presentadas por 52 dos 56 centros inscritos nesta iniciativa.
  • CEIP Francisco Vales Villamarín, de Betanzos (A Coruña)
  • CEIP Nicolás del Río, de Cedeira (A Coruña)
  • CEIP Ramón Falcón, de Castro de Rei (Lugo)
  • CEIP P. Virxe do Carme, de Sober (Lugo)
  • CEIP P. Manuel Bermúdez Couso, de Pobra de Trives (Ourense)
  • CEIP A Sangriña, de A Guarda (Pontevedra)
  • CEIP Altamira, de Salceda de Caselas (Pontevedra)
  • CEIP Leirado, de Salvaterra do Miño (Pontevedra)

2. Selo "Biblioteca Escolar Solidaria": Concédese o Selo ao CRA MESTRA CLARA TORRES, de Tui (Pontevedra).

Xornadas de convivencia do Voluntariado de lectura-A 2016

Entre o 24 e 27 de maio celebráronse no CRD da Coruña (Culleredo) as Xornadas de convivencia do Voluntariado de lectura-A deste curso 2015/2016, coa participación de 50 nenas e nenos, xunto co profesorado que os acompañaba, procedentes de catro centros de distintos lugares de Galicia que participaran nesta iniciativa integrada no programa Bibliotecas Escolares Solidarias. Un programa intenso de actividades pensado para que a experiencia fose educativa e enriquecedora: obradoiros de xogos cooperativos e tradicionais, lectura expresiva, narración oral, danzas do mundo, teatro, cantos e danzas tradicionais, formación de usuarios e elaboración dun booktrailer co teléfono móbil completáronse coa visita á Biblioteca Ágora e ao Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, ambos en A Coruña.

Este vídeo, elaborado por Aurora Ramilo, do CEIP de Leirado, ilustra moi ben o ambiente vivido nestes catro días de convivencia e aprendizaxe por nenas e nenos que colaboran durante todo o ano na biblioteca escolar do seu centro,  unha actividade que lles axuda a medrar como persoas autónomas, con habilidades para a toma de decisións e o traballo colaborativo, ao tempo que reforzan as súas destrezas en materia de lectura e de escritura.  

- Información sobre a visita á Biblioteca Pública Municipal Ágora en SUMA ÁGORA

Voluntariado de lectura-A, 2015/2016. Centros seleccionados para as Xornadas de convivencia

O Portal Educativo publicou recentemente a Resolución da D.X. de Centros e Recursos Humanos, de 6 de maio de 2016, pola que se resolve a convocatoria de Voluntariado de lectura-A correspondente ao curso 2015/2016, unha iniciativa integrada no programa Bibliotecas Escolares Solidarias. Recibidas as memorias de actividades do alumnado voluntario na biblioteca escolar durante o presente curso, a comisión de valoración prevista na convocatoria acordou seleccionar catro centros de entre os inscritos nesta iniciativa, co fin de que unha representación do seu alumnado voluntario participe nas Xornadas de convivencia do Voluntariado de Lectura, a celebrar do 24 ao 27 de maio no Centro Residencial Docente da Coruña (Culleredo). Ao renunciar o único centro inscrito da provincia de Ourense, acordouse escoller un centro máis da provincia con maior porcentaxe de participación:

Un grupo de 50 alumnas e alumnos (acompañados dun/ha profesor/a) procedentes destes centros participará durante catro días dun intenso programa de actividades todas elas relacionadas con actividades colaborativas, xogos tradicionais, lectura expresiva, xogo dramatizado, danzas do mundo, narración oral ou música e danza tradicionais. O programa complétase cunha visita á Biblioteca Pública Ágora e ao Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, de A Coruña. Cada grupo de alumnos e alumnas voluntarios da lectura terá oportunidade para amosar aos seus compañeiros e compañeiras as actividades que ao longo do curso realizaron como axudantes da biblioteca escolar na xestión da biblioteca pero tamén na organización de actividades de lectura destinadas a outros alumnos e alumnas do centro, as chamadas activdades de lectura compartida dentro ou fóra do centro.

Centros adscritos a accións de voluntariado na biblioteca escolar. Bibliotecas Escolares Solidarias 2015/2016

O Portal Educativo publicaba o venres 29 de xaneiro a listaxe de centros adscritos a dúas das accións contempladas na convocatoria do programa BIBLIOTECAS ESCOLARES SOLIDARIAS para o curso 2015/2016:

Este programa é o resultado dunha colaboración entre a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos (Consellería de Cultura, Educación e O.U.) e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado (Consellería de Política Social).

Xornadas de Voluntariado de Lectura-A en Culleredo 2015

   Do 26 ao 29 de maio, o CRD da Coruña (Culleredo) acolleu ao alumnado de Voluntariado de Lectura-A de catro centros galegos que foran seleccionados entre os 42 que presentaron memoria de actividade, ao abeiro deste programa iniciado no curso 13/14 e que actualmente se integra no programa "Bibliotecas Escolares Solidarias".  Un total de 49 nenas e nenos de 5º e 6º de Primaria dos centros gañadores participaron nas XORNADAS DE CONVIVENCIA DO VOLUNTARIADO DE LECTURA cun programa intenso de actividades relacionados coa lectura o traballo cooperativo e a educación en valores de voluntariado e solidariedade.
 

A rapazada asistente a estas xornadas de convivencia procedían dos seguintes centros: 

  • CEIP Vales Villamarín, de Betanzos (A Coruña)
  • CEIP Ramón Falcón, de Castro de Rei (Lugo)
  • CEIP Carlos Casares, de Xinzo da Limia (Ourense)
  • CEP Altamira, de Salceda de Caselas (Pontevedra) 
O alumnado estivo acompañado en todo momento por unha profesora de cada centro e polos membros do equipo da Asesoría de Bibliotecas Escolares. Esta actividade está organizada pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos xunto coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, e conta coa colaboración do Centro Residencial Docente de A Coruña.

Voluntariado de Lectura - A: centros seleccionados para as xornadas de convivencia 2015

 

Publicada no Portal Educativo a resolución de 13 de maio de 2015 pola que se comunica a selección de centros que, finalmente, participarán nas xornadas de convivencia do Voluntariado de Lectura-A (5º e sexto de primaria), que terán lugar no CRD da Coruña (Culleredo) entre o 26 e o 29 de maio. Un grupo de 50 nenas e nenos, en representación dos voluntarios e voluntarias da biblioteca escolar do seu centro, asistirá a estas xornadas nas que participarán en obradoiros e actividades diversas relacionadas coa lectura expresiva, a narración oral, os xogos cooperativos e tradicionais, o traballo colaborativo, a robótica, o teatro, as danzas do mundo ou bailes tradicionais. Visitarán, así mesmo a Biblioteca "Ágora" e o Museo Nacional de Ciencia e Tecnología (MUNCYT) na Coruña. Dos 45 centros inscritos neste curso presentaron memorias das súas actividades un total de 42 centros, con experiencia nas distintas modalidades (colaboración na biblioteca escolar, lecturas compartidas dentro do centro, lecturas compartidas fóra do centro). Estes"voluntarios de lectura" procederán dos seguintes centros:

  • CEIP Francisco Vales Villamarín (Betanzos, A Coruña)
  • CEIP Ramón Falcón (Castro de Rei, Lugo)
  • CEIP Carlos Casares (Xinzo da Limia, Ourense)
  • CEP Altamira (Salceda de Caselas, Pontevedra)


Listaxe de centros inscritos na acción Voluntariado de lectura-A

 
O pasado 24 de novembro publicábase no Portal Educativo a Resolución da Dirección Xeral de Centros e RRHH pola que se impulsa, por segundo ano, o voluntariado cultural relacionado coa lectura entre o alumnado dos centros de ensino non universitario, de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da iniciativa denominada Voluntariado de lectura - A, para o curso 2014/2015. Esta iniciativa queda acollida ao programa Bibliotecas Escolares solidarias, segundo resolución da D. X. de Centros e RRHH de 5 de decembro de 2014. 
Rematado o prazo de inscrición, publícase agora a relación de centros inscritos nesta iniciativa, que desenvolverán as súas actividades durante o presente curso 2014/2015 e que antes do 25 de abril deberán remitir a memoria correspondente para a súa valoración. 
Entre as memorias presentadas, elixiranse catro centros dos que un total de 50 alumnos e alumnas participarán nunhas xornadas de convivencia que terán lugar no CRD da Coruña, a finais de maio/comezos de xuño de 2015. 
O total de centros inscritos é de  45, coa seguinte distribución:
  • A CORUÑA: 15 centros
  • LUGO: 6 centros
  • OURENSE: 3 centros
  • PONTEVEDRA: 21 centros

Voluntariado de lectura-A. Curso 2014/2015

O Portal Educativo publica hoxe a Resolución do 24 de novembro de 2014, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se pretende impulsar o voluntariado cultural relacionado coa lectura entre o alumnado de 5º e 6º de primaria, dos centros de titulariade da Consellería de Cultura, Educación e O.U., a través da iniciativa denominada "Voluntariado de Lectura-A", integrada no programa Hora de Ler, para o fomento da lectura nos centros de ensino, e para o curso 2014/2015.

Os centros interesados poden presentar solicitudes desde hoxe e ata o 15 de decembro, mediante o impreso e o procedemento recollido na resolución. 

As memorias de actividades desenvolvidas ao longo do curso presentaranse, posterioremente, con data límite do 25 de abril de 2015. 

As accións recollidas por esta convocatoria están relacionadas co labor de voluntariado cultural que desempeña o alumnado colaborador da biblioteca escolar, ben na xestión e dinamización da biblioteca, ben no deseño e desenvolvemento de actividades de lectura compartida, dentro ou fóra do centro. 

O alumnado dos centros finalmente seleccionados participarán, coma no curso anterior, nunhas xornadas de convivencia que se desenvolverán no CRD de A Coruña, a finais de maio/comezos de xuño. 

Esta iniciativa é froito da colaboración entre a Dirección Xeral de Centros e RRHH (Consellería de Cultura, Educación e O.U), e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado (Consellería de Traballo e Benestar), integrándose como programa de voluntariado. 

Iniciouse a Xornada do Voluntariado de Lectura no CRD da Coruña, en Culleredo

 

Os alumnos e alumnas  de Voluntariado de lectura-A, dos centros seleccionados para pasar unha semana no Centro Residencial Docente da Coruña (Culleredo), chegaron a última hora da mañá ás instalacións que lles servirá de base esta semana para unhas xornadas de convivencia arredor dos valores relacionados coa solidariedade, o voluntariado e o traballo colaborativo. Déronlle a benvida o Director Xeral de Centros e Recursos Humanos (de onde parte esta iniciativa, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado), así como a Subdirectora Xeral de Centros e a Directora do CRD da Coruña. O alumnado, procedente do CEIP José María Lage (Ortigueira), do CEIP Plurilingüe de Covas (Viveiro), do CEIP Filomena Dato (Barbadás) e do CEIP Manuel Sieiro (Crecente) participou, trala comida inicial, dunha tarde adicada aos xogos cooperativos e a aprender os rudimentos da Lingua de Signos. No segundo día destas xornadas de convivencia teñen prevista unha visita ás instalacións da Cruz Vermella, de A Coruña, con participación en obradoiros diversos, e xa pola tarde, terán oportunidade de presentar aos seus compañeiros e compañeiras as actividades de Voluntariado de lectura que levaron a cabo na biblioteca escolar e en actividades de lectura compartida, dentro ou fóra do centro, polas que foron seleccionados. 

+ INFORMACIÓN

Voluntariado de lectura-A: centros seleccionados.

 

O pasado día 13 de maio, publicouse no Portal Educativo a resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se daban a coñecer os centros seleccionados na convocatoria do programa VOLUNTARIADO DE LECTURA-A, para participar nunhas Xornadas de Convivencia de voluntariado cultural relacionado coa lectura, que se celebrará na última semana de maio no Centro Residencial Docente de A Coruña.

Nesta xornada os participantes (unha representación de 12 alumnos/as por centro, acompañados dun profesor ou dunha profesora), asistirán a diversos obradoiros, nos que se incidirá nos valores do voluntariado, con carácter xeral, e nas posibilidades do voluntariado cultural, o cooperativismo, os xogos tradicionais, a narración oral, o labor das ONG, os traballos solidarios e outros. Completarase con visitas a unha biblioteca e ás instalacións dunha ONG, onde desenvolverán diversas actividades. As nenas e nenos participantes tamén terán ocasión de presentar as actividades de voluntariado de lectura que levaron a cabo durante o curso ao resto de asistentes.

Como actividade integrada nos programas de voluntariado da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, todo o alumnado protagonista na xestión das actividades recollidas nas memorias dos diferentes centros participantes, durante o curso 2013/2014,  recibirá un diploma acreditativo polo seu labor de voluntariado de lectura.